Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 12 de xuño de 2001 Páx. 7.761

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de xuño de 2001 pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006, e se convocan as correspondentes ó ano 2001.

Dentro do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, inclúense actuacións relativas á mellora da transformación e comercialización dos productos agrarios, baseadas no establecido no Regulamento (CE) 1257/1999 relativo ó desenvolvemento rural, e no Regulamento (CE) 1750/1999 que o desenvolve. Por outra parte, a Administración xeral do Estado, a través do Real decreto 117/2001, estableceu as normas básicas de xestión dos fondos que achega para cofinanciar esta liña de actuación.

En consecuencia, e de acordo do disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto principal da presente orde é regulamentar de forma xeral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e para o período 2000-2006, o procedemento de xestión das axudas ós investimentos para a mellora das condicións de transformación e comercialización dos productos agrarios de acordo co disposto nos regulamentos (CE) 1257/1999 e 1260/1999 e no Real decreto 117/2001 e demais normas de aplicación, así como convoca-las correspondentes ó ano 2001.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares das instalacións obxecto de axuda, sobre as que recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

Artigo 3º.-Investimentos subvencionables.

1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de productos agrarios. Para ser subvencionables os investimentos teñen que ser efectuados por empresas que acrediten viabilidade económica estimable sobre a base da avaliación das súas perspectivas e que cumpran as normas mínimas en materia de medio natural, hixiene e, se é o caso, benestar animal.

Para os efectos destas axudas, considéranse productos agrarios os incluídos no anexo I do Tratado CEE, excepto os relacionados coa pesca e co sector forestal.

2. Considéranse subvencionables os seguintes gastos:

a) Construcción e adquisición de bens inmobles, excepto a compra de terreos.

b) Maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos de proxecto, dirección de obra e estudios de viabilidade, patentes e licencias sen que en todo caso superen o 12 por cento dos custos indicados nas letras a e b.

3. As axudas non poderán ser destinadas ós investimentos que se relacionan no anexo I da presente orde nin os gastos previstos no anexo II. Igualmente, as referidas axudas non poderán destinarse ós seguintes investimentos:

a) Os relativos á fase de comercio polo miúdo.

b) Os referentes á comercialización ou transformación de productos de terceiros países.

c) Os investimentos que non utilicen productos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar ata o 50 por cento do investimento subvencionable.

2. A achega do beneficiario non poderá ser inferior ó 50 por cento do investimento subvencionable.

3. As axudas serán cofinanciadas polo Feoga-Orientación, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, segundo o establecido no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, nos regulamentos (CE) 1257/1999 e 1260/1999, no Real decreto 117/2001, e demais normas de aplicación.

Artigo 5º.-Condicionantes.

1. Só se concederán axudas para investimentos relacionados con productos que teñan saída normal no mercado. Así mesmo, os investimentos deben redundar en vantaxes para os productores de materias primas agrarias, contribuíndo á mellora da situación do sector da producción agraria básica correspondente.

2. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restriccións impostas polas organizacións comúns de mercado da Unión Europea.

3. Non se concederán axudas para elaboración ou comercialización de productos que imiten ou substitúan ó leite ou ós productos lácteos.

4. Para a concesión das axudas teranse en conta as restriccións de producción ou as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea.

5. A actividade ou actividades obxecto de axuda deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse no modelo que figura no anexo A, xunto coa documentación adicional que se sinala e por duplicado. O lugar de presentación será prioritariamente nos servicios de industrias e comercialización agroalimentaria das delegacións provinciais correspondentes da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Os investimentos incluídos na solicitude de axuda non poderán estar iniciados con anterioridade á presentación dela.

3. Para a selección dos proxectos que se van aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda que se concederán, poderanse ter en conta, sen prexuízo do sinalado no artigo 6 do Real decreto 117/2001, os seguintes criterios:

-Viabilidade técnica, económica e financeira.

-Beneficio dos productores de base galegos.

-Aproveitamento e grao de transformación das materias primas agrarias galegas.

-Calidade dos productos obtidos e/ou comercializados.

-Xeración e/ou mantemento do emprego.

-Criterios de ordenación sectorial.

-Concorrencia doutras axudas.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas en función dos criterios sinalados e as dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de 6 meses, entenderase desestimada a axuda solicitada sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Real decreto 117/2001.

5. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria aprobará antes do 30 de abril de cada ano soamente aquelas peticións de axuda presentadas con data límite do 31 de xaneiro dese ano. No resto do ano aprobaranse peticións presentadas con anterioridade ó 1 de xullo dese ano.

6. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que considere oportunas para garanti-lo cumprimento dos obxectivos do proxecto.

7. Unha vez recibida a comunicación de concesión, o beneficiario deberá da-la súa conformidade expresa á resolución dictada no prazo máximo de 15 días desde a súa recepción.

8. A concesión das axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Artigo 7º.-Pagamento das axudas.

1. O beneficiario poderá xustifica-lo investimento dunha soa vez ou de forma fraccionada de acordo coas condicións establecidas na resolución, sen que en todo caso o número de pagamentos fraccionados sexa superior a tres.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos servicios de industrias e comercialización agroalimentaria das delegacións provinciais correspondentes, acompañadas da seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará ademais unha fotocopia.

b) Declaración do beneficiario relativa á financiación dos gastos efectuados segundo modelo B2.

c) Relación das diferencias existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3.

d) Análise das diferencias cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, achegando, se é o caso, copia da resolución de concesión.

f) Acreditación formal actualizada de estar ó corrente nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda).

g) Fotocopia do NIF e certificado bancario de existencia da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

h) Para pagamentos finais, e se son novas instalacións, certificación das autoridades competentes de cumpri-las disposicións sanitarias e licencia de actividade do concello.

i) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

3. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor acomodaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feoga e MAPA que se reciban.

Artigo 8º.-Modificación de proxectos.

1. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, actividade, obxectivos, prazo de execución ou variación notoria do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, requirirá a autorización da consellería logo de presenta-la correspondente solicitude xustificada.

2. Se houbese unha reducción dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 9º.-Revogación de axudas.

1. As axudas poderán revogarse nos seguintes casos:

a) Por renuncia expresa do beneficiario á totalidade da axuda.

b) Por incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

c) Por non presentar nos prazos sinalados a documentación requirida.

d) Por calquera outra causa que modifique o proxecto inicial aprobado e non estea comunicada e aprobada pola consellería.

2. No caso de revogación da axuda, se o beneficiario cobrase parte dela, deberá devolve-las cantidades percibidas, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 10º.-Seguimento e control.

O beneficiario da axuda estará obrigado a facilita-la información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, ó reintegro total ou parcial da subvención concedida.

Artigo 11º.-Incumprimento.

No caso de incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas, o beneficiario estará obrigado a reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, conforme o disposto nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase no ano 2001 con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.713A.770.0 código de proxecto 726, dotado inicialmente con 4.038.454.000 pesetas, e código de proxecto 103 dotado inicialmente con 327.222.310 pesetas, e 09.04.615 A 770.0, dotado inicialmente con 453.000.000 de pesetas, así como con cargo ós remanentes que poidan existir nos mesmos conceptos.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

A convocatoria destas axudas, a súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

Independentemente do sinalado no punto 3 do artigo 4º, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá conceder axudas con fondos propios, que, en todo caso deberán cumprir tódolos requisitos establecidos na presente orde, salvo o correspondente ó punto 3.b do artigo 3º. O seu financiamento efectuarase con cargo ós conceptos sinalados no artigo 12º.

Disposición transitoria

Os investimentos iniciados con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2000 e con anterioridade á entrada en vigor desta normativa, poderán acollerse a ela sempre que se acredite oficialmente a petición da axuda con anterioridade ó inicio dos traballos, presenten a documentación requirida con anterioridade ó 1 de xullo do presente ano e reúnan os restantes requisitos da presente normativa.

Disposicións derradeira

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Investimentos que non poderán ser auxiliados

Quedan excluídos os seguintes investimentos:

1. Os investimentos de reposición ou mera substitución de equipos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipos ou maquinaria distintos ós anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

2. Os relativos a almacéns frigoríficos para productos conxelados ou ultraconxelados, excepto se as súas capacidades de almacenamento son proporcionais á capacidade de producción das instalacións de transformación ás que estean vinculadas e que se destinen exclusivamente ó almacenamento dos productos das ditas instalacións.

3. No sector do leite de vaca e dos seus productos derivados, os investimentos seguintes:

a) Os que supoñan un aumento da capacidade, salvo que se abandonen capacidades equivalentes, e aquelas que superen o conxunto das cantidades de referencia individuais de que dispoñan, dentro do réxime de exaccións reguladoras complementarias, os productores que entreguen os seus productos á unidade de transformación.

b) Os destinados á fabricación ou comercialización dos productos seguintes: manteiga, soro en po, leite en po, butteroil, lactosa, caseína e caseinatos. Non obstante, non se verán afectadas por esta exclusión, os investimentos destinados á protección e defensa do medio natural, nos que se obteña como subproducto soro.

4. No sector cárnico e dos ovos, os investimentos seguintes:

a) Aqueles que impliquen un aumento da capacidade de calibrado e envasado de ovos de galiña.

b) Os relacionados co sacrificio de gando porcino, bovino, ovino e polos e galiñas que leven consigo un aumento da capacidade de sacrificio.

5. No sector da alimentación animal: todos os que leven consigo na súa execución un aumento da producción, excepto se se xustifica abandono das capacidades equivalentes na mesma empresa ou en outras empresas determinadas.

6. No sector de cereais (excepto as sementes):

a) Cereais (excepto arroz): os que supoñan un aumento da capacidade de almacenamento e transformación, excepto para usos non alimentarios.

b) Arroz: os que supoñan un aumento da capacidade de almacenamento.

7. No sector hortofrutícola: os investimentos das organizacións de productores de froitas e hortalizas, que poidan acollerse ó réxime de axudas da organización común de mercado (OCM) de froitas e hortalizas salvo que o importe do investimento elixible sexa inferior a 200.000 euros.

8. No sector das plantas forraxeiras: tódolos que supoñan un aumento da capacidade de transformación.

9. Nos sectores de oleaxinosas e proteaxinosas (excepto as sementes): tódolos investimentos, salvo os relativos a productos destinados a usos non alimentarios novos e os que teñan por finalidade:

a) O aproveitamento para usos enerxéticos.

b) A substitución de sistemas descontinuos por continuos, sen aumento da capacidade de producción.

c) O secado de grans oleaxinosos e o seu almacenamento.

d) A súa utilización por unha agrupación de empresas.

10. No sector da pataca: as relativas á fécula e os productos derivados dela, salvo as correspondentes ós productos destinados a usos non alimentarios novos (con excepción dos productos hidroxenados derivados da fécula).

11. No sector de aceite de oliva, os seguintes:

a) O refinado de aceite de oliva.

b) A obtención de aceite mediante o repasado no propio muíño de aceite, respecto ó bagazo de oliva procedente doutro muíño de aceite ou fora do muíño de aceite, salvo, neste último caso, os investimentos dirixidos ó transporte, almacenamento e secado e os que formen parte de circuítos de aproveitamento de subproductos en opcións integrais de tratamento e aproveitamento deles, sempre que no sexan destinados á alimentación humana.

12. No sector do tabaco, tódolos investimentos, excepto os da súa primeira transformación que non supoñan un aumento da capacidade de elaboración.

13. No sector dos viños e alcohois:

a) No caso de viños de mesa, sen indicación xeográfica, os que signifiquen un aumento de capacidade de elaboración.

b) Os destinados á mellora do proceso de obtención de alcohois vínicos, salvo se van acompañadas dun 25 por 100 de reducción da súa capacidade.

c) Os relativos ás bebidas espirituosas derivadas do viño ou de alcohois vínicos, excepto para aquelas bebidas que regulamentariamente teñan que ser elaboradas con alcohol vínico.

14. No sector de azucre e isoglicosa.

ANEXO II

Gastos non subvencionables

1. Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

2. A compra de terreos e os gastos relacionados con esta (honorarios de notario, impostos e similares).

3. A compra de edificios que vaian ser derrubados. Se a compra dun edificio é obxeto de axuda do Feoga, o valor do terreo construído e do que rodea ó edificio, valorado por técnico competente, non se considera subvencionable.

4. A compra de locais, se estes foron subvencionados durante os últimos dez anos. Para isto xuntarase declaración das subvencións que se lle concederan ó edificio durante os dez últimos anos.

5. Traballos provisionais que non estean directamente relacionados coa execución do proxecto (por exemplo: construcción de naves para gardar maquinaria con miras a garanti-la continuidade da producción). Non obstante, poderán ser subvencionables determinados traballos provisionais na medida en que permitan unha diminución dos custos de construcción (acceso ó peirao provisional, caseta de obras e semellantes).

6. Traballos ou investimentos comezados con anterioridade á presentación da petición de axuda, agás os seguintes:

a) Honorarios técnicos, gastos de estudios de viabilidade económica, de solos, de mercado e semellantes, adquisición de patentes e licencias.

b) Acopio de materiais de construcción e compra de maquinaria, incluso a subministración, pero non a montaxe, instalación e proba.

c) A preparación do terreo para construír nel e a realización de cimentacións, antes da presentación da solicitude non serían auxiliables, pero non farían o proxecto inadmisible.

d) Traballos integrantes do proxecto, para os que non se solicita subvención, e que constitúan unha parte separable do conxunto e poidan valorarse facilmente.

7. Obras de ornamentación e equipos de recreo (xardinería, bar, pista de tenis e semellantes). Sen embargo, son financiables os gastos previstos con fins pedagóxicos ou comerciais (salas de proxeccións, televisores, vídeos e semellantes).

8. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacions telefónicas, fax e ordenadores incluídos os programas informáticos. Admítense a adquisición de equipos de laboratorio e de salas de conferencias.

9. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns-tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, polo tanto, son auxiliables, a condición de que se trate dunha primeira adquisición

ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercaduría (deberá existir unha conta específica para estes materiais, con entradas e saídas). Tampouco serán auxiliables aqueles investimentos que figuran na contabilidade como gastos.

10. Compra e instalacións de maquinaria e equipos de segunda man.

11. Gastos relativos ó traslado de maquinaria xa existente ata o local ou emprazamento no que se vai realiza-lo proxecto.

12. Reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións feitas sobre maquinaria instalada para amplia-la súa capacidade ou mellora-las prestacións.

13. O imposto do valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto, recuperables polo beneficiario.

14. Os gastos de aluguer de equipos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Sen embargo, os investimentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben no prazo e normas establecidos pola autoridade de xestión e sempre antes de que remate o período establecido para a percepción das axudas. Outros custos ligados ó contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables.

Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.

15. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia.

16. A compra de vehículos, excepto os vehículos de transporte que sexan especiais e carrozados e que estean ligados á actividade productiva da empresa, que teñan como destino a transformación e comercialización de productos agrarios e da alimentación. Igualmente, non se admitirá a reposición de flota, nin a soa compra do vehículo base. O importe destes equipos non poderá supera-lo 40 por cento do investimento total en cada proxecto.

17. Soldos e gastos sociais do persoal, pagados polo beneficiario, sempre e cando non se cumpran algunha destas condicións:

a) Que o persoal fora contratado especial e exclusivamente para traballar no proxecto.

b) Que o persoal sexa despedido ó concluí-las obras.

c) Que se respecte a normativa nacional en materia de Seguridade Social.

18. Ademais das limitacións citadas nos puntos anteriores, deberán terse en consideración as que impón o Regulamento (CE) 1685/2000, da comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1260 /1999, no relativo ó financiamento dos gastos de operacións cofinanciadas polos fondos estructurais.

Solicitude de axudas: documentación adicional (presentar por duplicado)

I. Estudio, anteproxecto ou proxecto que conteña a seguinte información:

1. Memoria.

1.0. Datos de identificación:

-Nome, NIF/CIF, enderezo, teléfono.

-Actividades económicas actuais. Centros de producción.

-Localización dos novos investimentos.

-Capital social. Relación de accionistas principais, indicando a porcentaxe de participación.

1.1. Breve descrición do obxecto do proxecto.

1.2. Situación actual:

a) Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

b) Producción: descrición do proceso. Capacidade de producción (referirase a capacidade inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias, de se-lo caso). Tecnoloxía dispoñible. Volume e prezos de venda, tipos de productos e calendarios de producción.

c) Comercialización: indicar para cada tipo de producto os seus destinos e os principais canais de comercialización.

d) Materias primas utilizadas. Para cada tipo de materia prima utilizada indicarase:

* As distintas categorías cos seus respectivos prezos medios pagados ós productores durante os últimos tres anos.

* A procedencia.

* A relación cos productores.

e) Outros consumos do proceso productivo, indicando os prezos de compra.

f) Inmobilizado material: terreos, edificacións, instalacións, maquinaria e outros.

g) Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais e o período de ocupación (días/ano).

h) Balance e contas de resultados dos tres últimos anos.

i) Relación de anteriores solicitudes de axuda, relacionadas coa transformación e comercialización de productos agrarios.

1.3. Proxecto que se vai realizar e situación tralo investimento:

1.3.1. Descrición do proceso productivo unha vez feito o investimento.

* Capacidade de producción.

* Tecnoloxía utilizada.

* Calendario e volume de produccións para cada tipo de producto.

* Materias primas: principais tipos e procedencias, consumos e prezos de compra.

Réximes contractuais aplicados e porcentaxe das subministracións que afecta.

* Información comercial. Realizarase unha análise comparativa tendo en conta a situación inicial presentada no punto 1.2 e a incidencia do investimentos sobre as materias primas utilizadas e os productos transformados/comercializados.

* Información ambiental. Referíranse os consumos de auga, enerxía e os residuos xerados antes e despois do investimento.

1.3.2. Investimentos: resume desagregado e cuantificado de investimentos en:

-Activos fixos: terreos, edificios e construccións, equipos, instalacións básicas e especiais, maquinaria, elementos de transporte, mobiliario e utensilios, gastos amortizables e outros. Nos capítulos de edificios e construccións, instalacións e maquinaria indicarase a súa localización mediante os planos que se consideren necesarios.

-No caso de novas actividades, capital circulante necesario: existencias de insumos, productos en curso e productos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

1.3.3. Financiamento dos investimentos. Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos, indicando o reparto dos distintos préstamos subscritos ou que se pretendan subscribir cos seus respectivos tipos de xuro e prazos en anos. Outras fontes de financiamento.

1.3.4. Contas de explotación previsionais para os tres exercicios consecutivos desde o comezo dos investimentos. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

-Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

-Custos: compras de materias primas.

-Gastos variables: persoal, subministracións e servicios, portes, etc.

-Previsión de balances e contas de resultados para os vindeiros tres anos.

1.3.5. Análise económica do investimento, farase tendo en conta as variacións previsibles nas vendas, compras e resto dos custos, respecto da situación actual, así como os investimentos necesarios para levar a cabo o proxecto.

1.3.6. Información social.

Creación de emprego.Tendo en conta a relación de traballadores existentes descrita na situación actual indicar unha previsión a curto prazo (ano+3) do nº de persoas e o período de ocupación (días/ano).

Relación cos productores. Indica-lo tipo de relación cos productores e a forma en que os productores dos productos base participarán nas vantaxes económicas da realización do proxecto; deberanse presentar copias de contratos homologados ou contratos a medio-longo prazo ou compromisos de adquisición ou declaracións de interese, etc.

2. Xustificación dos investimentos. Para o investimento que se pretenda solicita-la axuda presentarase un orzamento das seguintes características:

-Obra civil e instalacións básicas: orzamento desagregado por unidades de obra, asinado por técnico competente, ou ben, incluído nunha factura pro forma de empresa constructora ou instaladora.

-No caso de maquinaria, equipamentos e outros conceptos os investimentos deberán estar apoiados por ofertas ou facturas pro forma.

3. Planos.

Alomenos os seguintes:

-Plano de situación e localización.

-Plano xeral do conxunto de obras e instalacións básicas, antes e despois do investimento.

-Plano de distribución da maquinaria e outras instalacións, antes e despois do investimento.

II. Declaración, asinada polo solicitante, sobre outras axudas (incluídos préstamos subvencionados) solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

III. Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

IV. Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación coa que se actúa.

V. No caso de investimentos que recollan novas construccións: xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e da súa cualificación urbanística.

VI. Calendario de execución dos investimentos (extraído do resume do orzamento: pto. 1.3.2), asinado polo solicitante.

VII. No caso de industrias xa existentes, licencia de actividade do concello.

VIII. No caso de matadoiros deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ó benestar animal.