Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 05 de xuño de 2001 Páx. 7.451

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2001 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases operativas funcionais das oficinas deste instituto.

Dentro dos principios xerais que rexen as actividades do Igape, recollidos no Plan Plurianual 2000-2003 do instituto, considérase de grande importancia a procura dun maior acercamento deste ós axentes económicos e sociais para ofrecer unha adecuada resposta ás necesidades que debe resolve-lo Igape no cumprimento último dos seus fins.

Dentro desta liña estratéxica sitúase o Programa de Xestión Descentralizada do Igape, co obxectivo de actuar como emisor de información e apoio na xestión de axudas, ademais de ser receptor da inquietude e suxestións dos destinatarios últimos dos programas do Igape.

No sentido máis amplo, a información especializada supón un achegamento personalizado ás necesidades das empresas, convertindose hoxe en día nunha ferramenta de competitividade imprescindible para asegura-la viabilidade e a consolidación do seu proxecto no mercado global.

As actividades levadas a cabo polo Igape, no ámbito da información empresarial, contribúen a procura dunha maior coordinación coas distintas institucións públicas, todas elas implicadas en facilita-lo acceso á información dos distintos programas de axudas e apoios en materia de promoción e dinamización da actividade económica.

Con esta idea, o Igape, por medio da ampliación das súas oficinas pretende un maior acercamento ó cidadán, xa que actuarán como emisores de información e apoio da xestión de axudas, ademais de receptores de inquietudes e suxestións dos destinatarios últimos dos programas do Igape.

A eficacia da posta en marcha dos novos programas e servicios que os empresarios necesitan precisa do acercamento á súa realidade e problemática, onde os distintos axentes económicos e os propios empresarios poidan ter un canalizador das súas suxestións. Preténdese promove-lo acercamento directo e persoal ós empresarios galegos por medio da apertura das oficinas territoriais do Igape, que serán centros de referencia para o asesoramento, dando unha resposta cualificada e horizontal ós proxectos empresariais e de emprendedores. Esta resposta acompañará e axudará o interesado a chegar á consecución final do que os ditos proxectos pretenden, buscando sempre desde as ditas oficinas o mellor xeito de dar información sobre as axudas a disposición dos empresarios, e tamén como vehículo para recolle-las súas inquietudes fronte ós novos retos económicos.

Así mesmo, as oficinas servirán de soporte para un programa de acceso de titulados ó coñecemento na elaboración e implantación de proxectos de empresa.

Todo o anterior vese enmarcado nun esforzo tecnolóxico emprendido polo Igape para dispoñer dos medios informáticos que permitan ter información real en calquera das oficinas do Igape, así como un esforzo na formación do seu persoal co fin de cumprir coas funcións de asesoramento e información que se demanden nas ditas oficinas.

Finalizado o proceso de formación levado a cabo nos últimos meses e tendo cuberta a capacidade loxística de información, proponse a consolidación das oficinas do Igape en Vigo, a ampliación dos recursos da oficina de Ferrol (Plan Ferrol), a posta en servicio da oficina de servicios centrais en Santiago de Compostela, e a apertura de novas oficinas na Coruña e Pontevedra xa provistas de persoal, así como as de Lugo e Ourense, unha vez que se doten do seu persoal correspondente.

Por todo iso, o Consello de Dirección do Igape na súa reunión do día 29 de marzo de 2001 adoptou os seguintes acordos:

Primeiro.-A creación das oficinas do Servicio de Información do Igape da Coruña, servicios centrais (Santiago de Compostela), Lugo, Ourense e Pontevedra, que xunto ás xa creadas e operativas de Ferrol e Vigo conforman os instrumentos operativos do Plan de Xestión Descentralizada do Igape.

Segundo.-Salvo servicios centrais, as oficinas estarán situadas con carácter xeral nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda, agás que dificultades de dispoñibilidade obriguen a outra localización.

A área de influencia das oficinas canto ós demandantes do servicio será o seguinte:

Oficina da Coruña: A Coruña, Fisterra, Terra de Soneira, Bergantiños e Betanzos.

Oficina de Ferrol: Ferrol, Eume e Ortegal.

Oficina dos servicios centrais (Santiago de Compostela): Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Terra de Melide, Xallas, A Barcala, O Sar, Noia, A Barbanza, Muros e Lalín (Deza e Tabeirós-Terra de Montes).

Oficina de Pontevedra: Pontevedra, Caldas de Reis, O Salnés, O Morrazo.

Oficina de Vigo: Vigo, O Condado, A Paradanta, O Baixo Miño.

Terceiro.-O horario de atención ó público das oficinas do Servicio de Información do Igape serán o establecido con carácter xeral para o Igape, e establecerase un servicio de chamada previa para unha maior e mellor prestación do servicio.

Cuarto.-A súa operativa de atención ó público queda recollida na relación de funcións que se indican a seguir:

a) Información xeral das actividades do Igape e de todo tipo de axudas que as administracións des

tinen a incentiva-lo desenvolvemento e fomento da actividade empresarial.

b) Rexistro administrativo.

c) Actuacións respecto ás liñas de axuda do Igape:

1. Asesorar sobre a formalización do expediente de solicitude.

2. Todas aquelas actuacións de xestión que sexan necesarias para a tramitación das axudas ata a fase de informe técnico, entre outras, revisión da documentación presentada coa solicitude da axuda, reclamación, se procede da documentación que falte, ou que deba ser corrixida e concesión de oficio ou por instancia de parte de prórroga nos prazos de corrección.

3. Informar sobre a situación do seu expediente, así como a posibilidade de recibir calquera documento ou escrito correspondente a el, antes de que chegue á fase de proposta de resolución.

d) Ser interlocutor ante o solicitante das inquietudes e suxestións que poidan xurdir na xestión, os programas e axudas do Igape.

e) O persoal técnico das oficinas do Igape desenvolverá tarefas de difusión e divulgación dos programas e axudas do Igape no seu ámbito de influencia por medio da súa participación, entre outras, en mesas redondas, xornadas informativas e encontros con empresarios, etc.

f) O persoal das oficinas do Igape, dentro das funcións de coñecedores da realidade empresarial, poñerán ó dispor dos demandantes de servicios os cuestionarios que se consideren precisos, co fin de ter valoracións da dita realidade.

g) O persoal técnico adscrito ás oficinas do Igape poderá, en virtude das súas posibilidades operativas, desenvolver labores de estudio e investigación, co fin de acada-los informes necesarios que permitan o coñecemento do impacto das accións do Igape adecuándoas ás necesidades reais do mundo empresarial.

h) Calquera actuación que, por razóns operativas, veña a mellora-los fins e as prestacións de servicios por parte das oficinas do Igape cara ós interesados.

i) A xestión na fase de tramitación das axudas, logo da análise técnica e a coordinación das distintas oficinas do Igape será responsabilidade da Subdirección de Información Especializada.

j) Xestiona-lo programa de acceso de titulados ó coñecemento na elaboración e implantación de proxectos de empresa.

Quinto.

1. En xeral, o persoal adscrito ás oficinas do Igape será competente para:

a) Leva-la xestión e control do rexistro administrativo ó seu cargo.

b) Cotexar co seu orixinal a documentación presentada nos expedientes xestionados polo Igape.

c) Requeri-la corrección da documentación non presentada coa solicitude.

2. O persoal técnico adscrito ás oficinas do Igape será competente para outorgar, de oficio ou por instancia de parte, unha prórroga nos prazos de corrección de documentación que non excedan 5 días naturais.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica