Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 05 de xuño de 2001 Páx. 7.426

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

DECRETO 126/2001, do 18 de maio, polo que se establecen normas de aplicación do sistema de etiquetaxe da carne de vacún na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) 1760/2000, do 17 de xullo, establece, no seu título II, un sistema de etiquetaxe obrigatoria e outra facultativa para a carne de vacún e os productos a base de carne de vacún, co obxecto de garantir unha información mínima (etiquetaxe obrigatoria), e de permiti-la inclusión de información complementaria relativa a determinadas características ou condicións de producción da carne etiquetada ou do animal do que procede (etiquetaxe facultativa).

Basicamente, o que se pretende acadar con este sistema, que foi complementado coa aprobación, pola Comisión, do Regulamento (CE) 1825/2000, do 25 de agosto, é mellora-las condicións de producción e comercialización da carne de vacún e dos productos a base de carne de vacún e fomenta-la confianza dos consumidores nela, mediante un sistema de etiquetaxe obxectiva que permita mellora-la trazabilidade e que garanta unha información clara a estes.

O artigo 20 do Regulamento (CE) 1760/2000 dispón que os Estados membros deben designa-la autoridade ou autoridades competentes responsables da aplicación do citado título II.

Cómpre manifestar que o Regulamento 1760/2000 derroga e substitúe o Regulamento (CE) 820/1997, do Consello, do 21 de abril, polo que se establecía un sistema similar de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos productos a base de carne vacún. En aplicación da normativa establecida neste último regulamento comunitario, aprobouse o Real decreto 2071/1999, do 30 de decembro, polo que se establecen as normas internas de aplicación dos regulamentos comunitarios sobre o sistema de etiquetaxe de carne de vacún, que xa tiña sinalado que as competencias de execución nesta materia corresponden ás comunidades autónomas.

É preciso, polo tanto, determinar cal é, no ámbito territorial da nosa Comunidade Autónoma, a autoridade competente para a aplicación do sistema de etiquetaxe da carne de vacún e dos productos a base de carne de vacún, tanto no relativo á aprobación dos pregos de condicións que deben presenta-los distintos axentes económicos ou organizacións que operan en Galicia e desexen utiliza-la etiquetaxe facultativa, como á xestión dos rexistros correspondentes, ó control do cumprimento das esixencias do sistema de etiquetaxe e á aplicación da norma sancionadora no caso de infracción.

Polo tanto, por iniciativa dos conselleiros de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de

Sanidade e Servicios Sociais, e de Industria e Comercio, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e ó abeiro das competencias que á Comunidade Autónoma se lle atribúen nos artigos 30.I.3, 30.I.4 e 33.1 do Estatuto de Autonomía, e en uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto establecer, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, medidas para a aplicación do sistema de etiquetaxe da carne de vacún previsto nos regulamentos (CE) 1760/2000, do 17 de xullo, e 1825/2000, do 25 de agosto.

Artigo 2º.-Autoridade competente.

1. Etiquetaxe obrigatoria.

Para o control e inspección do sistema comunitario de etiquetaxe obrigatoria da carne de vacún previsto na sección I do título II do Regulamento (CE) 1760/2000, son órganos competentes a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a través da Dirección Xeral de Saúde Pública; a Consellería de Industria e Comercio a través do Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a través da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, atendendo ás normas de atribución de competencias en materia de defensa do consumidor e da calidade agroalimentaria.

2. Etiquetaxe facultativa.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, é o órgano competente para a aplicación do sistema comunitario de etiquetaxe facultativa da carne de vacún prevista na sección II do título II do Regulamento (CE) 1760/2000.

Artigo 3º.-Funcións da autoridade competente.

Ós órganos mencionados no artigo anterior, no ámbito das súas respectivas competencias, correspóndelles garanti-la aplicación das normas dos sistemas de etiquetaxe obrigatoria e facultativa da carne de vacún e, en particular, exerce-las seguintes funcións:

a) A execución dos controis sobre o cumprimento dos regulamentos comunitarios citados no artigo 1º do presente decreto.

b) A aprobación e rexistro dos pregos de condicións da etiquetaxe facultativa da carne de vacún elaborados polos axentes económicos ou organizacións que teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma de

Galicia. A aprobación dos pregos facultará os axentes ou organizacións para incluíren nas etiquetas da carne de vacún que comercialicen indicacións distintas ás previstas como obrigatorias polo Regulamento (CE) 1760/2000.

c) A aprobación dos pregos de condicións presentados por axentes económicos con sede social fóra de Galicia, cando inclúan informacións referidas a lugares da Comunidade Autónoma nos que se desenvolvan operacións de producción da carne. A aprobación neste caso limitarase ós elementos referidos ás operacións que teñan lugar no territorio da Comunidade Autónoma.

d) A supervisión dos organismos independentes de control da etiquetaxe facultativa nomeados polos axentes económicos ou organizacións nos correspondentes pregos.

e) O exercicio da potestade sancionadora polo incumprimento das disposicións relativas ó sistema de etiquetaxe da carne de vacún e dos productos a base de carne de vacún.

f) A retirada das autorizacións concedidas ós axentes económicos ou organizacións dedicadas á comercialización da carne de vacún por incumprimento das prescricións contidas nos pregos de condicións, así como a imposición de condicións suplementarias para o mantemento da autorización.

Artigo 4º.-Pregos de condicións da etiquetaxe facultativa.

1. Os pregos de condicións, que indicarán a información contida no artigo 16.1º do Regulamento (CE) 1760/2000, serán presentados na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a súa aprobación a través da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

2. Antes da súa aprobación definitiva, os pregos de condicións serán sometidos ós informes previos e favorables da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Industria e Comercio.

3. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación dictará resolución no prazo de dous meses contados desde a recepción da solicitude ou, de se-lo caso, desde que se emenden os defectos que se teñan observado ou se presente a documentación necesaria para complementa-la solicitude. Transcorrido o devandito prazo sen que se concedese ou denegase a autorización, nen se pedise información complementaria, considerarase que o prego de condicións foi aprobado pola referida dirección xeral.

4. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación non aprobará os pregos de condicións se non queda garantido o funcionamento correcto e fiable do sistema de etiquetaxe prevista e do sistema de control.

5. Será rexeitado todo prego de condicións que non garanta a trazabilidade da carne, de conformidade co establecido no artigo 16.2º do Regulamento 1760/2000, do 17 de xullo.

Tamén serán rexeitados os pregos de condicións que prevexan etiquetas que conteñan información enganosa ou que induzan o consumidor a erro.

Con carácter particular, será rexeitado todo prego que prevexa etiquetas que, mencionando o territorio no que se desenvolva algunha fase productiva, non fagan mención, de xeito igual de relevante e no mesmo campo visual, dos lugares onde transcorren as demais fases, sen que poida aparecer de xeito independente o lugar de nacemento ou os de cría, ou o de sacrificio.

Artigo 5º.-Rexistro.

Créase o Rexistro de pregos de condicións da etiquetaxe facultativa da carne de vacún aprobados ós distintos axentes económicos ou organizacións, que será xestionado pola Dirección Xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. O citado rexistro, ademáis dos pregos de condicións aprobados, incluirá os axentes económicos ou organizacións solicitantes da autorización da etiquetaxe e mailos organismos independentes de control recoñecidos.

Artigo 6º.-Controis.

As Consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais e o Instituto Galego de Consumo, a través dos seus respectivos servicios de control, inspeccionarán, no ámbito das súas correspondentes competencias, o estricto cumprimento do sistema comunitario de etiquetaxe da carne de vacún e dos productos a base de carne de vacún.

Para estes efectos, estes órganos manteranse reciprocamente informados sobre as súas accións e disposicións cunha periodicidade mínima semestral.

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

1. As Consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais e o Instituto Galego de Consumo tramitarán no ámbito das súas competencias os expedientes sancionadores incoados polas infraccións cometidas respecto ás disposicións relativas ó sistema comunitario da etiquetaxe da carne.

2. Sen prexuízo da aplicación das sancións establecidas no artigo 18 do Regulamento (CE) 1760/2000 e no artigo 9 do Regulamento (CE) 1825/2000 e dos principios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o incumprimento das disposicións relativas ó sistema comunitario de etiquetaxe da carne de vacún e dos productos a base de carne de vacún dará lugar á aplicación das sancións establecidas no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria.

3. As Consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais e o Instituto Galego de Consumo manteranse reciprocamente informados, cunha periodicidade mínima semestral, dos expedientes sancionadores incoados e das sancións impostas.

Artigo 8º.-Información á Administración Xeral do Estado.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria comunicará ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os órganos competentes designados como responsables da aplicación do sistema de etiquetaxe, as normas de aplicación adicionais e, en particular, as relativas ós controis que deban levarse a cabo e o réxime sancionador.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria comunicará ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os pregos de condicións aprobados, incluíndo os axentes económicos ou organizacións solicitantes da súa aprobación e os organismos independentes de control autorizados, así como a retirada das autorizacións nos casos en que esta se produza.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de Sanidade e Servicios Sociais e de Industria e Comercio para dictaren, no ámbito das súas respectivas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública