Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 102/2001, do 3 de maio, polo que se crea o Instituto de Educación Secundaria número 3 de Arteixo (A Coruña).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Promulgada a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dictouse o Real decreto 1.004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitario, e mailo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, que aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos será efectuada polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma correspondente e competente.

Finalmente, tendo en conta as necesidades de orde pedagóxica e organizativa dos centros docentes da zona e coa finalidade de que o novo sistema educativo se vaia realizando coas mellores condicións posibles de calidade, considerase que procede a creación do instituto de educación secundaria número tres de Arteixo, provincia da Coruña.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e de conformidade co disposto no artigo 1.3º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o instituto de educación secundaria número 3 de Arteixo con capacidade para 16 unidades de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Univesitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará as ensinanzas que se impartirán e o cadro de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela tres de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria