Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 22 de maio de 2001 Páx. 6.925

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BARBADÁS

ANUNCIO.

Unha vez aprobado polo Pleno Municipal o Plan Xeral de Ordenación deste concello, na sesión extraordinaria do día da data, e en cumprimento do disposto no artigo 42.1º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, ábrese o trámite de información pública durante o prazo dun mes, que se contará a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que poida ser examinado o expediente na casa do concello, e presentarse as alegacións ou reclamacións que se consideren oportunas.

Así mesmo, e cumprindo o disposto no artigo 34.2º da mesma lei, faise público que queda suspendido o outorgamento de licencias de parcelación de terreos, edificacións e demolicións en tódalas zonas do territorio nas que as novas determinacións supoñan modificacións do réxime urbanístico vixente.

Estas áreas son as seguintes:

* Solo urbano da Valenzá:

-Tódalas zonas denominadas no novo planeamento como áreas de reparto AR-1, AR-2, AR-3, AR-4, AR-5, AR-6, AR-7, AR-8, AR-9, AR-10, AR-11, AR-12 e AR-13.

-Zona denominada no planeamento actual como SU-UE 13 e SU-UE 14, no barrio de Fonsillón.

-Área limítrofe coa zona denominada SU-16 a.

-Bandas de edificación de execución directa ás rúas Tomás Rodríguez Punxín, rúa Villaescusa e rúa Canella.

-Cuarteirón comprendido entre a rúa Canella, rúa Tomás Rodríguez Punxín e rúa nova apertura.

-Zona de execución directa no camiño de Barbadás e a rúa perpendicular a este.

-Zonas delimitadas e clasificadas como solo apto para urbanizar.

-Zona de execución directa na parte alta da rúa Altamira.

* Solo de núcleo rural:

-Quedan suspendidas as licencias en tódalas delimitacións dos núcleos rurais, tanto urbanos como non urbanizables.

* Solo non urbanizable:

-En todo o solo non urbanizable, tanto común como de protección, quedan suspendidas as licencias.

A suspensión non afecta ás obras de reforma, agás que pola transferencia destas sexan equiparables a unha reedificación do edificio, non xustificada por razóns de urxencia ou supoñan un aumento do volume edificado, de conformidade co disposto no artigo 118 do Regulamento de planeamento.

Non obstante, poderán concederse licencias sempre que o réxime vixente e o que figura no novo plan sexan coincidentes, de conformidade co artigo 120 do mesmo regulamento.

Barbadás, 14 de maio de 2001.

O alcalde

Rubricado