Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 01 de xuño de 2001 Páx. 7.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 120/2001, do 10 de maio, polo que se modifica o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O recente Decreto 161/2000, do 29 de xuño, estableceu a vixente estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, coa que se pretendeu conseguir unha maior eficiencia nas súas actuacións, establecendo as liñas xerais organizativas. Esta modificación tenta culminar este proceso coa creación de dúas unidades administrativas,

a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social dentro da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que reforzará a xestión das competencias atribuídas á consellería pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e, por outra banda, vaise crear un Servicio de Contratación e Obras dentro da secretaría xeral, que tramite especificamente e coordine os expedientes de contratación da consellería.

Elimínase da estructura orgánica a referencia ó Servicio de Obxección de Conciencia dentro da Dirección Xeral de Xustiza e créase na Dirección Xeral de Administración Local un servicio de voluntariado, cun campo de actuación máis amplo que o derivado da prestación social substitutoria do servicio militar, que desaparecerá como obriga a finais de 2001.

Os restantes cambios na estructura responden a cambios de denominación de distintas unidades administrativas que, sen embargo, manteñen as súas funcións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cos informes previos das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nos seguintes termos:

Artigo 4º

-Engádese un punto 1.2 ó artigo 4º.Dous.1, co seguinte contido:

1.2. Servicio de Contratación e Obras.

A este servicio corresponderalle a xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servicios públicos, subministracións, consultorías e asistencias, ou calquera outra figura contractual análoga, así como os convenios de colaboración con outros entes públicos en materia de investimento. Corresponderalle, así mesmo, o seguimento e control da execución dos contratos.

Artigo 5º

-Suprímese no artigo 5º.Un a obxección de conciencia como materia na que exercerá competencias a Dirección Xeral de Xustiza.

-Suprímese o punto 1.2 do artigo 5º.Dous.

-Modifícase a denominación da Subdirección Xeral de Persoal, Medios Materiais e Informática da Administración de Xustiza, establecida no artigo 5º.Dous.2, que pasa a denominarse Subdirección

Xeral de Recursos Humanos, Materiais e Informáticos da Administración de Xustiza.

-Modifícase a denominación do Servicio de Medios Materiais e Informática Xudicial establecido no artigo 5º.Dous.2.3, que pasa a denominarse Servicio de Recursos Materiais e Informáticos.

Artigo 6º

-Modifícase a denominación da Subdirección Xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo establecida no artigo 6º.Dous.2, que pasa a denominarse Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde Laboral.

-Modifícase a denominación do Servicio de Seguridade e Hixiene no Traballo establecido no artigo 6º.Dous.2.1, que pasa a denominarse Servicio de Seguridade e Saúde Laboral.

-Engádese un punto 3 ó artigo 6º, co seguinte contido:

3. Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

Á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social correspóndelle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras empresas de economía social sen prexuízo das competencias doutras consellerías nesta materia, así como a modulación das relacións cos axentes sociais.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do borrador do anteproxecto de orzamento anual correspondente ó seu programa de gasto, o seu seguimento e control, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

3.1. Servicio de Cooperativas e Economía Social, ó que lle corresponde:

-A cualificación, inscrición e certificación dos actos que deben acceder ó rexistro xurídico de cooperativas central, e os depósitos relativos ás asociacións de cooperativas.

-A tramitación de expedientes, sancionadores por infracción da normativa cooperativa, así como de procedementos de adopción de medidas de intervención temporal e de descualificación de cooperativas.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de sociedades laborais e expedición de certificacións.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de centros especiais de emprego e expedición de certificacións.

-Información e asesoramento en materia de cooperativa e de empresas de economía social, así como o impulso das relacións intercooperativas.

-A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

-Planificación, xestión e control das axudas a cooperativas, sociedades laborais e as súas asociacións.

-Execución dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social.

-Elaboración de estatísticas, realización e coordinación de estudios sobre cooperativas e empresas de economía social.

-O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

-Suprímese o punto 1.2 do artigo 6º.Dous.

Artigo 8º

-Engádese no artigo 8º.Un como materia na que exercerá competencias a Dirección Xeral de Administración Local a seguinte:

Promoción e fomento de actuacións de voluntariado. Mentres subsista a obriga da prestación social substitutoria do servicio militar incluirá, ademais, os programas de obxección de conciencia.

-Engádese un punto dous no artigo 8º.Dous, co seguinte contido:

Do director xeral de Administración Local dependerá de modo directo e inmediato a seguinte unidade administrativa:

2. Servicio do voluntariado.

Desenvolverá as directrices que lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral, correspondéndolle, entre outras, as seguintes funcións:

-Elaboración e seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a xestión do Sistema de Rexistro Autonómico de entidades, así como desenvolvemento das actuacións técnicas de promoción, investigación, asistencia e formación.

-Elaborar e presentar propostas sobre as actividades e programas que sexan de interese preferente para Galicia, para os efectos da prestación social substitutoria.

-Elaborar e xestiona-los concertos de prestación social substitutoria.

-Emitir informe sobre os proxectos e programas presentados polas entidades públicas ou privadas que, tendo o seu ámbito de actuación no territorio de Galicia, pretenden recibir obxectores como colaboradores sociais.

-Realizar labores de información, colaboración e apoio ás administracións locais, así como ó resto das entidades colaboradoras.

-Informa-los mozos sobre a forma de exerce-lo dereito á obxección de conciencia e a realización da prestación social substitutoria.

Artigo 9º

-Modifícase a denominación de xefe de Área de Seguridade e Hixiene establecida no artigo 9º.1.4, que pasa a denominarse Servicio de Área de Seguridade e Saúde Laboral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais