Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 07 de xuño de 2001 Páx. 7.525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 31 de maio de 2001 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

As pequenas e medianas empresas constitúen a maior parte da armazón empresarial galega. O seu escaso tamaño limita o seu acceso a mercados nos que os productos poderían alcanzar prezos máis atractivos que no mercado galego, provocando ademais, de forma indirecta, unha saturación do noso propio mercado. O efecto máis inmediato é a loita pola subsistencia que se afronta con estratexias de baixadas indiscriminadas dos prezos que, en consecuencia, limitan grandemente a competitividade destas pequenas e medianas empresas.

Por outra banda, é cada día maior a importancia que a transformación e a comercialización dos productos agroalimentarios teñen no conxunto da economía agraria galega. Ademais as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ó consumo de productos transformados, diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Por outra parte, as esixencias do mercado aumentan no que respecta á normalización, presentación comercial e calidade dos productos.

Hai que ter en conta tamén que Galicia é unha autonomía altamente productora de materias primas de excelente e contrastada calidade e de productos elaborados dunha gran aceptación en mercados fóra da nosa Comunidade Autónoma, pero que en moitos casos son exportadas a outras rexións para a súa manipulación ou transformación coas conseguintes perdas de valor engadido.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983,

do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ós investimentos para a promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos durante o ano 2001.

Sección primeira

Axudas a consellos reguladores

Artigo 2º.-Actividades subvencionables e contía das axudas.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

As accións subvencionables serán actuacións de promoción xenéricas que, en todo caso, se axustarán ós requisitos e limitacións recollidas na normativa comunitaria sobre encadramento das axudas nacionais para publicidade de productos agrarios e de determinados productos non incluídos no anexo II do Tratado CEE (DOCE C 302, do 12 de novembro de 1987).

Para as campañas publicitarias, que deberán ser supervisadas e aprobadas pola consellería como requisito previo á súa difusión, establécese unha porcentaxe de axudas máxima do 50% do investimento subvencionable, conforme o disposto na normativa comunitaria antes citada.

No caso doutras accións promocionais distintas de campañas publicitarias en medios de comunicación, como presentacións públicas, degustacións, catas comentadas, etc., a axuda poderá chegar ata o 75% do investimento subvencionable.

Os productos elaborados polas empresas inscritas nos rexistros do consello regulador que se empreguen nas campañas de promoción, poderán ser considerados como parte da porcentaxe de achega ó investimento correspondente ó solicitante, valorándose en prezos en orixe.

b) Feiras e certames comerciais.

Poderá subvencionarse a participación en feiras e certames comercias do sector agrario e agroalimentario así como a súa organización en Galicia, excluíndose neste caso os concernentes a concursos, exposicións e feiras de gando.

Cando un consello regulador pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos, poderá acumular nun só expediente todos aqueles que se produzan no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou

extra-peninsular), pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou certames ós que se refira o expediente.

As axudas serán subvencións cos límites que se determinan a continuación:

-Organización: ata un 50% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 3.000.000 de pesetas.

-Asistencia:

* No territorio peninsular (incluído Portugal): ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 500.000 pesetas por cada asistencia.

* Nos demais casos: ata un 60% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 1.000.000 de pesetas por cada certame.

Neste punto terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de stand (alugamento, decoración, etc.), traslado de productos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do stand, ou de se-lo caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante, sendo neste último caso a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios da Comunidade Autónoma (grupo 2º).

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Estudios de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como de mellora dos procesos de comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudios de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.

Poderán ser tamén incluídos os estudios sobre novas liñas de distribución, así como os deseños de etiquetas e formas de presentación e todos aqueles que favorezan a mellora na distribución e a presentación ó consumidor dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Subvencionarase tamén a organización e realización de xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio que teñan como obxectivo a mellora da comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

As axudas poderán chegar ata o 70% dos investimentos subvencionables.

d) Programas.

Serán subvencionables aqueles programas que teñan como obxectivo a mellora da calidade e o fomento da normalización, tipificación e control da calidade dos productos amparados polo consello regulador.

A axuda poderá chegar ata o 100% do gasto subvencionable, respectándose en todo caso as limitacións que a este respecto se recollen nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000).

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

Na resolución das solicitudes presentadas polos consellos reguladores teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Incidencia potencial da actuación na mellora da comercialización.

-Relación custo/beneficio da actuación.

-Axuste das actuacións ás demandas do mercado.

-Importancia da actuación para o desenvolvemento da actividade do consello regulador.

Sección segunda

Axudas a asociacións e empresas

Artigo 4º.-Actividades subvencionables e beneficiarios.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Poderán ser subvencionables as actuacións xenéricas de promoción de productos agrarios e agroalimentarios galegos realizadas por asociacións e agrupacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociados para a mellora da calidade dun producto.

Estas actuacións acomodaranse, en todo caso, ós requisitos e limitacións establecidos na normativa comunitaria sobre encadramento das axudas nacionais para publicidade de productos agrarios antes citada.

b) Feiras e certames comerciais.

Serán subvencionables:

-A organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario galego, con exclusión das relativas a concursos, exposicións e feiras de gando, sempre que estean promovidas por asociacións e agrupacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto, ou por entidades sen ánimo de lucro.

-A participación en feiras e certames comerciais das empresas agrarias e agroalimentarias galegas así como das súas agrupacións e asociacións.

Os peticionarios poderán acumular nun só expediente a solicitude de subvención para a participación en tódalas feiras ou certames ós que concorran e que se celebren no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou extra-peninsular), pero neste caso deberán presentar, xunto coas solicitudes, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada un dos eventos ós que se refire o expediente.

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Neste punto serán subvencionables as accións descritas a alínea c) do artigo 2º desenvolvidas por asociacións e agrupacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias, asociados para a mellora da calidade dun producto.

d) Programas.

Serán subvencionables os programas que teñan como obxectivo a mellora da calidade e o fomento da normalización, tipificación e control da calidade que sexan presentados por agrupacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias asociados para mellora-la calidade dun producto.

Tamén poderán ser subvencionables os gastos necesarios para a introducción de programas de garantía da calidade, tipo ISO 9000, e de análise de perigos e puntos críticos de control (APPCC), nos que incorran as empresas agrarias e agroalimentarias. Inclúense como subvencionables as cantidades cobradas polos organismos recoñecidos de certificación polo certificado inicial e os gastos de formación para a aplicación destes programas.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A contía das axudas, que terán o carácter de subvención directa, queda establecida como segue:

a) Promoción.

No caso de campañas publicitarias, que en todo caso deberán ser supervisadas e aprobadas pola consellería como requisito previo á súa difusión, establécese unha porcentaxe de axuda máxima do 50% do investimento subvencionable.

Para outras accións promocionais que non consistan en campañas publicitarias nos medios de comunicación, como presentacións en público, degustacións, catas comentadas, etc, a axuda poderá chegar ata o 75% do investimento subvencionable.

b) Feiras e certames comerciais.

-Organización:

Ata un 50% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 3.000.000 de pesetas de subvención no caso de asociacións e agrupacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias asociados para a mellora da calidade dun producto, e de 1.000.000 de pesetas no caso das solicitudes presentadas por entidades sen ánimo de lucro.

-Asistencia:

* No territorio peninsular (incluído Portugal): ata un 40% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 500.000 pesetas por cada asistencia.

* Nos demais casos: ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 1.000.000 de pesetas por cada asistencia.

Estas porcentaxes poderanse incrementar ata nun 10% no caso de agrupacións e asociacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias asociados para a mellora da calidade dun producto.

Terán a consideración de gastos subvencionables os establecidos a alínea b) do artigo 2º, relativo ós consellos reguladores.

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Con carácter xeral, a axuda poderá chegar ata un 70% dos investimentos subvencionables. No caso particular de estudios destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade, podería chegar ata o 100% dos gastos subvencionables.

d) Programas.

A axuda non superará o 50% dos gastos subvencionables no caso de programas presentados por empresas agrarias e agroalimentarias, podendo chegar ata o 100% no caso dos programas presentados por agrupacións e asociacións de productores ou empresas agrarias e agroalimentarias asociados para colboraren na mellora da calidade dun producto.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Na resolución das solicitudes presentadas polos peticionarios que se recollen nesta sección teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Productos amparados por algún indicativo de calidade.

-Productos elaborados con materias primas producidas en Galicia.

-Accións encamiñadas claramente a unha mellora da comercialización e da calidade dos productos.

-Formulacións con base asociativa.

Sección terceira

Disposicións xerais

Artigo 7º.-Limitacións de carácter xeral.

En todo caso a contía das axudas establecidas nas seccións 1ª e 2ª axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral vixente e, en particular, ó contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28 do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante que, entre outras limitacións, establece que a concesión de axudas terá carácter decrecente no caso das outorgadas para os gastos dos controis efectuados co fin de garanti-la autenticidade dos productos amparados polas denominacións de calidade, ata a súa desaparición ó sétimo ano da súa aplicación; e que a contía máxima da axuda que se perciba polas actuacións recollidas nas súas seccións 13 (axudas destinadas á producción e comercialización de productos agrícolas de calidade) e 14 (apoio técnico ó sector agrario, no

que se inclúe a organización e participación en feiras), non poderá superar, para cada unha das seccións, a cantidade de 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres anos ou, tratándose de pequenas e medianas empresas, non poderá supera-lo 50% dos gastos subvencionables, segundo cal sexa a cifra máis favorable.

Artigo 8º.-Tramitación das solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servicios centrais e nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, segundo o modelo do anexo I que acompaña esta orde. Deberase presentar unha instancia por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista nos artigos 2º e 4º para participación en feiras.

b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.

A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá solicitar calquera outro documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Alimentación, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración establecidos nos artigos 3º e 6º, segundo se trate de consellos reguladores ou outro tipo de beneficiarios, respectivamente.

3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Tramitación do pagamento das axudas.

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación en San Caetano-Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a. Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.

b. Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c. Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.

d. Ademais, e xunto coa documentación relacionada nos anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

d.1. No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, spots, etc.).

d.2. No caso de xornadas técnicas e congresos: unha memoria na que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

d.3. No caso de estudios: unha copia destes.

d.4. No caso de estudios que inclúan viaxes: memoria descritiva e detallada da viaxe realizada, así como un informe das conclusións obtidas.

d.5. No caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do desenvolvemento do programa e dos resultados obtidos.

e. Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse efectuar pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos realizados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para os que lle foi concedida.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos nos que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

4. No caso de pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de cinco millóns de pesetas e no de anticipos que superen o dito importe, será preciso que o beneficiario presente as garantías establecidas no artigo 17 do citado Decreto 287/2000.

Artigo 10º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días desde a data de entrada en vigor da presente orde.

2. Poderanse solicita-las axudas que se establecen nesta orde para as accións iniciadas durante o ano 2001 e rematadas antes da data límite que se estableza na resolución de concesión para a xustificación dos gastos.

Artigo 11º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante poderase conceder por petición xustificada do interesado realizada antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación. No caso de reducción da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos recollidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde

seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28/02, do 1/2/2000) e normativa concordante.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o ano 2001, nas aplicacións orzamentarias 09.04.615A.770.0, 09.04.714A.770.0 e 09.04.714A.780.0, dotadas inicialmente con 50.000.000, 375.000.000 e 25.000.000 de pesetas, respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Segunda.-A concesión das axudas para a promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos quedará condicionada ó cumprimento do que sinale a Comisión Europea, nos termos sinalados polo artigo 7 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria