Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 19 de xuño de 2001 Páx. 8.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 137/2001, do 18 de maio, polo que se crea o conservatorio profesional de música dependente do Concello da Estrada (Pontevedra).

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

O conservatorio profesional de música da Estrada viña impartindo, con carácter provisional, as ensinanzas de música ó abeiro dun convenio asinado, o 4 de agosto de 1996, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Estrada. Mediante este convenio a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecía a validez académica das ensinanzas de música que se impartiran no centro, e comprometíase á creación do conservatorio unha vez que o concello levase a cabo a adaptación das instalacións ós requisitos mínimos esixidos para este tipo de centros.

Realizadas estas obras de adaptación o Concello da Estrada solicita a creación do conservatorio profesional de música da Estrada, de titularidade municipal, para imparti-las ensinanzas dos graos elemental e medio de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado, do 28 de abril), para os centros que imparten as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do

22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o conservatorio profesional de música dependente do Concello da Estrada (Pontevedra), co código 36024252 e con enderezo na avenida Benito Vigo, 94, da localidade da Estrada.

Artigo 2º

Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas dos graos elemental e medio de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos. Este centro queda autorizado para 120 postos escolares de grao elemental e 180 de grao medio.

Artigo 3º

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do persoal que imparta docencia no conservatorio.

Artigo 4º

O centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente para os centros que imparten ensinanzas artísticas e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que figuran neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria