Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 01 de xuño de 2001 Páx. 7.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 119/2001, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos.

Co fin de adapta-lo proceso da inspección técnica de vehículos á crecente demanda dela, o Decreto 323/1996, do 26 de xullo, da Consellería de Industria e Comercio, modificou o Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos, establecendo un novo procedemento de supervisión administrativa que faculta os técnicos responsables das estacións de ITV para certificaren tódalas inspeccións de vehículos que se realicen nas devanditas estacións, así como para realiza-las anotacións necesarias nas tarxetas de inspección técnica.

Sen embargo, a sentencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 24 de marzo de 2000, manifesta, no seu fundamento de dereito III, que a competencia para expedi-las referidas certificacións non se pode delegar nos encargados das estacións de ITV e debe ser exercida polo persoal da Administración e esixe, na súa parte dispositiva, unha nova redacción dos artigos 7.3º, 7.4º, 7.bis.3º e 7.bis.4º do Decreto 205/1994, do 16 de xuño, que establece novamente a expedición das certificacións de determinadas inspeccións por parte do persoal da Administración e non polo da empresa concesionaria.

Por outra banda, faise necesario adapta-lo prazo máximo de duración da concesión que establece o artigo 3.2º do devandito decreto ó disposto no artigo 157 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaoito de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O punto 2º do artigo 3 do Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos, queda redactado nos seguintes termos:

«2. A concesión outorgarase por un prazo de vinte anos, prorrogable por prazos sucesivos de catro anos de duración máxima, se non é denunciado por algunha das partes con tres meses de antelación á expiración do prazo inicial ou de calquera das súas prórrogas. A concesión non superará, en ningún caso, os cincuenta anos».

Artigo 2º

Os puntos 2º, 3º e 4º do artigo 7 do devandito decreto quedan redactados como segue:

«2. As inspeccións sinaladas no punto anterior serán realizadas nas estacións de ITV e informadas ou certificadas, segundo proceda, polos técnicos responsables delas baixo a supervisión do persoal da Administración designado como interventor.

3. A tramitación, execución e supervisión das inspeccións sinaladas no punto 1º efectuaranse de acordo co procedemento que determine a consellería competente en materia de industria.

4. Os interesados poderán reclamar perante a correspondente delegación provincial contra o resultado das inspeccións realizadas nas estacións de ITV. Así mesmo, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro competente en materia de industria contra as certificacións dos interventores da Administración relativas ás devanditas inspeccións».

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogados o artigo 7 bis do Decreto 205/1994, do 16 de xuño, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nel.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de industria para que, no prazo máximo de catro meses, dicte as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio