Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 15 de maio de 2001 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga do persoal veterinario convocada para o día 21 de maio de 2001.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, deteminen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, e o persoal preciso para prestalos.

A Federación de Servicios Públicos da Unión Xeral de Traballadores (UGT) de Galicia e a Federación da Área Pública da Confederación Intersindical Galega (CIG), en escrito do 25 de abril de 2001 comunicaron a convocatoria dunha folga xeral que afectará a tódalas actividades desempeñadas polas/os veterinarias/os oficiais dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a consellería, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

Os servicios mínimos establécense para atende-los servicios esenciais da consellería, entre os que se atopa o de sanidade animal prestado polo persoal veterinario.

Á vista do anterior, é imprescindible o establecemento duns servicios mínimos por se-la sanidade animal un servicio esencial,

Consecuentemente, en uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servicios mínimos:

1. Nos servicios centrais, un veterinario.

2. Nas delegacións provinciais: un veterinario en cada unha.

3. Nas oficinas agrarias comarcais: un veterinario en cada unha das áreas, e os veterinarios daquelas comarcas nas que houbera feira esa día.

4. Nos laboratorios: un veterinario en cada un.

Artigo 2º

O persoal que deba presta-los servicios relacionados nos artigos anteriores será destinado polo secretario xeral nos servicios centrais da consellería e polos delegados provinciais nos servicios periféricos.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria