Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 11 de xuño de 2001 Páx. 7.655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 132/2001, do 25 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Saviñao, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 264, Plan Operativo Local 1999, para o abastecemento de auga e saneamento da travesía do Palomar, en Escairón.

O Concello do Saviñao, en sesión que tivo lugar o día 16 de xullo de 1999, aprobou o proxecto da obra número 264, Plan Operativo Local 1999, para o abastecemento de auga e saneamento da travesía do Palomar, en Escairón, e na sesión do 28 de xullo de 2000 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello do Saviñao foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de maio de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 7 de decembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, unha vez construída a nova estación depuradora de augas residuais en Escairón, dada a absoluta incapacidade da anterior, é sumamente urxente e imprescindible construí-la rede de saneamento da Travesía do Palomar para efectua-lo desaugadoiro da rede de sumidoiros dunha ampla zona do leste da vila (avenida Buenos Aires e limítrofes coa rúa Xan de Forcados) por ser, a proxectada travesía, o tramo obrigado para conectar coa nova EDAR.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintencinco de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Saviñao, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 264, Plan Operativo Local 1999, para o abastecemento de auga e saneamento da travesía do Palomar, en Escairón.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais