Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 06 de xuño de 2001 Páx. 7.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2001 pola que se convoca un curso sobre operadores de radar.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre operadores de radar, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-los membros dos corpos das policías locais de Galicia dos coñecementos teóricos e prácticos suficientes para o manexo dos cinemómetros, coas garantías bastantes para unha maior profesionalidade e que poidan garantir ademais a súa preparación técnica adecuada de cara á autoridade xudicial.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia que usen ou vaian usa-los cinemómetros que son cedidos pola Dirección Xeral de Tráfico ou ben os propios de cada concello.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de xuño, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso realizarase en sesións de mañá e tarde, de luns a xoves, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: 1. Teoría do radar estático e do radar móbil. 2. Técnicas de medición con equipos estáticos e móbiles. 3. Teoría do pórtico e cabinas. 4. Antenas. 5. Teórica da programación do equipo (I e II). 6. Teórica da fotografía co radar (I e II). 7. Cámaras fotográficas. 8. Mandos de programación. 9. Visualización e dixitalización dos negativos do radar. 10. Obtención informatizada de boletíns de denuncias. 11. Prácticas de montaxe, desmontaxe, programación, radar estático, cámaras e radar móbil.

Datas.

O curso realizarase durante os días 18, 19, 20 e 21 de xuño.

O horario será de 9 a 13 e de 16.30 a 20.30 horas.

Hai que ter en conta que o día 18 o horario será completo para todos eles e a partir deste día axustarase

o horario para facer dous grupos, un de mañá e outro de tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 14 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de maio de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade