Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 05 de xuño de 2001 Páx. 7.428

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 127/2001, do 25 de maio, sobre subvencións a fondo perdido para a reconstrucción de vivendas no medio rural de Galicia.

O Decreto 143/1996, do 17 de abril, prorrogaba o prazo de vixencia do Decreto 226/1992, do 24 de xullo, sobre subvencións para a reconstrucción de vivendas unifamiliares no medio rural ata o 31 de decembro de 1999.

A xeral aceptación destas axudas, así como a necesidade aínda existente de actuacións de reconstrucción, rehabilitación integral, remodelacións e ampliacións nas vivendas do medio rural de Galicia, explican a oportunidade da publicación dunha nova normativa que, por unha banda, continúe como complemento diferenciado da normativa de subvencións a fondo perdido para actuacións de rehabilitación mais simples recollida no Decreto 304/2000, do 21 de decembro, sobre subvencións a fondo perdido para rehabilitación de vivendas no medio rural de Galicia e, pola outra, responda ás actuais disposicións da nova normativa autonómica e estatal en materia orzamentaria, procedemental e fiscal.

Así, na presente disposición, admítese a compatibilidade destas axudas coas de rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos, de especial relevancia no caso das vivendas situadas no Camiño Francés de Santiago.

Modifícase, ademais, a limitación dos ingresos ponderados, que pasa a expresarse en millóns de pesetas abandonando a referencia ó salario mínimo interprofesional para simplificar no posible o seu cálculo.

Modifícanse, así mesmo, os artigos que fan referencia á tramitación administrativa e contable e introdúcense outros novos para cumpri-los requisitos da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por último, o presente decreto adáptase ó novo réxime xurídico das subvencións que se introduce no ordenamento pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, que modifica varios artigos do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e, así mesmo, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma.

O presente decreto desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos así como o prazo de presentación de solicitudes de cada convocatoria.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto protexer e incentiva-la reconstrucción e reestructuración de vivendas rurais, promocionando solucións axeitadas ó medio e respectuosas coa tipoloxía da arquitectura tradicional da zona.

Artigo 2º.-Concepto de vivenda rural.

Para efectos deste decreto considéranse vivendas rurais:

a) As vivendas unifamiliares situadas en entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) As vivendas unifamiliares situadas en núcleos entre 500 e 1.500 habitantes en municipios con planeamento municipal vixente, sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, sempre que a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso da vivienda unifamiliar.

c) As vivendas unifamiliares situadas en núcleos entre 500 e 1.500 habitantes dos municipios sen planeamento sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan características de aglomeracións ou concentracións urbanas.

Artigo 3º.-Condicións para a reconstrucción.

Poderán ser obxecto destas axudas aquelas vivendas cunha antigüidade superior ós 40 anos e que, como consecuencia das actuacións, vaian ser destinadas a domicilio habitual e permanente da unidade familiar do beneficiario.

Artigo 4º.-Actuacións protexibles.

1. As actuacións que se inclúen no ámbito de protección que se establece neste decreto son as seguintes:

A) Reestructuración interior.

Abrangue as obras que readapten a configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estructurais ás necesidades actuais dunha vivenda unifamiliar. Inclúe os baleiramentos totais con mantemento das fachadas.

B) Reconstrucción integral.

Abrangue as obras en edificacións que, dado o seu estado de ruína, ou como consecuencia de anteriores modificacións, só permiten a conservación de elementos valiosos illados da edificación primitiva, incorporándoos á edificación de nova planta.

C) Ampliación da vivenda.

Abrangue a ampliación do volume existente. As ampliacións deberán adecuarse ás características da edificación que se amplía e ás fixadas no planeamento vixente.

4.2. Para todas estas actuacións será requisito indispensable, ademais da licencia municipal, o correspondente proxecto básico e de execución asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguridade das obras que se van realizar, garantirá a adecuación ó medio e á paisaxe da edificación resultante. En todo caso, o proxecto deberá respectar e mante-las características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando tódolos elementos merecentes de protección polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou da tipoloxía tradicional.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións reguladas neste decreto sobre subvencións para reconstrucción de vivendas as persoas físicas que, sendo propietarias delas, obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan de 3,5 millóns de pesetas.

O cálculo dos devanditos ingresos familiares e a súa ponderación determinaranse por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda.

As persoas físicas que residan, sen pagaren renda ningunha, en vivendas propiedade de institucións privadas sen fins de lucro, poderanse acoller ás axudas achegando o documento de autorización da institución correspondente. Tanto a vivenda obxecto das actuacións como o solicitante das axudas deberán reuni-los demais requisitos esixidos neste decreto.

Artigo 6º.-Axudas.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes de convocatoria, poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 4º nunha contía equivalente ó 30% do orzamento das obras, sen que en ningún caso a dita subvención poida supera-la cantidade de 1.200.000 pesetas por beneficiario.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes de subvención para a rehabilitación das vivendas presentaranse nas delegacións provinciais do IGVS que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, axustándose ó modelo e cos documentos que serán determinados por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que, así mesmo, establecerá a especial tramitación das solicitudes formuladas polos galegos residentes no exterior da Comunidad Autónoma.

A solicitude de subvención supoñerá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal de la Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo de comezo e finalización para a presentación de solicitudes determinarase por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 9º.-Aprobación provisional.

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas, á vista da documentación presentada e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial do IGVS elevará proposta de aprobación provisional de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos esixidos, ou proposta de denegación motivada, nos supostos de incumprimento, ó director xeral, quen, á vista delas e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na correspondente aplicación orzamentaria, resolverá o que segundo dereito proceda.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación.

2. A aprobación provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo da execución das obras, o orzamento e a subvención máxima que se concederá.

3. O prazo de execución das obras non poderá exceder de dous anos, contados a partir da data de notificación da aprobación provisional. Excepcionalmente, por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

Artigo 10º.-Criterios de asignación de recursos.

Se o importe total das axudas a recoñecer fose superior ós recursos económicos dispoñibles en cada orde de convocatoria, estes asignaranse en orde inversa ós ingresos familiares ponderados dos solicitantes, de menor a maior.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que en aplicación do devandito criterio queden sen asignación de recursos.

Artigo 11º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

Artigo 12º.-Aprobación definitiva.

1. Unha vez executadas as obras dentro do prazo concedido, o beneficiario disporá de 15 días desde a terminación delas para comunicar por escrito á delegación provincial correspondente do IGVS a súa finalización, achegando fotografías que mostren tódalas obras realizadas. A inactividade do interesado dará lugar á denegación da aprobación definitiva por incumprimento das condicións de outorgamento da subvención.

O delegado provincial do IGVS, á vista da documentación presentada, despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, proporá

ó director xeral outorgar ou denega-la aprobación definitiva do expediente, quen resolverá o que segundo dereito proceda.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación.

2. Será motivo de denegación da aprobación definitiva non executa-las obras aprobadas inicialmente dentro do prazo concedido.

3. Na aprobación definitiva constará o importe da subvención concedida, así como a obriga de destina-la vivenda rehabilitada a residencia habitual e permanente do beneficiario durante o prazo, como mínimo, de 5 anos contados a partir da dita aprobación definitiva.

No caso dos galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma, esta obriga limitarase á residencia na vivenda reconstruída durante polo menos trinta días ó ano, no mesmo período.

4. A aprobación definitiva dará lugar ó pagamento da subvención. Previamente, o beneficiario deberá acreditar que se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Igualmente, deberá presentar unha declaración sobre a solicitude e obtención doutras axudas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión das axudas.

Artigo 13º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e notifica-las resolucións provisional e definitiva será de seis meses. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se dictara e notificara a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 14º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención suporá, ademais das sancións que poideran corresponder, a obriga de reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos na presente disposición:

1. Son compatibles, para as mesmas actuacións, coas axudas autonómicas para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos, sen que, en ningún caso, o total das subvencións concorrentes poida supera-lo 75% do orzamento protexible.

2. Son incompatibles con cualquera outra axuda con cargo ós orzamentos do IGVS ou do Ministerio de Fomento naquelas xestionadas polo IGVS, destinadas ás mesmas actuacións.

3. Non poderán concederse a aquelas persoas que, ó abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación ou reconstrucción, as teñan solicitado para a mesma vivenda nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó da publicación de cada convocatoria, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obteren beneficio ningún.

Disposición adicional

O artigo 4 do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, de axudas ós concellos para a infravivenda rural, quedará redactado do seguinte modo:

4º.-Beneficios.

As axudas ós concellos para as actuacións anteriormente sinaladas poderán acada-lo 80% do orzamento das obras para os concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, e o 65% para os restantes, sen que en ningún caso poidan supera-la cantidade de 3.000.000 de pesetas por vivenda para as actuacións comprendidas nas letras A e D do artigo anterior, e de 5.500.000 pesetas por vivenda para as actuacións comprendidas nas letras B, C, e E do devandito artigo.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro do prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguirán tramitándose conforme a normativa aplicable a elas, si ben que o seu outorgamento quedará supeditado ó cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre outorgamento de subvencións e, en especial, dos establecidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro

e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Así mesmo, a tramitación administrativa levada a cabo conforme a normativa anterior entenderase sempre sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 226/1992, do 24 de xullo e 143/1996, do 17 de abril, e ordes de desenvolvemento, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposición derradeira

O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda