Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 15 de xuño de 2001 Páx. 8.080

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xuño de 2001 pola que se regulan os cursos selectivos de ingreso na función pública galega para os grupos A, B e C.

A adecuada formación do persoal funcionario constitúe sen dúbida unha das máis sólidas garantías para a mellor e máis eficaz prestación dos servicios públicos. De aí que calquera Administración moderna deba procurar, con tódolos seus medios e esforzos dispoñibles, prover dos coñecementos necesarios este elemento humano para que a misión que ten asignada satisfaga as máis altas esixencias de calidade que demanda a sociedade.

Esta acción formadora debe ter unha dobre cronoloxía e dirección: unha primeira, previa e inmediata á incorporación do persoal á Administración como funcionario de carreira, e outra posterior, orientada á permanente reciclaxe e actualización dos coñecementos deste durante a súa vida administrativa. Ben que esta segunda acción formadora ten unha importancia evidente, non a ten menor a capacitación do persoal que, superadas xa as pertinentes probas de aptitude da correspondente oposición, pode acceder á Administración pública como funcionario do cadro de persoal, de maneira que a achega previa a este último dunhas ensinanzas complementarias -fundamentalmente prácticas- das esixidas na fase da oposición, eríxese nun instrumento asegurador para lograr un tan desexable como imprescindible grao de capacitación deste persoal.

Hai que remarcar que a normativa vixente da nosa comunidade rexistra esta preocupación pola acción formativa do seu persoal funcionario de novo ingreso. Os artigos 35.1º, 36.1º e 3º e 41.1º da Lei da función pública de Galicia, e 16 e 17 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comu

nidade Autónoma de Galicia, prevén a posibilidade de que os aspirantes aprobados nas probas de acceso superen un curso selectivo como requisito inescusable para que adquiran a plena condición de funcionarios de carreira. Con este propósito, o artigo 41.1º da lei invocada asígnalle á Escola Galega de Administración Pública un destacado papel na realización destes cursos de selección, reforzada e confirmada esta competencia pola Lei e o Regulamento de organización e funcionamento deste centro nos artigos 3.1º e 2º, respectivamente, polos que se lle confire á devandita institución a facultade de organizar e impartir aqueles cursos.

Congruente co obxectivo exposto, corresponde agora articula-lo desenvolvemento destas actividades formativas selectivas, ás que no sucesivo deberá someterse o persoal que se cita nas disposicións seguintes. En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro de 1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Tódolos aspirantes que logren aproba-las probas de acceso á función pública galega para os grupos A, B e C, coa soa excepción dos que proveñan da quenda de promoción interna, deberán superar, como requisito indispensable para obte-lo seu nomeamento de funcionarios de carreira, un curso selectivo, que organizará e impartirá a Escola Galega de Administración Pública, e que terá como propósito primordial facilitarlles ós alumnos a preparación específica conveniente para o exercicio dos seus quefaceres.

2. Durante o período de realización destes cursos, os aspirantes que participen neles serán nomeados funcionarios en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

Artigo 2º

1. A duración máxima dos cursos selectivos será a que se establece a continuación:

a) Para o persoal integrado no grupo A: catro meses.

b) Persoal pertencente ó grupo B: tres meses.

c) Persoal do grupo C: dous meses.

2. O calendario e programa, así como as normas internas que regulen estes cursos, serán establecidos oportunamente pola Escola Galega de Administración Pública.

3. Os cursos comezarán no prazo de tres meses, a partir da data de finalización do tempo sinalado no artigo 15 do Decreto 95/1991, do 20 de maio, para a presentación polos aspirantes aprobados da documentación esixida nas bases da convocatoria.

Artigo 3º

1. Para aprobar estes cursos, os aspirantes deberán superar unha fase temática, de carácter fundamentalmente práctico, que se realizará na Escola Galega de Administración Pública, e outra de aplicación de coñecementos, que coincidirá cronoloxicamente coa anterior, e que se desenvolverá nos centros, organismos e empresas públicas da Xunta de Galicia onde sexan destinados os interesados.

2. Para aprobar ámbalas fases será necesario obte-la cualificación de apto en cada unha delas.

3. Os aspirantes que non superen o curso selectivo poderán incorporarse ó inmediatamente posterior, coa puntuación asignada ó último dos participantes nel. De non superalo, perderán tódolos seus dereitos para seren nomeados funcionarios de carreira.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública