Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 07 de xuño de 2001 Páx. 7.535

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 28 de maio de 2001 de fomento da silvicultura e da ordenación de montes arborizados.

A Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

O regulamento comunitario 1257/1999 sobre axudas ó desenvolvemento establece no seu artigo 30 que a axuda á silvicultura se destinará, entre outras accións, ós investimentos efectuados en bosques que teñan por obxecto un aumento significativo do valor económico, ecolóxico ou social deles.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 27.10º e 27.30º do Estatuto de Autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais, así como para dicta-las normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe.

A Consellería de Medio Ambiente, polo Decreto 482/1997, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes:

a) Ordena-los montes arborizados garantindo a súa persistencia e optimizando a súa producción mediante un aproveitamento sustentable.

b) Mellorar silvicolamente as masas forestais existentes con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas autóctonas e á recuperación dos soutos de castiñeiros afectados polo lume.

c) Obter montes arborizados con produccións elevadas e de calidade que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios.

Para a aplicación do regulamento comunitario citado e tras elaborarse o correspondente Programa Operativo Integrado de Galicia no que a silvicultura figura no eixe 3.9, cómpre publica-la presente orde.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia de acordo co disposto na Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde o fomento da silvicultura e da ordenación de montes arborizados.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto na presente orde será de aplicación para todo o territorio forestal da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión de:

-Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade das administracións centrais ou rexionais.

-Os bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

-Os bosques propiedade de persoas xurídicas, cando alomenos o 50% do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Artigo 3º.-Actuacións obxecto de axuda e importes de subvención.

Os importes de subvención indicados a seguir correspóndense, como máximo, co 75% do total do importe de investimento.

1º Punto. Ordenacións.

1.1. Proxectos de ordenación de montes arborizados.

I ptas./ha arborizada a ordenar (S)

I= 30.000*S

1.2. Plans técnicos de montes arborizados.

I ptas./ha arborizada a ordenar (S)

I= 15.000*S

2º Punto. Rareos en rexenerados naturais de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm: 100.000 pesetas/ha.

3º Punto. Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2,20 m, con diámetro normal medio comprendido entre 12 e 18 cm: 40.000 pesetas/ha.

4º Punto. Tratamentos silvícolas de consolidación en masas de frondosas autóctonas, con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm, excepto soutos de castiñeiro. (Consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas autóctonas):

4.1. Rozas: 60.000 pesetas/ha.

4.2. Poda ata 1/3 da altura como mínimo e formación de guías: 40.000 pesetas/ha.

4.3. Selección de gromos: 70.000 pesetas/ha.

4.4. Rareos: 60.000 pesetas/ha.

5º Punto. Rexeneración de soutos de castiñeiro: 100.000 pesetas/ha a xustificar en memoria técnica.

6º Punto. Coidados culturais en mouteiras declaradas destinadas á producción de semente selecta ou en parcelas instaladas con subvención da Xunta de Galicia con fins de investigación ou experimentación de novas técnicas de repoboación e/ou tratamentos silvícolas: Ata 100.000 pesetas/ha a xustificar en memoria técnica.

As actuacións indicadas nos puntos 2º, 3º, 4º, 5º e 6º deste artigo no poderán solicitarse sobre unha mesma superficie.

Dentro do punto 4º poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por ha non supere as 150.000 pesetas.

O IVE non é subvencionable.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os titulares de terreos forestais, ben sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado, e agrupacións de titulares formadas por un mínimo de 2 membros.

As persoas físicas ou xurídicas que realicen os traballos forestais como cesionarios dun acordo cos titulares de terreos forestais poderán solicita-las axudas en calidade de representantes destes últimos, debendo acreditar documentalmente, para tal efecto, a dita representación (anexo II).

Artigo 5º.-Distribución do crédito e criterios de prioridade.

A. Distribución do crédito.

1. Ordenacións: 78.184.000 pesetas.

2. Rareos en rexenerados naturais de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm: 625.454.000 pesetas.

3. Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2.20 m, con diámetro normal medio comprendido entre 12 e 18 cm: 26.060.000 pesetas.

4. Tratamentos silvícolas de consolidación de masas de frondosas autóctonas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm, excepto soutos de castiñeiros: 26.060.000 pesetas.

5. Rexeneración de soutos de castiñeiro: 91.212.000 pesetas.

6. Coidados culturais en mouteiras declaradas destinadas á producción de semente selecta ou en parcelas instaladas con subvención da Xunta de Galicia con fins de investigación ou experimentación de novas técnicas de repoboación e/ou tratamentos silvícolas: 13.030.000 pesetas.

B. Criterios de prioridade.

Cando as solicitudes presentadas superen as dispoñibilidades orzamentarias previstas na presente orde, atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación, dentro de cada un dos puntos 1, 2, 3, 4, 5 e 6 segundo o baremo seguinte:

Punto nº 1. Proxectos de ordenación de montes arborizados e plans técnicos de montes arborizados:

Solicitudes referidas a superficies con solicitude non aprobada na Orde do 22 de maio de 2000 de axudas para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados: 5 puntos por cada ha de superficie arborizada a ordenar.

Resto de solicitudes: 1 punto por ha de superficie arborizada a ordenar.

Punto nº 2. Rareos en masas de coníferas:

-Masa principal de Pinus pinaster: 1 punto por ha.

-Masa principal de Pinus radiata: 0,5 puntos/ha.

-Masa principal doutras especies: 0,25 puntos/ha.

-Densidade inicial maior de 6.000 pes/ha: 3 punto/ha.

-Densidade inicial entre 4.000 e 6.000 pes/ha: 2 punto/ha.

-Densidade inicial entre 2.500 e 4.000 pes/ha: 1 punto/ha.

Punto nº 3. Podas: 1 punto por ha.

Punto nº 4. Tratamentos silvícolas de consolidación en masas de frondosas autóctonas (consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas autóctonas):

4.1. Rozas: 1 punto por ha.

4.2. Poda: 2 puntos por ha.

4.3. Selección de gromos: 2 puntos por ha.

4.4. Rareos: 1 punto por ha.

Punto nº 5. Rexeneración de soutos de castiñeiro.

5.1. Soutos que estaban en producción afectados polo lume: 5 puntos/ha.

5.2. Soutos que estaban en producción afectados por enfermidades e/ou pragas: 3 puntos/ha.

5.3. Soutos de castiñeiros abandonados: 0,5 puntos/ha.

Punto nº 6. Mouteiras selectas e parcelas de experimentación: 1 punto/ha.

5. No caso de agrupacións, formadas por un mínimo de 2 persoas físicas ou xurídicas, sumaranse 3 puntos, por cada persoa que se agrupe, ó global de puntuación obtido nos puntos anteriores.

6. Para as accións previstas nos puntos 2, 3, 4, 5 e 6, no caso de realizárense sobre unha superficie con proxecto de ordenación ou plan técnico de monte arborizado inscrito no rexistro de montes ordenados, sumarase 50 puntos á puntuación total alcanzada, sempre e cando a realización das ditas accións estivese prevista no proxecto de ordenación ou plan técnico.

7. Para tódolos casos, de existir empate, prevalecerá o número máis alto formado polas catro últimas cifras do DNI o CIF do titular do terreo.

C. Condicións do solicitante.

No caso de actuar como solicitante da axuda unha persoa distinta do titular dos terreos será de aplicación o seguinte:

Un solicitante non poderá acumular máis do 10% do total da dispoñibilidade orzamentaria.

Non se concederán axudas para aqueles solicitantes que tiveron un porcentaxe de inexecución superior ó 25% referido ás solicitudes aprobadas ó abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas para accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques ou da orde de 1999 de axudas para mellora e conservación de bosques de frondosas con obras para rematar totalmente antes do 31 de decembro de 2000.

D. Prioridade para a futura convocatoria.

As solicitudes que se presenten ó abeiro da presente orde e que non resulten aprobadas non terán prioridade para a convocatoria de axudas do ano 2002.

Artigo 6º.-Superficies forestais mínimas e máximas para solicitar axudas.

1) Para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados a superficie mínima arborizada a ordenar, definida como aquela con fracción de cabida cuberta maior do 20%, será de 25 ha. A superficie máxima a ordenar será de 250 ha para plans técnicos de montes arborizados e non se fixa superficie máxima para proxectos de ordenación.

2) Para cada un dos restantes puntos do artigo 3º, a superficie mínima continua será 3 ha, excepto para rexeneración de sotos de castiñeiro que terán unha superficie mínima continua de 1 ha, e excepto para mouteiras selectas e parcelas de experimentación nas que non se fixa superficie mínima.

Admitiranse solicitudes con máis dunha mouteira sempre que cada unha delas supere a superficie continua de 3 ha.

A superficie máxima será de 25 ha para cada solicitude.

3. Non se admitirán agrupacións con máis dunha mouteira.

4. En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables

as axudas solicitadas en terreos onde o acordo de concentración sexa firme.

5. Os terreos cun proceso de expropiación iniciado non poderán beneficiarse das presentes axudas na parte afectada.

6. Os montes consorciados coa Administración non poden solicitar axudas para proxectos de ordenación ou plans técnicos de montes arborizados, ben que aqueles montes para os que se solicitase a rescisión do consorcio ou o paso a convenio con anterioridade á publicación desta orde,k si que poderán solicita-las axudas.

Artigo 7º.-Condicións técnicas dos investimentos.

1. Os proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados deberán ser redactados por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, visados polo correspondente colexio oficial e axustarse ó establecido na Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o regulamento para a súa aplicación, así como ás ordes ministeriais do 29 de decembro de 1970 e de 29 de xullo de 1971. Nestes documentos constará o consentimento e o compromiso da propiedade do monte para executa-lo disposto no seu contido, excepto montes conveniados coa Administración.

Complementariamente observaranse os requisitos e aspectos recollidos no artigo 8 da Orde de 22 de maio de 2000 de axudas para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados (DOG nº 128, luns, 3 de xullo de 2000).

Alomenos un 25% do total de superficie a ordenar deberá estar poboado con especies arbóreas que teñan unha idade superior ás dúas terceiras partes da súa quenda.

Así mesmo, deberán ser aprobados pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

2. As memorias técnicas de tratamentos culturais ó voo deberán ser redactadas por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal e visados polo correspondente colexio oficial.

3. Os restos que se obteñan como consecuencia da realización dos coidados culturais do voo con diámetro en punta delgada superior a 6 cm, serán triturados in situ, picados a menos de 50 cm ou ben extraídos do predio obxecto de axuda, con xustificación do seu destino para transformación industrial ou ben para leñas de uso doméstico.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes das axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto (anexo I) e facilitados polos órganos da Consellería de Medio Ambiente. As ditas solicitudes presentaranse nas súas oficinas, nas súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Os impresos debidamente cubertos, feito que se considera documentación esencial, e sen a que non será tida en conta a solicitude, deberán ir acompañados da seguinte documentación:

1. En xeral:

a) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF.

b) Para coidados culturais do voo, memoria técnica, xunto con orzamento e planos sobre mapas da última edición da CPTOPV con escala preferente 1:5.000 ou no seu defecto 1:10.000, visada polo colexio correspondente, máis unha copia. Este documento considérase esencial e non serán tidas en conta as solicitudes que non o xunten co impreso.

c) Para o caso de proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados presentarase un estudio previo visado, máis unha copia del, do que se deduza, de maneira orientativa a futura ordenación do monte e un orzamento. Este documento considérase esencial e non serán tidas en conta as solicitudes que non o xunten co impreso.

d) Nomeamento do director de obra por parte do titular dos terreos obxecto de subvención, excepto ordenacións.

e) Planimetría xeorreferenciada en ficheiro DXF.

A planimetría do proxecto ou memoria técnica presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ó datum de traballo, en ficheiro DXF, obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF estará estructurado da seguinte maneira, excepto no caso de proxectos de ordenación ou plans técnicos:

Elementos do plano

Nivel ou

capa

Color

Límite de monte1Azul

Límite de mouteiras de actuación2Vermello

Pistas existentes3Verde

Devasas existentes4Amarelo

Puntos de auga existentes5Negro

Especies existentes na mouteira (texto)6Negro

f) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade que a axuda solicitada ó abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes públicos.

g) Copia cotexada de documentación oficial onde figure a referencia catastral dos terreos obxecto da subvención.

2. Para todo tipo de titulares de terreos forestais, excepto comunidades de montes veciñais en man común:

2.1. No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada ou baixo a súa responsabilidade do titular da propiedade. Na dita declaración farase constar: nome, apelidos e DNI

do propietario, nome das leiras, superficie e estremas obxecto dos traballos e localización. No suposto de que o terreo sexa propiedade de varios copropietarios, presentarase ademais documento privado no que se acredite o consentimento de tódolos copropietarios e a designación do solicitante-representante.

2.2. No caso de ser arrendatario: fotocopia cotexada do documento acreditativo do arrendamento.

3. Para comunidades de montes veciñais en man común:

3.1. Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o solicitante a pedir axudas á Consellería de Medio Ambiente, para a execución das accións obxecto da solicitude.

4. Documentación complementaria.

4.1. Para outras entidades con personalidade xurídica (S.A.T., S.A., S.L., S.C.L.):

4.1.1. Documentación acreditativa de constitución.

4.1.2. Copia do IAE actualizado.

4.1.3. Copia inscrición no rexistro correspondente.

4.2. Para agrupacións forestais:

Modelo constitutivo segundo o anexo nº II.

4.3. Para solicitudes de rexeneración de soutos de castiñeiro afectados polo lume ou por pragas e/ou enfermidades que antes estaban en producción: facturas de venda de castaña emitidas polo titular ou documento oficial que acredite que antes estaba en producción.

5. Documentación adicional.

5.1. No caso de haber unha persoa física ou xurídica distinta do titular dos terreos que actúa como representante deste, será necesario un acordo de cesión entre ámbalas partes (anexo III), excepto no caso de agrupacións forestais onde será suficiente con encher o anexo II correspondente. Esta fórmula non se permite para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados.

5.2. Se é o caso, documento xustificativo do destino dos restos de tratamento silvícola, asinado polo destinatario.

Artigo 9º.-Prazos.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación no DOG da presente orde e finalizará transcorrido un mes desde a dita data.

Deberá empregarse un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

Cada titular poderá pedir axuda en cada solicitude para un só punto do artigo 3º.

Un titular poderá presentar un máximo de 2 solicitudes e éstas no poderán referirse a un mesmo punto do artigo 3º.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. Unha vez presentada a solicitude, revisarase a documentación e, no caso de que conteña defectos ou omisións non esenciais, seralle requirida ó soli

citante a corrección, outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, con indicación de que, se así non o fixera, terase por desistido da súa petición e se arquivará o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

2. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas, logo de proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que, pola súa vez tramitará as propostas dos Servicios de Montes e Industrias Forestais. A resolución efectuarase tendo en conta o orde de prioridades desta orde e en réxime de concorrencia competitiva axustándose ós principios de concorrencia, transparencia e igualdade.

3. A Consellería de Medio Ambiente comunicará no prazo de 6 meses a aprobación e contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude.

4. No caso de non recaer resolución expresa nun prazo de 6 meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a solicitude, sen perxuízo da obrigación legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. As ditas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes dentro do prazo dos 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa ou seis desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Na resolución indicarase o prazo para a realización dos traballos que, con carácter xeral, non será inferior a 6 meses.

5. Realizarase unha inspección no campo por dous funcionarios da Consellería de Medio Ambiente, para verifica-las superficies, comproba-los datos da solicitude e comproba-la viabilidade dos traballos.

6. A modificación do investimento deberá ser xustificada e esixirá autorización previa da Consellería de Medio Ambiente por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo de proposta dos Servicios de Montes e Industrias Forestais.

7. A axuda definitiva será a resultante da certificación final por dous funcionarios da Consellería de Medio Ambiente, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

Coa certificación poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

Poderán admitirse certificacións parciais, a petición por escrito do solicitante, para importes de certificación superiores a 2 millóns de pesetas.

As prórrogas deberán ser solicitadas motivadamente e cun mes de antelación á terminación do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de 6 meses e serán propostas polos servicios de Montes e Industrias Forestais ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, quen elevará proposta o conselleiro de Medio Ambiente que resolverá.

8. Xunto coa notificación de remate de traballos adxuntarase a seguinte documentación:

-Xustificantes de gasto, ben facturas ou ben certificacións de obra con relación valorada asinada polo director de obra, polo importe total do investimento.

-Certificación bancaria a nome do solicitante.

-Certificado de non ter débedas coa Seguridade Social.

-Certificado de non ter débedas coa Axencia Tributaria.

-Certificado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

-Declaración doutras axudas solicitadas ou percibidas para os mesmos fins.

-Aval bancario no caso de pagamento parcial no caso de axudas totais aprobadas maiores de 5 millóns de pesetas.

Ademais para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados presentarase:

-Proxecto ou plan técnico.

-Dúas copias do anterior.

-Consentimento expreso e o compromiso para o cumprimento do disposto nel da propiedade do monte ou da asemblea xeral no caso de C.M.V.M.C., excepto montes en réxime de convenio coa Administración.

Ficheiro DXF: a planimetría do proxecto ou plan técnico presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ó datum de traballo, en ficheiro DXF, obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF estará estructurado da seguinte maneira: no caso de proxectos de ordenación:

Planimetría do inventario, información mínima:

Elementos do plano

Nivel ou

capa

Color

Límite de monte1Azul

Límite de cuarteis2Vermello

Límites de cantóns3Verde

Elementos do plano

Nivel ou

capa

Color

Límites de mouteiras (se é o caso)4Amarelo

Códigos de cuarteis5Negro

Códigos de cantóns6Negro

Códigos das mouteiras (se é o caso)7Negro

Planimetría da planificación, información mínima:

Elementos do plano

Nivel ou

capa

Color

Límite de monte1Azul

Límite de cuarteis2Vermello

Límite de sección (se é o caso)3Verde

Código cuarteis4Negro

Código de sección (se é o caso)5Negro

As táboas de existencia de volume madeireiro presentaranse en ficheiros tipo Access ou Excel.

Artigo 11º.-Comprobacións.

1. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectua-la entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime xeral e orzamentario de Galicia, e o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude no implica ningún dereito para o peticionario, mentras non exista resolución favorable á petición.

Artigo 12º.-Revogacións.

1. A axuda poderá revogarse se se dá algún dos seguintes supostos:

a) Execución de menos do 80% das accións previstas, sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

b) Excede-los prazos de execución concedidos.

c) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.

d) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destina-las axudas a fins distintos ós sinalados na solicitude.

Nestos supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os intereses legais, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.

3. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente apro

badas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e orde establecida.

Artigo 13º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse de xeito bianualizado por parte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.614C.770.0, no ano 2001 cunha dotación inicial por un importe de 330.000.000 de pesetas, e no ano 2002 cunha dotación inicial de 530.000.000 de pesetas, dotacións que poderán ser ampliadas con fondos propios ou comunitarios.

Artículo 14º.-Alteración de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas na presente orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de axudas comunitarias.

Segunda.-Os proxectos, memorias técnicas e estudios previos das solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas para accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques, da orde de 1999 de axudas para mellora e conservación de bosques de frondosas, e da Orde do 22 de xuño de 2000 de axudas para proxectos de ordenación e de plans técnicos de montes arborizados, ás que non lles foi concedida a subvención solicitada por falta de crédito serán válidos como documentación a xuntar á solicitude na presente convocatoria, que deberán presentar, no caso de ser necesario, a correspondente reforma para adaptarse ós requirimentos da presente orde e, se é o caso, para adaptarse á realidade cambiante co tempo do medio físico. Así mesmo, deberán presentar novo impreso de solicitude.

Terceira.-No suposto de que as accións previstas na presente orde non precisen para seren cubertas na súa totalidade o importe total máximo consignado inicialmente para elas, os remanentes de crédito poderán ser utilizados en atender outros proxectos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente