Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 06 de xuño de 2001 Páx. 7.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN de 22 de maio de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre a policía e a protección do patrimonio cultural.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre a policía e a protección do patrimonio cultural, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

As xornadas teñen por finalidade principal mostrar unha visión global das medidas de fomento, divulgativas e lexislativas que interaccionan na protección do patrimonio cultural, para que os policías poidan desenvolve-lo seu labor, tal e como demandan as autoridades administrativas e xudiciais.

Destinatarios.

As xornadas van dirixidas ós membros dos corpos e forzas de seguridade e colectivos interesados.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan estará en función da capacidade do salón de actos da Academia Galega de Seguridade.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de xuño de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

As xornadas realizaránse durante os días 18 e 19 de xuño de 2001.

O horario será en xornada de mañá (9.30 h-14 h) e tarde (16.30 h-20 h) o día 18, e en sesión de mañá o día 19.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 14 de xuño de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Salón de actos da Academia Galega de Seguridade, sito na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Certificado de participación.

Ó remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de maio de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade