Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.379

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2001 pola que se anuncia o sometemento a información pública da petición de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento de augas con destino a producción de enerxía eléctrica de potencia nominal non superior a 5.000 kVA no regato Cervaniña, xunto co proxecto e estudio de avaliación ambiental do concurso PO/5/123.

Neste organismo autónomo Augas de Galicia achegouse unha petición de outorgamento de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico con potencia nominal de ata 5.000 kVA dun tramo libre do regato Cervaniña, presentada cos proxectos das obras e instalacións e estudio ambiental correspondentes.

No anexo que se inclúe máis abaixo transcríbese o peticionario do aproveitamento solicitado, onde figuran os datos máis relevantes que o definen, ademais dunha breve descrición das obras que se executarán. Tamén se fai mención da clase de estudio ambiental achegado polo promotor, logo da cualificación do proxecto do aproveitamento, segundo dispón a lexislación vixente.

Co presente anuncio, para dar cumprimento ó disposto no artigo 6 do Real decreto 916/1985, do 25 de maio, en concordancia co seu artigo 2.1º; e no artigo 2.4º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, que regula a avaliación dos efectos ambientais para Galicia, sométese de forma simultánea, unha vez rematadas as actuacións de comprobación e de remisión ás consellerías e organismos competentes por razón da materia dos documentos presentados, ó trámite de información pública, no uso das facultades conferidas polo Decreto 63/1997, do 14 de marzo, a petición e documentación técnica e ambiental que se trata en concreto no anexo, para os efectos do seu coñecemento xeral, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular por escrito cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións coiden procedentes (indicando a clave do concurso sinalada no encabezamento e o proxecto ou estudio do peticionario ó que se refiran),

persoalmente ou por medio de representante con poder suficiente, perante o rexistro xeral do organismo autónomo Augas de Galicia, praza Camilo Díaz Valiño 7-9, 15781 Santiago de Compostela, e dentro do prazo improrrogable de vinte (20) días hábiles.

O prazo comezará a contarse e entenderase aberto a partir da data da derradeira das publicacións que corresponde facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra. Transcorrido o dito período de tempo, non se admitirá nin se terá en conta escrito ningún.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nos diarios oficiais mencionados, será obxecto de exposición ó público no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Silleda (Pontevedra).

Para os devanditos efectos informativos, os que se consideren interesados terán ó seu dispor copia da petición e dos exemplares da documentación técnica e estudio ambiental para que poidan ser examinados, nos días e horas habituais de oficina, nas seguintes dependencias administrativas:

-Proxectos das obras constitutivas do aproveitamento e das instalacións electromecánicas da central, subestacións de transformación e liñas de media e baixa tensión:

* Servicios centrais do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: praza Camilo Díaz Valiño s/n (edificio da estación de autobuses), 15781 Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Industria e Comercio: rúa Eduardo Pondal, nº 64, 36003 Pontevedra.

* Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental: rúa Feáns, 1-3, 15706 Santiago de Compostela.

-Estudio de efectos ambientais dos proxectos:

* Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental: rúa Feáns, 1-3, 15706 Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial de Medio Ambiente de Pontevedra: rúa Nova de Abaixo, nº 2, 36071 Pontevedra.

* Concello de Silleda: rúa X. Franco, 31, 36540 Silleda (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2001.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do organismo autónomo

Augas de Galicia

ANEXO

Relación de peticionarios

Peticionario e promotor: Hidroeléctrica de Bandeira, S.L.

Representante: Sabino Rodríguez Penas.

Enderezo: rúa Camilo José Cela, nº 5, Bandeira (Pontevedra).

Denominación do aproveitamento: aproveitamento hidroeléctrico no regato Cervaniña.

* Os aspectos máis destacados son:

Obxecto: producción de enerxía eléctrica.

Caudal de deseño: 1.200 l/sg.

Corrente de derivación: regato Cervaniña (cota de derivación: 191,5 m).

Corrente de restitución: regato Cervaniña (cota de restitución: 113,2 m).

Desnivel (salto bruto): 78,3 m.

Altura máxima sobre o leito: 2,5 m.

Potencia xerador: 1.000 kVA.

Termo municipal onde radica a toma e demais obras: Silleda (Pontevedra).

* Breve descrición das características principais das obras e instalacións:

-Azude.

O azude será de gravidade de planta recta cunha altura de 2,5 m ata o limiar do vertedoiro, que é de tipo Creager de 12 m de lonxitude. Prevese a construcción dunha escala de peixes no seu estribo esquerdo, por onde circulará o caudal ecolóxico. A cota de coroación do azude é de 191,50 m. Proxéctase no estribo dereito unha obra de toma provista de reixa de grosos; ségueo un areeiro de sección rectangular de 3,50 m de largura e profundidade variable, que entronca coa tubaxe de derivación a través dunha reixa de finos con limpeiras.

-Tubaxe de derivación e tubaxe forzada.

Descorren pola ladeira dereita do río. A tubaxe de derivación é de aceiro ó carbono de sección transversal circular de 1.100 mm de diámetro. Desenvólvese na marxe dereita, durante 1.151,05 m de lonxitude, totalmente soterrada en gabia. A tubaxe forzada enlaza directamente coa tubaxe de derivación. Ten una lonxitude de 202,02 m e un diámetro de 1.000 mm.

-Central.

Dimensións exteriores en planta do terreo ocupado: 15,60x10,60 m.

O aproveitamento hidroeléctrico proxéctase cunha turbina tipo Francis de eixo horizontal, de caudais nominais de 1,20 m/s; empatada directamente a un alternador asíncrono trifásico de 1.000 kVA de potencia en bornes e 660 V de tensión nominal, de velocidade de sincronía de 1.000 rpm e de frecuencia de 50 Hz. Transformador de 1.100 kVA.

Ademais instalaranse diversos equipos auxiliares (transformadores de intensidade, de tensión, elementos de protección, módulos de medida, mando e alimentación).

* Afeccións:

Non se efectúa a solicitude de declaración de utilidade pública do aproveitamento, para os efectos de expropiación forzosa e imposición de servidumes necesarias para a construcción do aproveitamento.

* Estudio de efectos ambientais:

Este documento presentouse conforme a normativa aplicable.