Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.024

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental marco e plan director de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela (Ourense) do 2 de febreiro de 2001.

Antecedentes e xustificación.

Mediante Resolución do 19 de xaneiro de 1993 (DOG nº 23, do 4 de febreiro), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Industria e Comercio, pola que se facía pública a declaración de impacto ambiental e o plan de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela (provincia de Ourense), establecíase o procedemento que se debería seguir para as ditas explotacións mineiras e a súa restauración ambiental.

A experiencia acumulada desde a aplicación da citada resolución, tanto nos condicionantes que deben cumprir este tipo de explotacións nos seus labores para que sexan ambientalmente viables como nas características técnicas que deben considerarse nos plans de restauración, vén demostrar que, aínda que o procedemento reflectido na devandita resolución é axeitado, resulta na actualidade insuficiente, máis aínda cando desde a data da resolución se aprobou lexislación de carácter ambiental, como a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental para Galicia (DOG nº 29, de 10 de febreiro) e o Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental (DOG nº 32, do 17 de febreiro de 1997).

Por todo o anterior, e dado que tal como se recolle no anexo II punto 12 do Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de junio, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, están suxeitas a este regulamento as explotacións que se realicen por debaixo do nivel freático, tomando como nivel de referencia o máis elevado entre as oscilacións anuais, ou que poidan supoñer unha diminución da recarga de acuíferos superficiais ou profundos e, así mesmo, dado que parte dos terreos están incluídos no ámbito do espacio natural protexido denominado Veiga de Ponteliñares, declarado na Orde do 28 de outubro de 1999 provisionalmente como zona incluída na proposta de Rede Natura 2000 e definido nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento do Concello de Rairiz de Veiga, resulta de aplicación o punto 12, do anexo I do Decreto 442/1990, do 13 de

setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG nº 188, do 25 de setembro), procédese a formula-la presente declaración de impacto ambiental.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambos da Xunta de Galicia.

Declaración de impacto ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración as condicións que se recollen a seguir, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos co fin de que a realización das explotacións poida considerarse ambientalmente viable.

Ámbito de aplicación.

A presente declaración de impacto ambiental marco e plan director de restauración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras a ceo aberto na antiga Lagoa de Antela e na súa zona de influencia dentro dos termos municipais de Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz, Porqueira, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xunqueira de Ambía e Trasmiras, sendo de obrigado cumprimento para tódalas explotacións, incluíndo as explotacións xa existentes na actualidade (plano nº 8).

Clasificación e definición das explotacións.

A. Explotacións autorizadas.

Considéranse todas aquelas en actividade ou paralizadas e que, estando legalmente autorizadas segundo a lexislación vixente en materia de minas, veñen recollidas no anexo.

B. Explotacións futuras.

Considéranse aquelas de nova creación e/ou implantación no ámbito territorial que abrangue a presente declaración a partir da data da súa publicación no DOG.

Medidas preventivas e correctoras.

Explotacións sen actividade.

Respectarase, en todo caso, unha franxa de largura variable na que estea asentada a vexetación, que será fixada pola Consellería de Medio Ambiente para cada caso particular e en función do estado de recuperación da poza. Así mesmo, e desde o borde interior desa franxa cara ó centro da poza será fixada outra banda de 4 metros de largura sinalizada por boias na que se prohibe a instalación de maquinaria e a extracción de areas.

Explotacións en actividade e futuras.

Co fin de introducir nas distintas fases que levan consigo os labores de extracción de area nas explotacións obxecto da presente declaración aspectos de planificación e xestión ambiental que conduzan a unha maior racionalidade e integración ambiental destas explotacións co medio no que se desenvolven, expóñense a seguir as medidas preventivas e correctoras mínimas que, acordes coa problemática particular, deberán adoptarse para previr e/ou corrixi-las diferentes alteracións ambientais de xeito que se garanta o cumprimento dos fins que se perseguen.

I. Fase de extracción.

I.1. Explotacións simultáneas.

Co obxecto de conseguir unha maior racionalidade ambiental nas explotacións, en ningún caso o promotor titular dunha concesión de explotación para unha determinada área poderá extraer area en máis de dúas zonas simultaneamente e non poderá comezar nunha terceira en canto non sexa certificada a restauración dunha delas.

I.2. Marxes.

Respectarase unha franxa de seguridade e servidume de paso de catro metros (4 m) como mínimo para todo o contorno da explotación, desde as beiras dos camiños ou terreos estremeiros.

Establécese a prohibición da actuación nesta franxa de 4 m, dándoselle carácter excluínte do uso asignado e autorizado como medida de reserva que se adoptará para efectos de conservación dos terreos estremeiros, salvo norma contraria de superior rango. Esta largura considerarase a mínima imprescindible co fin de garanti-la estabilidade do noiro, sendo o promotor responsable desta durante un período de 5 anos contados desde a resolución do órgano ambiental na que se constate a restauración ambiental da poza correspondente.

I.3. Cerca perimetral.

A zona de explotación quedará protexida mediante a instalación dunha cerca perimetral de malla cinexética cunha altura non inferior a 1,50 m, quedando expresamente prohibido o cerrume a base de arame de pugas. Esta cerca instalarase a unha distancia mínima de 1 metro do límite da propiedade.

I.4. Noiros.

Nos límites da explotación definitiva, os noiros serán de alomenos tres metros e medio (3,5 m) en horizontal desde o límite interior da marxe ou franxa de servidume de paso á beira da auga, sempre que garanta a estabilidade do noiro.

Non se poderá extraer area dos noiros perilacunares. Naqueles casos en que o noiro precise material alleo á explotación para asegura-la súa estabilidade, deberán utilizarse estériles mineiros ou outros materiais como mallas, xeotextiles ou estacas-prancha. Para o emprego de estériles alleos á explotación ou otros materiais distintos dos indicados, deberá contarse con informe favorable desta dirección xeral.

I.5. Profundidade.

A profundidade máxima de explotación establécese en quince metros (15 m). Para superar esta profundidade, o promotor deberá realizar un estudio previamente sobre as repercusións ecolóxicas que se puidesen derivar desta acción. Este estudio deberá presentarse perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitirá informe para o efecto e o enviará á Dirección Xeral de Industria para que se recolla na correspondente autorización.

I.6. Illas.

Cada lago creado, cando acade ou iguale os 5.000 m, deberá conter unha ou varias illas, naturais ou artificiais, cunha superficie dun dous por cento (2%) do lago creado, co fin de garanti-lo sosego e benestar das aves que puidesen habitala.

I.7. Protección contra o ruído.

Os promotores deberán dispoñer de tódolos medios técnicos necesarios e axeitados para mante-la maquinaria que se emprega nas explotacións dentro dos niveis permitidos de emisións de ruídos e vibracións establecidos na lexislación vixente.

I.8. Protección contra a contaminación atmosférica.

Non se poderá supera-los límites establecidos sobre os niveis de partículas sedimentables establecidos no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

I.9. Contaminación das augas.

Os promotores non poderán realizar ningún tipo de vertedura na rede hidrolóxica natural, captar auga da canle da lagoa de Antela, ou proceder á explotación en zonas de dominio público hidráulico sen autorización expresa do organismo de bacía.

Cada explotacion deberá dispoñer dunha correcta canalización dos efluentes que se produzan ata axeitados sistemas de decantación, de forma tal que se garantan os límites de vertedura fixados polo órgano de bacía.

Cada promotor deberá proxectar e describir pormenorizadamente os sistemas de decantación e a rede de drenaxe que se vai establecer para canaliza-las augas provenientes das explotacións. O devandito proxecto deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, previamente á súa execución.

I.10. Contaminación do solo.

Fóra das zonas de explotación non poderá realizarse o almacenamento de residuos, independentemente da súa natureza, aínda que sexa con carácter temporal. O almacenamento temporal de residuos poderá efectuarse dentro das zonas ocupadas, en lugares previamente seleccionados, nos que se disporán os medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación.

Tódolos residuos xerados durante a fase de explotación deberán ser retirados e xestionados segundo a súa natureza e conforme a lexislación vixente.

I.11. Impacto visual.

As zonas limítrofes das explotacións deberán dispoñer dunha pantalla vexetal acorde coa zona na que estean situadas. Esta pantalla deberá facerse con especies autóctonas de crecemento rápido presentes na zona, de xeito que se garanta á sua finalidade durante todo o ano.

As naves que se constrúan terán as súas estructuras externas acordes coa tipoloxía da zona, incluíndo paredes, tellados, portas e fiestras.

Ás naves existentes deberánselles realiza-las reformas e adaptacións necesarias para que as súas estructuras externas sexan acordes coa tipoloxía da zona, incluíndo paredes, tellados, portas e fiestras.

Solicitaranse as autorizacións pertinentes ás administracións correspondentes para a constucción e/ou adecuación de naves.

I.12. Vías de comunicación.

Respectaranse tódalas vías de comunicación existentes. A supresión ou modificación de calquera vía precisará da autorización expresa do seu titular.

I.13. Restauración durante a fase de extracción.

Comezarase a restauración inmediata daquelas zonas nas que se teñan finalizado os labores extractivos, aínda que no resto da poza se siga a extraer area.

II. Fase de abandono e restauración.

II.1. Noiros.

As características dos noiros deberán axustarse ó indicado na presente declaración.

As plataformas comprendidas entre a cerca perimetral e a auga cubriranse cunha camada de terra vexetal para garanti-lo éxito da revexetación (espesor mínimo de 25 cm).

II.2. Illas.

Indicarase o número, superficie e características, das illas que se deixen ou creen nas explotacións, que deberán cumpri-lo establecido no punto I.6 da presente DIA.

II.3. Revexetación.

Nos noiros realizarase unha plantación e sementeira con especies arbustivas e herbáceas autóctonas presentes na zona, de tal xeito que se asegure unha boa cobertura vexetal e a consolidación do propio noiro.

As sementes e plantas deberán te-las características axeitadas de pureza, potencia xerminativa e resistencia ás enfermidades.

As plantacións de especies arbóreas e arbustivas deberán formar bosquetes con aparencia irregular.

Control e vixilancia ambiental.

I. Cunha periodicidade anual e no mes de xaneiro, o promotor remitirá un anexo ó Plan Anual de Labores á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, onde figurará de forma detallada tanto o estado da explotación como as medidas de carácter ambiental levadas a cabo ou en período de execución.

II. De toda modificación ou ampliación que se prevexa realizar, o promotor deberá informar por escrito e de maneira inmediata á Dirección Xeral

de Calidade e Avaliación Ambiental e solicitalo á Dirección Xeral de Industria.

III. No caso das explotacións sen actividade nas que o promotor estivese obrigado a restaura-lo espacio afectado e, non obstante, optase por que sexa a Administración a encargada de executa-lo plan de restauración, de acordo co establecido no Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración do espacio natural afectado por actividades mineiras, estes espacios poderían pasar a ser xestionados pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

IV. As condicións recollidas nesta declaración non eximen os promotores de solicitaren cantos permisos e autorizacións sexan pertinentes para a legalización destas actividades ou para a súa modificación.

Avais.

A Consellería de Industria e Comercio, por proposta da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, establecerá un aval suficiente para asegura-la restauración das zonas afectadas. A contía do devandito aval será renovado anualmente en función do cumprimento do plan de restauración e o plan de labores.

O feito de que algún promotor ou asociación de promotores incumpra total ou parcialmente o plan de restauración e as condicións que se indican na presente declaración será causa suficiente para que a Consellería de Medio Ambiente solicite de maneira inmediata a paralización total ou parcial das explotacións, así como a execución do aval nunha contía proporcional á superficie deteriorada e, se esta superase o cincuenta por cento (50%) do total da superficie que se debe conservar ou restaurar, o aval executarase na súa totalidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-As explotacións que estaban en actividade no ano 1993, en zonas cualificadas como espacios naturais protexidos, precisarán da autorización da Dirección Xeral de Industria para continua-los labores, logo de informe ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e deberán adapta-la explotación ás medidas correctoras que se dictaminen.

Segunda.-As explotacións situadas en zonas de montes veciñais en man común clasificados paralizarán a súa actividade como medida cautelar, sen prexuízo da súa posterior legalización, cumpridas as esixencias legais a que estean sometidas na presente declaración ambiental marco.

Disposicións derradeiras

Primeiro.-Concédese un prazo de 1 mes a partir da publicación da presente declaración no DOG, para proceder á retirada de todo o material alleo ós propios materiais de extracción (chatarra, entullo, pneumáticos e outros materiais), sendo responsable o promotor da adecuada xestión de todo este tipo de material.

Segundo.-Os prazos indicados comezarán a contar a partir do día seguinte ó da publicación da presente declaración no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Relación de planos das areeiras da Limia

Plano nº 1, Acibeiro:

Titular: Teresa Abuín Alonso e fillos. DNI 34.576.905.

Superficie autorizada: A 230.000 m (predios: Ac3, Ac4, Ac21).

Plano nº 2, Jardón Dapoza:

Titular: Manuel Jardón Dapoza. DNI 34.593.939.

Superficie autorizada:

Grupo A: 1.020 m. Predio nº 2037A. Poula Queimada. Vilar de Santos.

44.580 m. Predio nº 2038B. Poula Queimada. Vilar de Santos.

Grupo B: 8.000 m. Predio nº 2120. As Toxeiras. Vilar de Santos.

Plano nº 3, Castro:

Titular: Cándido Novoa Castro. DNI 34.584.656.

Superficie autorizada: D 181.769 m (Cs-2).

E 8.038 m (Cs-1).

Plano nº 4, Arián:

Titular: Áridos Antelanos, S.L. CIF B-32017121.

Superficie autorizada: A 52.042 m (Ar2 y Ar9). Sandiás.

B 2.624 m (Ar4). Sandiás.

G 7.470 m (Ar23). Sandiás e V. de Santos.

H 47.834 m (Ar5). Sandiás.

Plano nº 5, Villasana:

Titular: Francisco López Alonso. DNI 34.665.248.

Superficie autorizada: A 9.422 m (V2).

B 11.623 m (V-4).

C 52.291 m (V-13).

D 110.645 m (V-14, V-19, V-20, V-21).

E 1.003 m (V-15).

F 700 m (V-16).

G 1.263 m (V-17).

Plano nº 6, Graveras Limia (Merelles):

Titular: Graveras Limia, S.L. NIF B-15330079.

Superficie autorizada: grupo A de 188.000 m, constituída por 20 predios dos cales a referencia catastral correspondentes ós números 2439 e 2451.

Plano nº 7, Áridos Lima:

Titular: Extracción de Áridos Lima, S.L. CIF B-32107872.

Superficie autorizada: once predios contiguos cunha superficie total de 45.507 m.