Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 31 de maio de 2001 Páx. 7.241

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 118/2001, do 10 de maio, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma en materia de mediación en seguros privados.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 2, establece que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros.

Polo Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transfírense á Comunidade de Galicia as funcións e servicios da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros.

A Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados, establece no punto un da súa disposición adicional primeira o carácter básico dela, salvo determinadas excepcións, reservándolle inicialmente ó Estado, no inciso final do punto tres da dita disposición, a concesión da autorización administrativa para o exercicio da actividade de corretaxe de seguros e a súa revogación.

A sentencia do Tribunal Constitucional 330/1994, do 15 de decembro, resolutiva do recurso de inconstitucionalidade nº 2061/1992 en relación con determinados preceptos da Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados, estimou en parte o recurso interposto e declarou especificamente viciado de incompetencia o punto tres, inciso final da disposición adicional primeira da Lei 9/1992 impugnada. Como consecuencia diso a Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, na súa disposición adicional sétima, modificou a Lei de mediación en seguros privados para dar cumprimento á sentencia pronunciada polo Tribunal Constitucional, ampliándose a esta materia a competencia autonómica.

No exercicio das referidas competencias, e logo da regulación, por orde do conselleiro de Economía e Facenda do 18 de xullo de 2000, do Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corretaxe de Seguros e dos seus Altos Cargos e do Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado, o presente decreto regula as condicións nas que debe desenvolverse a actividade mercantil de mediación en seguros privados na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que as ditas competencias foron asignadas á Consellería de Economía e Facenda mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, e que son exercidas a través da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como dispón a Orde do 12 de xaneiro do 2000 da Consellería de Economía e Facenda. Concretamente esta disposición estructúrase en capítulos, referíndose o primeiro ó ámbito de aplicación da norma; o segundo ós mediadores de seguros en sentido amplo; o terceiro e o cuarto ós axentes e corredores de seguros respectivamente; o

quinto regula o control administrativo, inspección e réxime

sancionador e finalmente o capítulo sexto refírese á figura dos colexios de Mediadores de Seguros Titulados.

Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na reunión do día 10 de maio de 2001,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación da norma

Artigo 1º.-Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito da mediación en seguros privados.

1. A competencia que ten a Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos mediadores de seguros privados e cos colexios de Mediadores de Seguros Titulados enténdese, de acordo co que establece a Lei 9/1992, do 30 de abril, circunscrita a aqueles dos que o domicilio e ámbito de operacións se limiten ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro exercerá as competencias que en materia de mediación de seguros privados lle foron asignadas á Consellería de Economía e Facenda, mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro.

Capítulo II

Dos mediadores en seguros privados

Artigo 2º.-Clasificación e reserva de denominación.

1. Os mediadores de seguros privados clasifícanse en axentes de seguros e corredores de seguros, xa sexan persoas físicas ou xurídicas. As actividades de axencia e de corretaxe de seguros son incompatibles entre si.

2. As denominacións de axente de seguros e corredor de seguros quedan reservadas ós mediadores definidos neste decreto.

Artigo 3º.-Obriga ante terceiros.

1. En toda publicidade ou documentación propia do xiro ou tráfico mercantil de mediación en seguros privados que realicen os axentes ou corredores de seguros terá que figurar, segundo se trate de persoas físicas ou xurídicas, as expresións axente de seguros ou sociedade de axencia de seguros se é o caso de axentes, e corredor de seguros ou corretaxe de seguros, no caso de corredores e polos mesmos supostos.

2. Os axentes de seguros e sociedades de axencia de seguros farán constar, ademais, a denominación social da entidade aseguradora para a que teñan contratada a mediación e o número de rexistro que esta lles outorgara.

3. Así mesmo, os corredores de seguros e corretaxes de seguros farán constar, ademais, as circunstancias de estar inscrito no Rexistro da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, e ter concertado un seguro de responsabilidade civil de acordo todo iso co artigo 6 deste decreto.

Capítulo III

Dos axentes de seguros

Artigo 4º.-Rexistro de axentes.

As entidades aseguradoras levarán un rexistro dos seus axentes e sociedades de axencia, no que farán

consta-los seus datos identificativos, así como os datos de alta e baixa das autorizacións concedidas para a utilización dos servicios de subaxentes e para operar con outras entidades aseguradoras nos casos previstos na lexislación vixente.

O dito rexistro quedará sometido ó control da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Artigo 5º.-Formación de axentes.

1. As entidades aseguradoras adoptarán as medidas necesarias para a formación dos seus axentes. Para tal fin establecerán programas de formación nos que se indicarán os requisitos que teñen que cumpri-los axentes de seguros ós que se destinen e os medios que hai que empregar para a súa execución.

2. A documentación correspondente ós programas de formación e á súa execución estará á disposición da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, que poderá requirir que se efectúen as modificacións que resulten necesarias no contido do programa e nos medios precisos para a súa organización e execución para axeitalos ó deber de formación á que se refire o número anterior deste artigo.

Capítulo IV

Dos corredores de seguros

Artigo 6º.-Requisitos para exerce-la actividade de corretaxe de seguros.

1. Para exerce-la actividade de corredor de seguros na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que o seu domicilio e ámbito de operacións se limiten a ela, será preciso obte-la autorización previa da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, a cal se concederá sempre que se acredite o cumprimento dos requisitos necesarios establecidos pola normativa básica na materia.

2. Serán requisitos para que unha persoa física obteña e conserve a autorización:

a) Estar en posesión do diploma de mediador de seguros titulado, expedido polo conselleiro de Economía e Facenda ou por outro órgano estatal ou autonómico competente.

b) Contratar un seguro de responsabilidade civil que terá unha garantía mínima de 200.000.000 de pesetas (1.202.024,21 euros) por sinistro e ano, cunha franquía máxima por sinistro do 20 por 100 da indemnización, e terá que cubri-los sinistros ocorridos durante o período en que o corredor de seguros estea en activo aínda que se manifesten con posterioridade ó cesamento da actividade.

c) Presentar, para a súa aprobación por parte da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, un programa de actividades no cal se indiquen os ramos de seguro e a clase de riscos en que se proxecte actuar, así como a estructura da organización e os medios persoais e materiais dos que se vaia dispoñer para o cumprimento do dito programa. Deberá tamén facer mención, se é o caso, do programa de formación que se aplicará a aquelas persoas que, ben como empregados, ben como colaboradores, teñan que asumir funcións que supoñan unha relación máis directa cos posibles provedores de seguros e asegurados en materia de asesoramento e mediación.

3. Serán requisitos necesarios para que unha sociedade de corretaxe obteña e conserve a mencionada autorización os sinalados nas letras b) e c) do número 2 precedente, así como os establecidos pola normativa básica na materia.

4. En consonancia co establecido nos puntos 2 e 3 deste artigo, calquera modificación que afecte o cumprimento dos ditos requisitos debe ser obxecto de obrigatoria notificación.

5. A solicitude de autorización dirixirase á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e deberá ir acompañada dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos a que se refiren os números 2 ou 3 precedentes, segundo se trate de persoas físicas ou xurídicas. Tal petición deberá ser resolta dentro dos seis meses seguintes á data de entrada no rexistro da Consellería de Economía e Facenda da solicitude de autorización.

A solicitude de autorización será denegada cando non se acredite o cumprimento dos requisitos para a súa concesión.

Artigo 7º.-Rexistro.

A concesión da autorización determinará a inscrición no Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corretaxe de Seguros e dos seus Altos Cargos, adscrito á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e creado pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de xullo de 2000.

Artigo 8º.-Diploma de mediador de seguros titulado.

1. O diploma de mediador de seguros titulado na Comunidade Autónoma de Galicia expedirao o conselleiro de Economía e Facenda, sendo necesario para a súa obtención:

a) Ter capacidade legal para exerce-lo comercio.

b) Non estar inhabilitado para o exercicio da actividade de corretaxe de seguros nin atoparse suspendido nas funcións de dirección de entidades aseguradoras ou de sociedades de mediación de seguros privados, tal e como tipifica a normativa básica.

c) Ter superada unha proba selectiva de aptitude ou un curso de formación en materia financeira e de seguros privados dos que fosen homologados por acordo da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro ou, alternativamente, ser licenciado en dereito, licenciado en ciencias económicas e empresariais, licenciado en administración e dirección de empresas, licenciado en economía, actuario de seguros ou estar en posesión dun título superior universitario correspondente ó primeiro ciclo en materias específicas de seguros privados.

2. A formalización do expediente e expedición do diploma de mediador de seguros titulado levará consigo o pagamento da taxa establecida na lexislación autonómica vixente en materia de taxas e prezos públicos.

3. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro levará un Rexistro dos Diplomas de Mediador de Seguros Titulado que expedise.

Artigo 9º.-Revogación da autorización administrativa.

1. A revogación da autorización administrativa para exerce-la actividade de corretaxe de seguros poderá ser acordada pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, unha vez instruído o expediente con audien

cia do interesado, cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Por deixar de realizar durante un ano a actividade de mediación en seguros privados nos termos establecidos legalmente.

Tratándose de corredores de seguros, persoas físicas, o prazo de inactividade para estes efectos suspenderase sempre que concorra unha causa xustificada, reiniciándose cando tal causa desaparecera.

b) Por deixar de cumprir algún dos requisitos esixidos para a concesión e conservación da autorización.

c) Por perda da independencia respecto das entidades aseguradoras.

d) Pola comisión de infracción moi grave que leve como sanción a revogación da autorización.

e) Por renuncia expresa do corredor de seguros ou a sociedade de corretaxe de seguros.

2. A revogación da autorización dará lugar á exclusión do rexistro previsto no artigo 7 do presente decreto, farase constar no Rexistro Mercantil se o corredor estivese inscrito nel e publicarase no Diario Oficial de Galicia e no boletín do Rexistro Mercantil. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá realiza-la publicidade que considere necesaria para información do público cando existise perigo de que continuara o exercicio da actividade da corretaxe de seguros, contravindo o acordo de revogación.

Capítulo V

Control administrativo, inspección e réxime

sancionador

Artigo 10º.-Competencia administrativa e inspección.

1. As competencias administrativas concernentes ó control do exercicio da actividade de axente ou corredor de seguros, así como a tarefa inspectora sobre este colectivo, corresponderán á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, que gozará das facultades que a lei outorga.

Unha vez iniciada a actividade de corretaxe de seguros, as persoas físicas e xurídicas que a exerzan terán á disposición da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro información detallada e referida ó peche do exercicio anterior acerca da distribución entre entidades aseguradoras, do número total de contratos de seguro en vigor e do importe total e por ramos de seguro das primas nas que interviñesen como mediadores.

2. Será de aplicación á inspección de mediadores de seguros privados o disposto sobre inspección de entidades aseguradoras no artigo 72 da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión de seguros privados, entendéndose feitas ós mediadores as referencias que no dito precepto se fan ás entidades aseguradoras e ós funcionarios que presten servicio naquelas unidades ou órganos da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro que teñan atribuídas as funcións de inspección en materia de mediadores de seguros privados, de conformidade co regulamento orgánico da Consellería de Economía e Facenda, as referencias que se fan ós inspectores de seguros do Estado.

Artigo 11º.-Procedemento e competencia en materia de sancións.

1. Para a imposición das sancións previstas na lei seguirase o procedemento a que esta se remite e de acordo co que se establece nos artigos 127 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, coas especialidades que se recollen nos artigos 19 a 27, ambos inclusive, da Lei 26/1988, do 29 de xullo, sobre disciplina e intervención das entidades de crédito, entendéndose referidas ós corredores de seguros e á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro as mencións contidas na citada lei ás entidades de crédito e ó Banco de España.

2. A competencia para a instrucción dos expedientes sancionadores e para a imposición das correspondentes sancións rexerase polas regras seguintes:

a) Será competente para a instrucción dos expedientes a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

b) A imposición de sancións por infraccións graves e leves corresponderalle ó director xeral de Política Financeira e Tesouro.

c) A imposición de sancións por infraccións moi graves corresponderalle ó conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 12º.-Prescrición de infraccións e sancións.

Á hora de determina-la prescrición de infraccións e sancións haberá que aterse, en todo momento, ó disposto na normativa básica.

Artigo 13º.-Medidas de control especial.

Con independencia da sanción que, se é o caso, proceda aplicar, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá adoptar sobre os corredores e corretaxe de seguros algunha das medidas de control especial de conformidade co disposto no artigo 39 da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, sempre que se encontraren nalgunha das situacións previstas nas letras d) a g), ambas inclusive, do número 1 do citado artigo 39, no que lles sexa de aplicación.

Capítulo VI

Colexios de Mediadores de Seguros Titulados

Artigo 14º.-Colexios de Mediadores de Seguros Titulados.

Os colexios de Mediadores de Seguros Titulados e o Consello de Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de Galicia relaciónanse coa Administración autónomica, polo que respecta ó contido de materias reguladas pola normativa vixente, a través da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, sen prexuízo das funcións que sobre os aspectos institucionais e corporativos sobre colexios profesionais ten atribuídas a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Corresponderán ó Consello de Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de Galicia, ademais das que teña

atribuídas pola lexislación vixente, as seguintes funcións:

a) A organización das probas selectivas de aptitude para a obtención do diploma de mediador de seguros titulado. Neste suposto correspóndelle á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a homologación das ditas probas selectivas, así como a supervisión da celebración destas mediante a designación de representantes nos tribunais que as xulguen, se o estimase oportuno.

b) A emisión do informe previo á homologación pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro dos cursos de formación en materias financeiras e de seguros privados que organicen as institucións privadas para a obtención do diploma de mediador de seguros titulado, así como la supervisión dos ditos cursos.

c) O Consello de Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de Galicia poderá, así mesmo, representa-los seus socios en calquera trámite fronte á Administración.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda poderá, mediante orde, modifica-los requisitos mínimos establecidos no artigo 6.2º b) deste decreto, co obxecto de harmonizar estas esixencias co resto das administracións públicas, en función de futuras modifacións normativas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se constitúa o Consello de Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de Galicia, as referencias a el contidas no artigo 14 deste decreto entenderanse feitas ós colexios de Mediadores de Seguros Titulados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Para os efectos do establecido no artigo 8 c), admitiranse aqueles cursos de formación homologados, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, pola Dirección Xeral de Seguros do Ministerio de Economía.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 12 de xaneiro do 2000, da Consellería de Economía e Facenda, e en xeral cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda