Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 13 de xuño de 2001 Páx. 7.925

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2001 pola que se corrixen erros da do 16 de marzo de 2001, pola que se convocan probas selectivas para a provisión de prazas de técnicos especialistas de bibliotecas, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Padecido erro na resolución da Universidade de Vigo do 16 de marzo de 2001 (DOG nº 66, do 3

de abril, e corrección publicada no DOG nº 73, do 16 de abril), pola que se convocaron probas selectivas para a provisión de once prazas de técnicos especialistas de bibliotecas, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade, este rectorado

RESOLVEU:

Primeiro.-Engadi-lo seguinte parágrafo á base 1.1.: reservarase o 4% das prazas para seren cubertas con persoas con minusvalidez cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33% (de acordo coa Lei 23/1988, do 28 de xullo).

Segundo.-Corrixi-la base 2.2, que quedaría redactada como segue:

«2.2. Os aspirantes que concorran ás probas selectivas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo das universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á das prazas convocadas nesta convocatoria.

Terceiro.-Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes que presentasen anteriormente a súa solicitude non terán a obriga de facelo novamente, rexéndose a súa situación conforme a relación provisional de admitidos e excluídos, publicada o 9 de maio de 2001.

Cuarto.-Os aspirantes que xa presentasen solicitude de participación poderán completar, no seu interese, a documentación xustificativa tanto dos requisitos esixidos na convocatoria como das certificacións presentadas e referidas á data de remate do novo prazo que se outorga no punto terceiro desta resolución.

As certificacións dos servicios prestados na Universidade de Vigo serán expedidas de oficio a tódolos aspirantes definitivamente admitidos, polo Servicio de Xestión de Persoal, e remitidas ós interesados e ó presidente do tribunal, simultaneamente.

Quinto.-Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes definitivamente excluídos da realización das probas selectivas que cubrisen os datos bancarios para face-la devolución. Igualmente, devolveranse ós aspirantes que, resultando provisionalmente admitidos, o insten dentro do novo prazo de presentación de solicitudes.

Vigo, 29 de maio de 2001.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo