Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 14 de maio de 2001 Páx. 6.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de maio de 2001 pola que se establecen as compensacións complementarias como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

A Orde do 8 de xaneiro de 2001, pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina, regula os mecanismos para conseguir que o importe que se vai indemnizar sexa equivalente ó valor medio normal en vida nos mercados gandeiros de referencia, respecto dos animais sacrificados por motivo de sospeita ou confirmación das encefalopatías exponxiformes transmisibles.

A declaración da enfermidade implica a adopción das medidas previstas no Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais. A aplicación destas medidas sanitarias tan rigorosas supón, a diferencia do que acontece

no resto das enfermidades obxecto dos programas oficiais de erradicación, ademais da inmobilización de tódolos animais daquelas explotacións, que de calquera xeito e de acordo cos criterios dos citados programas, son susceptibles dunha toma de mostras, para o caso de que non se poida descarta-la enfermidade, o sacrificio obrigatorio e destrucción de tódolos ruminantes seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, imposibilitando a reposición con outros animais ata que sexa concedida a autorización sanitaria oportuna.

Con todo, as indemnizacións establecidas na Orde do 8 de xaneiro son insuficientes para palia-las importantes perdas económicas dos productores, sobre todo naquelas explotacións nas que se fai un baleiro sanitario total por sacrificio preventivo e destrucción de tódolos seus animais, que, ademais, teñen que sufrir ese período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

As directrices comunitarias sobre Axudas Estatais ó Sector Agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, consideran a posibilidade de engadir unha compensación razoable por ingresos non percibidos, tendo en conta as dificultades que comporta a reposición do gando e os períodos de espera ou de corentena impostos ou recomendados polas autoridades competentes para elimina-la enfermidade antes de efectua-la reposición.

De conformidade coas directrices subliñadas, gran parte dos estados membros que padecen esta epizootia, lograron apoia-los seus gandeiros con medidas que teñen en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.

Así, aínda que a lexislación de epizootias recoñece expresamente o dereito do dono do animal a ser indemnizado polo dano causado ó sacrifica-los animais, a aplicación dos métodos de valoración existentes na actualidade non son proporcionais a deterioración patrimonial que efectivamente se produce porque se lle impide producir durante un período de tempo que, en moitos casos, constitúe o seu medio de vida, polo que, unha vez declarada a enfermidade en Galicia, se van producir na práctica situacións de grave desamparo e indefensión.

Consecuentemente co exposto anteriormente, faise imprescindible establece-los mecanismos de reparación e resarcimento dos danos realmente causados ó propietario ante o establecemento de medidas obrigatorias como consecuencia dun programa de prevención e erradicación desta enfermidade, da que en ningún caso se pode facer responsable o propietario da explotación.

Ademais, hai que ter en conta a dificultade coa que se atopa o productor para poder repoñe-los animais de similares características ós que se lle obri

gou a sacrificar, e que na meirande parte dos casos non hai posibilidade de acada-la reposición total ó mesmo tempo.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os titulares das explotacións nas que, desde o 1 de xaneiro do ano 2001 se sacrificasen ou destruísen de forma preventiva, tódolos animais ruminantes por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, recibirán unha compensación por ingresos non percibidos de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 2º

O importe das referidas compensacións será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades productivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo a esta orde, tendo en conta o período de inactividade desde o momento do baleiro sanitario da explotación. O período indemnizable será de tres meses e sempre de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Non obstante o anterior, en caso de recuperación parcial da actividade, se se repón, polo menos, o 25 % dos animais, será descontado para o período restante o importe correspondente ás unidades de producción restituídas, e o período indemnizable poderá prolongarse ata un máximo de doce meses.

Artigo 3º

Para poder ter dereito ás compensacións establecidas nesta orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Artigo 4º

As compensacións establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-

A.470.0 Compensacións por encefalopatías, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha previsión inicial de 75.000.000 de pesetas.

Artigo 5º

1. As compensacións serán tramitadas de oficio por esta consellería ó dispoñer dos documentos xustificantes da destrucción hixiénica das reses de xeito

que se asegure a súa destrucción total mediante incineración ou outro método autorizado pola normativa vixente, e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo seguinte desta orde.

2. Emitirase resolución da aprobación ou denegación das compensacións na que se especificarán os recursos que procedan.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos seis meses desde a entrada en vigor desta orde, para os sacrificios realizados desde o 1 de xaneiro ata esa data, ou desde a destrucción dos animais implicados nos demais supostos, non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a compensación.

Artigo 6º

Os beneficiarios das compensacións presentarán, antes do pagamento, unha declaración debidamente asinada de conformidade coa percepción da axuda e unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de estar ó día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º

Poderán realizarse pagamentos parciais mensuais a conta da liquidación definitiva, conforme o artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Artigo 8º

O pagamento das axudas quedará condicionado ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial e Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO

Marxes brutos das principais actividades productivas gandeiras das explotacións

(valores en pesetas/unidade)

ActividadeUnidadesCaracterísticasPdto. brutoG. variabl.Marxe bruta

Cabrúnnaisen primas17.0001.60015.400
Ovinonaicon primas15.0001.60013.400
Ovinonaisen primas10.0001.6008.400
Vacún carneCabdereitos+prima exten.190.46559.687130.778
Vacún carneCabcon dereitos173.82659.687114.139
Vacún carneCabsen dereitos142.60059.60083.000
Vacún leiteiroLitros/cota/año<50.000 l./expl.53,024,328,7
Vacún leiteiroLitros/cota/anode 50.001 a 100.00053,823,830,0
Vacún leiteiroLitros/cota/ano>100.00057,125,231,9
Xatos cebaPraza (1,25 xato)0-9 meses142.125104.62537.500
Xatos cebaPraza (1,25 xato)con prima175.403104.62570.778
Xatos cebaPraza (1,25 xato)prima+prima extensi.196.201104.62591.576

Os cálculos para a determinación dos importes das compensacións faranse multiplicando o valor en pesetas da marxe bruta de cada unidade de producción, polo número de unidades de producción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Resultará así un importe anual que dividido por 365 días determinará o importe diario que, pola súa vez, será multiplicado polo número de días de inactividade.

En caso de recuperación parcial da actividade serían descontados, para os días restantes, os importes das unidades de producción correspondentes.