Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 30 de maio de 2001 Páx. 7.222

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 99/11-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

Enderezo social: avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. Pantaño II.

Situación: Mos.

Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 15 kV, de 565 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios metálicos e de formigón, desde o apoio 1 da L.M.T. ó C.T. Pantaño ata o C.T. que se proxecta en Pantaño II, concello de Mos. C.T. de 100 kVA, relación de transformación 15 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 420 m e 620 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón.

Realizada a información pública os propietarios dos predios que se citan, presentaron as alegacións seguintes:

Predio 21. Que a liña divide o predio en dous, impedindo a edificación e calquera uso industrial, polo que pide que a pasen polo lindeiro próximo ó regato. Trasladado o escrito a Fenosa, esta contesta que poden solicita-lo cambio do trazado sempre que sexa viable tecnicamente e acreditando a conformidade dos novos afectados, que a liña sobrevoa o predio a 15 m de altura, polo que se pode construír gardando as distancias de seguridade regulamentarias. Trasladado o escrito ó alegante este volve ratificarse no anterior, e o mesmo fai Fenosa cando se lle traslada copia, engadindo que o cambio do trazado proposto modificaría a afección en predios que xa chegaron a un acordo coa compañía eléctrica. O alegante presenta novo escrito no que manifesta que a variante proposta á penas ten relevancia noutras parcelas e que non é certo que se chegara a acordos con outros propietarios, xa que estes precisamente presentaron outras alegacións e alternativas, a través da asociación de veciños de

Louredo. Esta delegación envía plano parcelario ó alegante para que sinale sobre este a traza alternativa que propón, o que ata o momento non presentou.

Predios 15, 25, 26, 28 e 29. Presentan alegacións conxuntas nas que manifesta que o paso da liña afecta gravemente os intereses dos asinantes, solicitan a variación de apoios nos predios 18 e 25 e que a liña discorra polos extremos dos predios. Enviada copia a Fenosa, esta contesta que é posible a variación sempre que non existan dificultades técnicas e que se acredite a conformidade previa dos novos propietarios afectados, e que a servidume de paso da liña non impide ó dono do terreo cercalo, plantar ou edificar nel sempre que se deixe a salvo a dita servidume. Os alegantes contestan o anterior escrito de Fenosa volvendo insistir en que é posible a variación da liña e que esta non prexudicaría á empresa e si favorecería os afectados pola expropiación. Fenosa contesta as últimas alegacións manifestando que, ante todo, pretendeu con este trazado afastarse dos núcleos de vivendas e aproveitou a orografía do terreo para poder gañar altura co van. Os alegantes volven insistir que a

variante que propoñen non afecta os obxectivos da empresa. Fenosa, en posterior escrito, manifesta que conta co permiso de paso do 54% dos afectados. Deuse traslado deste último escrito ós alegantes, sen que estes presentasen novas alegacións.

Considerando que a cuestión da depreciación dos predios debe ser tratada, en caso de non chegar a un acordo previo, polo xurado de expropiación e que en canto ás variacións propostas non se xustificou que os ditos terreos sexan de dominio, uso ou servicio público, nin que o custo ou a variación do trazado sexan inferiores ó 10% que marca o artigo 26 do Decreto 2619/1966, e que no caso de pretender levarse por lindeiros non se xustificou o permiso dos propietarios dos predios que se verían afectados pola nova servidume.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran nel e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 16 de abril de 2001.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra