Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 103/2001, do 3 de maio, polo que se crea o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do

Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, integra as ensinanzas artísticas dentro da ordenación do sistema educativo e determina no seu artigo 38 os obxectivos propios deste ensino de réxime especial: proporcionarlle ó alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais de música, da danza, da arte dramática, e das artes plásticas e o deseño. Así mesmo, establece, no seu artigo 39, que as ensinanzas de música e danza comprenderán tres graos; elemental, medio (ou profesional) e superior.

Para o desenvolvemento e regulamentación destas ensinanzas dictouse o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas; e para concreta-los aspectos fundamentais do currículo do grao elemental o medio nos estudios de danza aprobáronse o Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, e mailo Real decreto 1254/1997, do 24 de xullo. Disposicións estas que teñen o carácter de normas básicas para todo o territorio español.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos será efectuada polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma correspondente e competente.

Finalmente, tendo en conta a necesidade de ir implantando progresivamente estas ensinanzas especializadas nas mellores condicións posibles de calidade e en centros que garanten a sólida formación técnica e humanística do alumnado que acadará a titulación correspondente ós estudios cursados, estímase conveniente proceder á creación do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, que impartirá os graos elemental e medio, e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará os cadros de persoal docente, adminis

trativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira única

O presente decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de maio de dous mil un

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria