Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 19 de xuño de 2001 Páx. 8.158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xuño de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, no curso 2001-2002 en centros da Comunidade Autónoma destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes, para a realización de estudios universitarios de 1º ciclo, 1º e 2º ciclo ou 3º ciclo (etapa de formación), no curso académico 2001/2002, conducentes a titulacións de carácter oficial e validez nacional nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia ( Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha contía de 25.000.000 de pesetas.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario non poderá supera-las 700.000 pesetas anuais (4.207,08 euros).

A determinación da contía de cada axuda establecerase en función do expediente académico, dos ingresos familiares e do país de procedencia.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2001/2002.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes segundo modelo ED 428A, que se publica como anexo a esta orde, asinada polo interesado, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades - Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. Para os efectos de información, os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de outubro de 2001 desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais fillos-netos) e ter residencia fóra da Comunidade Autónoma no momento da publicación da convocatoria.

-Estar en condicións de inicia-los estudios universitarios para os que se solicita a bolsa ó comezo do curso 2001/2002.

-Acredita-la súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para segui-los estudios regrados de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, e, cando se trate do terceiro ciclo, estar matriculado nun programa de doutoramento (etapa de formación) impartido nalgún departamento desas universidades.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou pasaporte do solicitante.

b) Documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega (copia libro de familia, partida de nacemento...).

c) Copia completa compulsada da declaración da renda da unidade familiar ou, no seu defecto, declaración xurada dos ingresos percibidos pola unidade familiar, correspondente ó exercicio de 2000.

d) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudios realizados polo solicitante, na que conste a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de estudios validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

e) No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da comisión organizadora das probas de acceso a estudios universitarios -no caso de Galicia, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG)- conforme son considerados aptos para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FPII, ciclos formativos de grao superior e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lles dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

f) Xustificante de matrícula correspondente ó curso académico 2001/2002.

g) Certificado de validacións de estudios cursados no estranxeiro polos equivalentes españois, cando proceda, ou xustificante de telo solicitado, se así o requiren os estudios que vaia realizar en Galicia.

h) Se a documentación estivese escrita en lingua diferente das que son oficinas en Galicia, xuntarase traducción do documento en cuestión en calquera das dúas linguas oficias: galego ou castelán.

i) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

j) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do solicitante, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Selección.

A selección farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media = suma de notas de cada materia / nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media = (N1.P1 + N2.P2+...) / C1.N1+C2.N2+...)

Onde :

N1= número de créditos de cada materia

P1= puntuación de cada materia

C1= número de convocatorias empregadas en cada materia.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Co-

ruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que pola súa vez actuará como secretario con voz e voto.

Artigo 9º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provincias, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia - Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.xunta.es/ceoug/dxu. As listas provisionais estarán expostas desde o día 7 ó día 17 de novembro de 2001. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas

de documentación ante a Dirección Xeral de Univer-

sidades presentando se é o caso, a documentación

necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos bolseiros.

-Incorporarse ó comezo do curso académico 2001/2002 á universidade ou centro no que se van realiza-los estudios.

-Ó finaliza-lo curso académico o beneficiario remitirá á Dirección Xeral de Universidades unha memoria, cun máximo de tres folios, onde consten as actividades realizadas como estudiante e as cualificacións obtidas nos seus estudios.

Artigo 12º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 10%; librarase o 90% restante no momento de completa-la seguinte documentación:

-Xustificante de matrícula.

-Declaración xurada de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas e concedidas para a mesma finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria