Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 16 de maio de 2001 Páx. 6.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de maio de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de axudas para a mobilidade de estudiantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia, adheridas ó programa de intercambio SICUE no curso académico 2001-2002.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro), de traspaso de funcións, medios e servicios na materia, pola que se lle transferiron á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), creou as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de orde

nación do sistema universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o sistema universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento que precisen os estudiantes universitarios.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, realiza desde hai algúns anos unha política de asistencia económica ós estudiantes universitarios. Esta política de asistencia económica pretende ampliarse con novas convocatorias, como as axudas para a mobilidade de estudiantes das universidades do sistema universitario de Galicia que queiran realizar unha parte dos seus estudios noutra universidade pública distinta á súa, entre aquelas adheridas ó sistema de intercambio en centros universitarios de España (SICUE).

Conscientes de que hoxe en día a mobilidade é un compoñente desexable na formación universitaria, un medio para mellora-la calidade do ensino, un elemento capaz de contribuír á integración e maior cohesión do sistema universitario español ó favorecer que o estudiante experimente sistemas docentes distintos, así como os distintos aspectos sociais e culturais doutras autonomías e, co propósito de incentiva-la mobilidade dos estudiantes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, dos últimos cursos

de ensino universitario, que redunde nunha mellora da calidade do ensino, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas en réxime de concorrencia competitiva para a mobilidade de estudiantes, destinadas ós alumnos pertencentes ó SUG dos últimos cursos de ensino universitario, que queiran realizar unha parte dos seus estudios noutra universidade distinta da súa, entre aquelas adheridas ó SICUE con garantías de recoñecemento académico e de aproveitamento, así como de adecuación ó seu perfil curricular.

Artigo 2º.-Orzamento.

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2001 e 2002, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación: 07.05.322C.480.2.

2001: 6.666.667 pesetas (40.067,47 euros).

2002: 13.333.333 pesetas (80.134,94 euros).

Artigo 3º.-Período de aproveitamento.

A duración máxima destas bolsas será de nove meses, comprendidos entre outubro de 2001 e xuño de 2002. As axudas concedidas poderanse desfrutar durante ese mesmo período e por unha soa vez.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes e condicións das axudas.

1. Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas, os alumnos universitarios que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Matricularse no curso académico 2001-2002 en calquera das universidades que compoñen o SUG: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

c) Ter superado, no momento de presentación da solicitude, na universidade de orixe, un mínimo de 60 créditos en titulacións de 1º ciclo e de 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo. Así mesmo, poderán participa-los alumnos que realicen un proxecto fin de carreira.

d) Realizar unha estancia nunha das universidades de fóra de Galicia, adheridas ó programa SICUE, cunha duración mínima de tres meses e máxima de nove meses.

2. Estas axudas son compatibles co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, sempre que a contía global mensual de tódalas axudas concedidas para a mesma finalidade non supere a cantidade de 130.000 pesetas (781,31 euros).

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

A solicitude, no modelo ED 438 A que se publica como anexo a esta orde, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse a: Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios. Edificio administrativo San Caetano s/n, 1ª planta. 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderá solicitarse información adicional polos seguintes medios:

-Teléfono: 981 54 54 33, 981 54 54 31, 981 54 44 30.

-Telefax: 981 54 54 22.

Os interesados poderán tamén consulta-la páxina web: www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu, ou seleccionando:

www.xunta.es

Consellerías

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Universidades

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 438 A que figura no anexo I desta orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificación académica ou copia compulsada con especificación das convocatorias. No caso de validación, deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

c) Declaración xurada do solicitante de tódalas axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación, sinalando as causas de exclusión; poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Universidades (http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu). Tamén se exporán nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas.

As devanditas listas estarán expostas desde o 25 de xuño ó 5 de xullo de 2001 (ámbolos dous incluídos). Os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria a través dos medios sinalados no artigo 5º desta convocatoria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 8º.-Selección.

A selección farase en función do expediente académico do solicitante de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

c) Media=(N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1=número de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=número de convocatorias empregadas en cada materia.

As materias ou créditos nas que figuren como apto non se terán en conta para ningún efecto. Así mesmo, para o cálculo da nota media teranse en conta as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2000.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.-Contía.

A contía única que se percibirá será de 65.000 pesetas mensuais (390,66 euros).

Artigo 11º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxi

me xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A axuda aboarase na conta bancaria indicada polo interesado, de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez presentada a seguinte documentación:

a) Copia do xustificante de matrícula correspondente ó curso académico 2001-2002.

Se o solicitante non puidese matricularse por razóns de prazos de matrícula establecidos polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, deberá presentar escrito (modelo anexo II), comprometéndose a entrega-lo xustificante de matrícula no momento de formalizala, e sempre antes do 16 de novembro de 2001.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

c) Informe final das actividades realizadas durante o desfrute da bolsa. O dito informe deberá contar co visto e prace do responsable da universidade de destino e remitirase ó Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios da Dirección Xeral de Universidades (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) antes do 15 de setembro de 2002.

Os pagamentos aboaranse trimestralmente.O pagamento do último trimestre realizarase despois de que o beneficiario da bolsa presente o informe final das actividades realizadas na universidade de destino.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria