Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de carpintería, ebanistería e actividades afíns.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de carpintería, ebanistería e actividades afíns, con nº de código 3600215, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-4-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de la Madera (Asema), e a Asociación de Fabricantes y Comerciantes del Mueble de A Estrada, e da parte social polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 27-3-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-DIspoñen da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de abril de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de carpintería, ebanistería e actividades afíns da provincia de Pontevedra

Capítulo I

Aspectos formais

Artigo 1º.-Comisión negociadora.

1. Forman a comisión negociadora deste convenio, en representación empresarial a Asociación de Fabricantes y Comerciantes del Mueble de A Estrada (AFCM) e a Asociación Provincial de Empresarios de la Madera (Asema), e, representando os traballadores as centrais sindicais: Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.).

2. Ámbalas partes recoñécense, mutuamente, lexitimación para negociar este convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

1. Territorial: afectará a tódalas empresas da provincia de Pontevedra.

2. Funcional: as actividades ás que se dediquen serán as recollidas nos grupos e os seus respectivos epígrafes do imposto de actividade económicas que se relacionan a continuación:

462: fabricación de productos semielaborados de madeira (chapas, taboleiros, madeiras melloradas, etc.).

463: fabricación en serie de pezas de carpintería, parqué e estructuras de madeira para a construcción.

464: fabricación en envases e embalaxes de madeira.

465: fabricación de obxectos diversos de madeira (agás mobles).

466: fabricación de productos de cortiza.

467: fabricación de artigos de xunco e cana, cestería, brochas, cepillos, etc. (agás mobles).

468: industria do moble de madeira.

505: acabado de obras.

E, calquera outra actividade afín, xa creada ou que se poida crear no futuro, así como aquelas que se dediquen á fabricación e/ou instalación ou colocación de productos ou materiais de madeira.

3. Persoal: afectará á totalidade do persoal que preste servicios nas empresas afectadas.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia.

1. Terá unha duración de tres anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2003. A súa vixencia será a da totalidade da súa duración. Os artigos que se relacionan a continuación e o anexo I estarán vixentes ata ó 31-12-2001. Artigo 18: días festivos; artigo 25: salarios; artigo 26: revisión salarial; artigo 31: gastos de locomoción; artigo 32: axudas de custo e artigo 33: desgaste de ferramentas.

2. Para dar cumprimento ó previsto no Estatuto dos traballadores, as partes asinantes fan constar

expresamente que este convenio non precisa denuncia para a súa total extinción o 31-12-2003.

3. Co fin de evitar baleiro, denunciado o convenio e ata que non se logre acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas obrigacionais, manténdose as normativas ata a sinatura do convenio que o substitúa.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio establécense con carácter de mínimas.

Os pactos ou situacións existentes en calquera empresa que no seu conxunto impliquen condicións máis beneficiosas respecto ás convidas, serán respectadas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

1. Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, empresarial e sindical, na forma que decidan as respectivas organizacións e coas funcións que se especifican no artigo seguinte.

2. Os acordos da comisión paritaria adoptaranse en todo caso por unanimidade e, aqueles que interpreten este convenio, terán a mesma eficacia que a norma que foi interpretada.

3. A comisión paritaria reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se consideren necesarias, que serán solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

Artigo 6º.-Funcións e procedementos da comisión paritaria.

1. A comisión paritaria á que se refire o artigo anterior terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos deste convenio.

c) Por instancia dalgunha das partes mediar e/ou intentar conciliar, se é o caso, e logo de acordo das partes e por solicitude destas, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo, poidan suscitarse na aplicación deste convenio.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica deste convenio, ou deriven do estipulado no seu texto e anexos que formen parte deste.

2. Como trámite, que será previo e preceptivo, a toda actuación administrativa ou xurisdicional que se promova, as partes asinantes deste convenio obríganse a poñer en coñecemento da comisión paritaria cantas dúbidas, discrepancias e conflictos colectivos, de carácter xeral, puidesen presentarse en relación á interpretación e aplicación deste, sempre que sexan da súa competencia conforme o establecido no punto 1, co fin de que, mediante a súa intervención, se resolva o problema formulado ou, se iso non fose posible, se emita un dictame ó respecto. O dito trámite previo entenderase cumprido no caso

de que transcorrrese o prazo previsto no punto 5 sen que se emitise resolución ou dictame.

3. Establécese que cuestións propias da competencia da comisión paritaria e que se promovan ante ela adoptarán a forma escrita, e o seu contido será o suficiente para que se poida examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa, debendo ter como contido obrigatorio:

a) Exposición sucinta e concreta do asunto.

b) Razóns e fundamentos que entenda ó seu favor o propoñente.

c) Proposta e petición concreta que se lle formule á comisión.

Ó escrito-proposta xuntaranse cantos documentos se consideren necesarios para a mellor comprensión e resolución do problema.

4. A comisión poderá solicitar, por vía de ampliación, canta información ou documentación considere pertinente para completa-la información sobre o asunto, para estes efectos concederase ó propoñente un prazo que non poderá exceder de 5 días hábiles.

5. A comisión, unha vez recibido o escrito-proposta e, se é o caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a 20 días hábiles para resolve-la cuestión suscitada ou, se iso non fose posible, emiti-lo oportuno dictame. Transcorrido o dito prazo sen terse producido resolución nin dictame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdicional competente.

Capítulo II

Contratación

Artigo 7º.-Contratación.

1. O contrato de traballo poderase celebrar nas diferentes formas establecidas pola normativa laboral en cada momento, formalizándose por escrito nos supostos que o recolle a lexislación e conforme esta, entregando copia deste contrato ó interesado.

2. Realizaranse por escrito as prórrogas que se formalicen, así como o previo aviso de finalización do contrato.

O contrato de traballo deberá formalizarse ó comezo da prestación de servicios.

3. A empresa, previamente ó seu ingreso, poderá realizarlles ós interesados as probas de selección, prácticas e psicotécnicas, que consideren necesarias para comprobar se o seu grao de aptitude e a súa preparación son as axustadas á categoría profesional e posto de traballo que vaia desenvolver.

4. O empresario entregaralles, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. As empresas quedan obrigadas a publicar no seu taboleiro de anuncios o modelo TC-2 correspondente ó último mes no que se fixera efectiva a liquidación.

Artigo 8º.-Período de proba.

1. Ós traballadores que se incorporen á empresa poderáselles concertar, por escrito, un período de proba que en ningún caso poderá exceder de:

-Técnicos titulados, xefes e encargados: 6 meses.

-Técnicos de grao medio, persoal administrativo e oficiais: 2 meses.

-Resto do persoal: 1 mes.

2. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e posto de traballo que desempeñe, como se fose de cadro de persoal, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu trancurso, sen necesidade de aviso previo e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización ningunha, debéndose comunica-la desistencia por escrito.

3. Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados para efectos de antigüidade.

4. A situación de incapacidade temporal, maternidade e adopción ou acollemento, que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo deste.

Artigo 9º.-Contrato para obra ou servicio determinado.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que ten por obxecto a realización dunha obra ou servicio determinado de execución, aínda que limitada no tempo, é en principio de duración incerta.

2. O contrato axustarase ós seguintes supostos:

a) Con carácter xeral, o contrato é para unha soa obra, con independencia da súa duración. Rematará cando acaben os traballos, de oficio e categoría, do traballador na dita obra.

b) Non obstante o punto anterior, logo do acordo entre as partes, o persoal contratado para unha obra ou servicio determinado poderá prestar servicios a unha mesma empresa e en distintos centros de traballo dunha mesma provincia ou lindeira durante un período máximo de tres anos, sen perde-la dita condición, e percibindo os conceptos compensatorios que correspondan polos seus desprazamentos.

3. Os traballadores que formalicen un contrato para unha obra ou servicio determinado, terán dereito, unha vez rematado por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización. A dita indemnización consistirá nunha porcentaxe sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 12 meses de duración, o 5%.

-De 12 a 24 meses de duración, o 4,5%.

-Máis de 24 meses de duración, o 4%.

4. Ós traballadores ós que se lles transforme o contrato de obra ou servicio determinado en indefinido e continuaran prestando servicios na empresa non terán dereito a percibi-las indemnizacións sinaladas no punto anterior.

Artigo 10º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que concerta cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixisen, aínda que tratándose da actividade normal da empresa.

2. Este tipo de contrato estará suxeito ás seguintes consideracións:

a) Nel consideraranse con precisión e claridade a causa ou circunstancia que o xustifique.

b) A súa duración máxima será de 12 meses dentro dun período de 15 meses. No caso de que se concerte por un prazo inferior ó límite máximo, poderá ser prorrogado por unha soa vez, sen que a duración total do contrato poida exceder do máximo establecido.

3. Os traballadores que formalicen un contrato eventual por circunstancias da producción terán dereito, unha vez rematado por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización. A dita indemnización consistirá nunha porcentaxe sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 6 meses de duración, o 7%.

-De 6 a 9 meses de duración, o 5%.

-Máis de 9 meses de duración, o 4,5%.

4. Os traballadores ós que se lles transforme o contrato eventual por circunstancias da producción en indefinido e continúen prestando servicios na empresa non terán dereito a percibi-las indemnizacións sinaladas no punto anterior.

Artigo 11º.-Contrato para a formación.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 11.2º do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que ten por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o adecuado desempeño dun oficio no sector.

2. Poderase celebrar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 que carezan da titulación requirida para realizar un contrato en prácticas.

3. En ningún caso, a duración mínima poderá ser inferior a seis (6) meses nin a máxima superior a tres (3) anos. Si se concertase por un tempo inferior

a tres anos, as partes poderán acordar dúas prórrogas, non podendo se-la duración de cada unha delas inferior a 6 meses nin supera-la duración máxima do contrato.

4. A retribución do traballador contratado para a formación será:

a) Durante o primeiro ano, o salario mínimo interprofesional (SMI) vixente.

b) Durante o segundo ano, ó SMI vixente incrementado nun 10%.

c) Durante o terceiro ano, ó SMI vixente incrementado nun 20%.

Nos tres casos, as retribucións enténdense referidas a unha xornada do 100% do traballo efectivo.

5. O número de contratos para a formación que poden realiza-las empresas non poderá supera-los sinalados na seguinte escala:

Ata 4 traballadores: 1.

De 5 a 8 traballadores: 2.

De 9 a 14 traballadores: 3.

De 15 a 20 traballadores: 4.

De 21 a 25 traballadores: 5.

De 26 a 33 traballadores: 6.

De 34 a 40 traballadores: 7.

De 41 a 50 traballadores: 8.

De 51 a 75 traballadores: 9.

De 76 a 100 traballadores: 10.

De 101 a 250 traballadores: 12 ou o 8% do cadro de persoal.

De 251 a 500 traballadores: 23 ou o 6% do cadro de persoal.

Máis de 500 traballadores: 35 ou o 4% do cadro de persoal.

6. A formación teórica atenderá ás seguintes consideracións:

a) O tempo dedicado a ela deberase alternar co de traballo efectivo e será dun 15% da xornada máxima do convenio: 6 horas semanais.

b) Deberá ser impartida en centros de formación públicos ou privados perfectamente acreditados e homologados.

c) Cando non sexa posible a formación presencial, por esta-lo centro de formación a máis dunha hora de viaxe ou a máis de 50 quilómetros, poderase impartir mediante a modalidade de ensinanza a distancia.

d) Será financiada con cargo ó Acordo Tripartito de Formación Continua.

e) No caso de que algunha empresa incumpra as súas obrigas en materia de formación teórica ou exceda da xornada máxima ordinaria do convenio, deberá aboarlle ó traballador o cen por cento do salario

que lle corresponda a un oficial de 2ª, desde o momento no que se constate o dito incumprimento.

7. O traballador que, unha vez rematado o contrato para a formación, non continuase prestando servicios na empresa, será indemnizado cunha porcentaxe, sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 12 meses de duración, o 5%.

-De 12 a 24 meses de duración, o 4,5%.

-Máis de 24 meses de duración, o 4%.

Artigo 12º.-Contrato en prácticas.

1. O contrato en prácticas é o concertado entre quen estea en posesión dunha titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten legalmente para a práctica profesional, e o empresario, para a prestación dun traballo retribuído que lle permita ó mesmo tempo ó traballador aplicar e perfecciona-los seus coñecementos e lle facilite unha práctica profesional adecuada a seu nivel de estudios.

2. A duración non poderá ser inferior a seis meses nin exceder de dous anos. Se se concerta por un tempo inferior a dous anos, as partes poderán acordar ata dúas prórrogas, non podendo se-la duración de cada unha delas inferior a 6 meses nin supera-la duración total do contrato.

3. A retribución do traballador será o 70 ou o 85 por cento, respectivamente, o primeiro ou o segundo ano de vixencia do contrato, do salario fixado no convenio para un traballador que desenvolva o mesmo ou equivalente posto de traballo, sempre que as ditas contías non sexan inferiores ó salario mínimo interprofesional. No caso de traballadores contratados a tempo parcial, o salario reducirase en proporción ó tempo efectivamente traballado.

4. Os traballadores que formalicen un contrato en prácticas, terán dereito, unha vez rematado por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización. A dita indemnización consistirá nunha porcentaxe sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 12 meses de duración, o 5%.

-De 12 a 24 meses de duración, o 4,5%.

5. Os traballadores ós que se lles transforme o contrato en prácticas en indefinido e continúen prestando servicios na empresa non terán dereito a percibir-las indemnizacións sinaladas no punto anterior.

Artigo 13º.-Contratación de substitución por anticipación da idade de xubilación.

1. Por acordo entre a empresa e o traballador, este poderá xubilarse á idade de 64 anos e a empresa terá a obriga de contratar a un traballador que o substitúa co obxecto de que o primeiro se poida

acoller ós beneficios establecidos no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, ou a norma que puidese substituíla.

2. As partes asinantes pactan neste convenio que, de calquera modo, a idade máxima para traballar será de 65 anos, sen prexuízo de que se poidan completa-los períodos de carencia para a xubilación.

Artigo 14º.-Cesamentos.

1. O fin de contrato deberá ser comunicado, por escrito, ó traballador cunha antelación mínima de quince días naturais. Sen embargo, poderase substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de aviso previo omitidos, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio.

Toda comunicación de aviso previo de cesamento, deberá ir xunto cunha proposta de liquidación.

O traballador poderá ser asistido por un representante dos traballadores no acto da sinatura do recibo de liquidación.

2. O cesamento voluntario por parte do traballador deberá ser comunicado á empresa por escrito, e cunha antelación mínima de quince días naturais. O incumprimento desta obriga poderá ser sancionado, pola empresa, descontando un día de salario por cada día de falta de aviso previo.

Artigo 15º.-Promoción profesional.

Os ascensos suxeitaranse ó réxime seguinte:

1. O ascenso dos traballadores a tarefas ou postos de traballo que impliquen mando ou especial confianza serán de libre designación e revogación pola empresa.

2. Para ascender a unha categoría profesional superior, a empresa establecerá un sistema de carácter obxectivo de avaliación de aptitudes, podendo tomar como referencia, entre outras, as seguintes circunstancias:

a) Titulación axeitada.

b) Coñecemento do posto de traballo.

c) Historial profesional.

d) Ter desempeñado funcións de superior categoría profesional, sen que iso sexa imprescindible.

e) Superar satisfactoriamente as probas que se propoñan, que serán as axeitadas ó posto de traballo que se vai desempeñar e iguais para tódolos aspirantes.

3. O traballador que durante 4 anos teña a categoría de peón poderá ascender á categoría de axudante.

4. Se a empresa acredita a realización por parte do traballador das tarefas que son propias do peón, ou ben, aquel que non manifeste aptitudes suficientes para desempeña-los traballos da categoría superior; non se producirán os ascensos regulados no punto 3.

5. Os traballadores que subscriban un contrato para a formación, segundo o establecido no artigo 11 deste convenio, e se ó seu remate, unha vez expirado o período de máxima duración, continuasen prestando os servicios na empresa, farano coa categoría de axudante.

Artigo 16º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal garantirán que os traballadores postos á súa disposición teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles correspondan ós seus traballadores en aplicación deste convenio colectivo. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vencellada por este convenio.

Capítulo III

Tempo de traballo

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

1. A xornada laboral establécese en mil setecentas setenta e seis (1.776) horas de traballo efectivo en cómputo anual para o ano 2001 e de mil setecentas seseta e oito (1.768) para os anos 2002 e 2003. A xornada ordinaria semanal será de 40 horas, distribuídas de luns a venres.

2. Nas empresas poderase pacta-la distribución variable da xornada máxima anual. En ningún caso se poderán realizar máis de nove horas ordinarias ó día.

3. No suposto de xornada continuada establecerase un período de descanso de quince minutos que terá a consideración de traballo efectivo.

4. Aquelas empresas que teñan instaurado o sistema de traballo a quendas, sempre en rotacións de mañá, tarde e noite, o inicio da xornada semanal será ás 22 horas do domingo, para a quenda de noite e a súa finalización ás 22 horas do venres seguinte, para a quenda de tarde.

Artigo 18º.-Días festivos.

1. Para efectos de distribución e adecuación da xornada anual, con vixencia para 2001, consideraranse como non laborables e retribuídos os días: 30 de abril, 2 de novembro e 7, 24 e 31 de decembro.

2. Nos concellos onde a festividade local coincida cun día laborable ou festivo de convenio, trasladarase ó día inmediatamente seguinte. Para o 2001, nos concellos que se relacionan tamén serán festivos de convenio, os seguintes: Cuntis, 16 de agosto; Marín, 10 de setembro. Mondariz-Balneario, 12 de febreiro e Vilaboa, 22 de xaneiro.

3. Os días de descanso retribuído, establecidos no punto 1, poderán ser modificados por acordo entre a empresa e os traballadores, ou os seus representantes legais, para axustalos ás necesidades das partes.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

1. Son horas extraordinarias de forza maior aquelas que se realizan motivadas por un acontecemento extraordinario orixinado por causas alleas á propia actividade empresarial: incendio, inundación, explosión, derrubamento, etc.

2. Son horas extraordinarias estructurais, as necesarias para atender pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade, sempre que non poida ser substituída pola utilización de modalidades de contratación previstas na lei.

3. As horas extraordinarias, en todo caso, pola súa natureza, serán voluntarias, agás as que teñan a súa causa en forza maior.

4. O número de horas extraordinarias que realice cada traballador, salvo nos supostos de forza maior, non excederá de oitenta ó ano.

Artigo 20º.-Vacacións.

1. O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais de duración, dos que vintedous, como mínimo, serán laborables.

O seu desfrute iniciarase en calquera caso en día laborable; e, como norma xeral e salvo pacto en contrario, terá carácter ininterrompido.

2. As empresas concederán preferentemente as vacacións entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, salvo pacto individual en contrario; así mesmo, poderanse excluír, por motivos de organización, determinados períodos para o seu desfrute.

3. Os traballadores coñecerán, con dous meses de antelación ó seu desfrute, o período vacacional.

O calendario de vacacións, unha vez aprobado, quedará exposto no taboleiro de anuncios da empresa.

4. O dereito a vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que cause cesamento durante o transcurso do ano terá dereito ó aboamento do salario correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa na empresa, aínda que as vacacións devengadas en parte correspondan ó ano natural anterior.

5. Para efecto do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal (IT), sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa.

6. Se no momento no que a un traballador lle correspondese, por estar así establecido, o inicio do período vacacional e se atopase en situación de IT por calquera motivo, poderá apraza-lo seu desfrute de común acordo coa empresa.

7. No caso de que o traballador caese en situación de IT mentres estivese a desfrutar das vacacións, a duración desta computarase como días de vacacións sen prexuízo do dereito do traballador a percibi-la diferencia entre a retribución correspondente ás vacacións e a prestación de IT.

8. No caso de que o traballador sexa desprazado fóra da Comunidade Autónoma, sexan os días de desprazamento acumulados en distintas saídas ou ben continuados, desfrutará de días laborables de descanso, segundo a seguinte escala:

-De 10 a 20 días desprazado: 1 día.

-De 21 a 35 días desprazado: 2 días.

-A partir dos 36 días de desprazamentos: 1 día máis por cada mes ou fracción.

Artigo 21º.-Licencias.

As empresas concederánlles, ós traballadores que o soliciten, logo de xustificación, se é o caso, as licencias sinaladas seguidamente, sen perda de retribución:

1. Matrimonio do traballador: quince días.

2. Por:

a) Nacemento ou adopción de fillos, enfermidade grave de cónxuxe ou fillo: catro días.

b) Enfermidade grave de pais, irmáns ou avós: dous días.

c) Por traslado a un centro médico causado por enfermidade do cónxuxe ou fillos que convivan co traballador: 5 horas ó ano.

Entenderase que existe enfermidade grave, exclusivamente, nos supostos nos que se produza hospitalización ou intervención cirúrxica.

O tempo de licencia deste punto poderá ser ampliado, sen dereito a remuneración, logo de certificado médico esixible pola empresa, cando a enfermidade supere os prazos establecidos.

3. Por:

a) Morte do cónxuxe, fillos ou pais que convivan co traballador ou dos que este sexa fillo único: seis días.

b) Morte de pais, irmáns ou avós: dous días.

4. Cambio de domicilio: un día.

5. Matrimonio dun fillo: o día laborable.

6. Consulta ó:

a) Médico especialista: polo tempo necesario, cun máximo de cinco horas ó día.

b) Médico de cabeceira: ata un máximo de seis saídas anuais, sen que as ausencias poidan supera-las 18 horas ó ano.

7. Traballadoras por lactación dun fillo, ata nove meses despois do parto, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións de media hora.

Poderase substituír este dereito por reducción da xornada nunha hora, que terá que ser sempre ó comezo ou ó final da xornada laboral. Cando os dous pais traballen, soamente un poderá exercer tal dereito.

8. Os parentes sinalados nos puntos 2 e 3 serán por afinidade ou consanguinidade.

9. No caso de que fose necesario un desprazamento fóra da provincia de residencia do traballador, as licencias a que se refiren os puntos 2 e 3 deste artigo ampliaranse en dous días.

10. As licencias a que se refiren os puntos 2 a) e 3 a) deste artigo entenderanse, así mesmo, con iguais efectos, naqueles casos nos que, non existindo unión matrimonial, se manteña una relación análoga de efectividade; sempre e cando exista una efectiva convivencia da parella.

11. Os traballadores terán dereito, así mesmo, a dispor de dous días ó ano, non retribuídos, calquera que sexa a causa alegada na súa petición. O permiso terá que ser solicitado, por escrito, á empresa cunha antelación mínima de cinco días.

12. Os días ós que se refire este artigo entenderanse, en tódolos casos, como días naturais.

Artigo 22º.-Excedencia.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa:

a) Voluntaria. O traballador con, polo menos, unha antigüidade dun ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. O traballador soamente poderá exercer de novo este dereito se transcorren catro anos desde o final da anterior excedencia.

b) Forzosa. O traballador poderá situarse en situación de excedencia forzosa nos seguintes casos:

-Cando fose elixido para un cargo público que imposibilite a súa asistencia ó traballo.

-Cando exerza un cargo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior. Neste caso, a solicitude irá xunto cunha certificación da central sindical á que pertenza, na que conste o cargo ou función sindical para a que foi elixido.

2. Na excedencia voluntaria conservarase un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbera ou se produza na empresa. Na excedencia forzosa o reingreso será automático na empresa, ó rematar aquela, e a ocupar unha praza da mesma categoría que tiña antes da excedencia, así como ó cómputo da antigüidade durante a súa vixencia.

3. No caso de excedencia voluntaria, o reingreso solicitarase un mes antes do remate do prazo que lle foi concedido. Na excedencia forzosa o reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo para o que foi elixido.

En ámbolos dous supostos, de non facerse a solicitude, en tempo e forma, dará lugar á perda de tódolos dereitos

A contestación ás solicitudes será feita pola empresa, no prazo de quince días, entendéndose concedidas de non mediar resposta no prazo sinalado.

Artigo 23º.-Traballos penosos, tóxicos ou perigosos.

1. O persoal que realice traballos penosos, tóxicos ou perigosos recibirá por parte da empresa os medios de protección adecuados que eliminen o seu carácter de penosidade, toxicidade ou perigosidade.

2. Entenderase por actividade continuada penosa, tóxica ou perigosa aqueles postos de traballo que estean en contacto con: colorantes minerais, pinturas, vernices; ou cando se produzan gases, vapores ou outros axentes tóxicos nos que se manipulen substancias facilmente inflamables, así como tamén aqueles nos que se produza unha atmosfera de po de madeira en suspensión.

3. A empresa facilitaralles a aqueles traballadores que especificamente o necesiten pola súa actividade: botas de protección, máscaras, luvas, lentes, cascos, etc.

A periodicidade no recambio de cada unha das pezas de seguridade será, en cada caso de acordo co tempo lóxico de duración ou ben polo seu estado de deterioración.

Artigo 24º.-Traballo nocturno.

1. Terá a consideración de traballo nocturno o que se realice entre as vintedúas horas e as seis da mañá.

2. No caso de que o traballador só realizase xornada nocturna coma actividade normal e continuada, esta terá unha duración de sete horas.

3. Por cada tres semanas na quenda de noite, corresponderán dous días de descanso adicional.

4. Do disposto nos números anteriores quedarán excluídos aqueles traballadores que realicen a súa actividade normal e continuada a quendas.

Capítulo IV

Retribucións

Artigo 25º.-Salarios.

1. Todo o persoal afectado por este convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa I, incrementadas se é o caso, coa antigüidade correspondente.

Os aumentos concedidos por este convenio absorberán os que, por imperativo legal, se impuxeran posteriormente durante a súa vixencia. Os conceptos económicos terán eficacia ós oito días da sinatura do convenio.

2. Incremento para 2001. Aplicarase un 4 por cento sobre a táboa salarial vixente o 31-12-2000, restándolle a compensación por antigüidade.

Artigo 26º.-Revisión salarial.

1. No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2001 un incremento respecto do 1 de xaneiro superior ó 3 por cento; efectuarase unha revisión salarial no exceso sobre a dita porcentaxe. A revisión levarase a cabo unha vez que se constate oficialmente, e pagarase con efectos do 1 de xaneiro de 2001.

2. Se, tendo en conta o establecido no punto anterior, operase unha revisión salarial, a comisión paritaria deberá reunirse necesariamente dentro dos 15 días seguintes ó da data en que se coñezan os datos oficiais, co obxecto de cuantifica-lo dito exceso e proceder á elaboración da nova táboa salarial. A dita táboa revisada servirá de base de cálculo para o incremento do ano seguinte.

Artigo 27º.-Pagamento de nóminas.

1. O pagamento da nómina realizarase de forma mensual. Non obstante, o persoal poderá solicitar, coa debida antelación, anticipos a conta de haberes devengados.

Para todo o persoal consideraranse as mensualidades de 30 días.

2. Tódalas percepcións, agás as de vencemento superior ó mes, aboaranse por períodos vencidos e dentro dos cinco primeiros días naturais do mes seguinte.

Artigo 28º.-Antigüidade consolidada.

1. Os traballadores manterán consolidadas as cantidades que, polo concepto de antigüidade, desfrutaban o día 1 de xaneiro de 1998.

2. Os importes reflectidos no anexo II manteranse invariables e por tempo indefinido como un complemento retribuído ad personam; é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ninguna causa. O dito complemento retributivo reflectirase nos recibos de salarios coa denominación de antigüidade consolidada.

3. Para compensa-la desaparición do complemento da antigüidade nos termos anteriores aplicarase durante os anos 2001 e 2002, con efectos do 1 de xaneiro, un incremento lineal de 21.000 pesetas (126,21 euros) por ano e para tódolos niveis profesionais, agás aprendices, das táboas de salarios. O citado incremento lineal adicionarase ó salario base de cada unha das categorías, agás a de aprendiz, do convenio unha vez que se lle aplique o incremento pactado para cada ano.

Artigo 29º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga extra de verán e paga extra de Nadal, que se devengarán por semestres naturais. Serán aboadas os días 15 de xullo e 15 de decembro, respectivamente.

2. A contía de cada unha consistirá en 30 días de salario máis antigüidade consolidada, se é o caso.

3. As gratificacións extraordinarias nos se percibirán mentres duren as causas de suspensión de contrato previstas no artigo 45 de Estatuto dos traballadores.

Artigo 30º.-Retribución das horas extraordinarias.

1. A retribución das horas extraordinarias determinarase seguindo os seguintes criterios:

a) As realizadas en día laborable, serán as reflectidas na táboa de salarios (anexo I).

b) As realizadas en día non laborable sufrirán un incremento do 145 por cento das reflectidas no anexo I.

2. Poderase optar entre aboa-las horas extraordinarias, conforme o previsto no punto 1 deste artigo ou compensalas con tempo de descanso retribuído. Se se exerce esta última opción, por cada hora extraordinaria realizada nun día laborable haberá que compensa-lo traballador con 1 hora e 45 minutos de descanso retribuído; se a hora extraordinaria se realiza en día non laborable, a compensación regulamentaria será de 2 horas e 30 minutos.

3. No caso de que o traballador teña horas de descanso acumuladas, o seu desfrute será sempre pactado entre o empresario e o traballador.

Artigo 31º.-Gastos de locomoción.

1. Cando, por necesidades da empresa, un traballador teña que desprazarse desde o centro de traballo, normal ou habitual, a outros lugares distintos, a empresa proverá o medio de transporte adecuado. No caso de que utilice un servicio público colectivo, o seu custo será por conta da empresa.

2. Se a empresa e o traballador conviñeran en utiliza-lo vehículo deste, aquela deberá dar obligatoriamente por escrito a autorización pertinente, aboándolle a cantidade establecida en cada momento.

3. O prezo do quilómetro para o ano 2001 establécese en 30 pesetas (0,18 euros).

Artigo 32º.-Axudas de custo.

1. Tódolos traballadores que, por necesidades da empresa e por orde do empresario, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lle impidan realizar comidas ou pernoitas na súa residencia habitual, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

-Axuda de custos completa con pernoita: 7.000 pesetas (42,07 euros).

-Axuda de custos completa: 4.200 pesetas (25,24 euros).

-Media dieta: 2.000 pesetas (12,02 euros).

2. Se por circunstancias excepcionais os gastos orixinados superan os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo do coñecemento e posterior xustificación por parte do traballador.

3. Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos, non lles aboará cantidade ningunha por estes conceptos ós traballadores.

Artigo 33º.-Desgaste de ferramentas.

A empresa que non lles entregue ós seus productores as ferramentas necesarias para os seus traballos, pagaralles en compensación do desgaste destas, 190 pesetas (1,14 euros) por cada día de traballo.

Artigo 34º.-Complemento por penosidade, toxicidade ou perigosidade.

1. Ós traballadores que teñan que realizar labores que resulten excepcionalmente penosos, tóxicos ou perigosos deberá aboárselles un incremento do 20% sobre o seu salario. Se estas funcións se efectuasen durante a metade da xornada ou en menos tempo, o incremento será do 15%, aplicado ó tempo realmente traballado.

2. Se por calquera causa desaparecesen as condicións de excepcional penosidade, toxicidade ou perigosidade deixarán de aboarse os sinalados incrementos non tendo, por tanto, carácter consolidable.

Artigo 35º.-Complemento de nocturnidade.

1. Os traballadores que teñan que realizar traballos nocturnos serán retribuídos cun complemento do 20% sobre o seu salario.

O dito complemento aboarase integramente cando a xornada de traballo e o período nocturno teñan unha coincidencia superior ás catro horas; se fose inferior a este tempo, a retribución será proporcional ó número de horas traballadas durante o período nocturno.

2. Exceptuarase do establecido anteriormente e, por conseguinte non haberá lugar a ningunha compensación, os traballos propios de natureza nocturna, tales como: gardas, serenos ou similares que fosen contratados para desenvolve-las súas funcións durante a noite.

3. Así mesmo, tampouco percibirán o complemento de nocturnidade aqueles traballadores que realicen o seu traballo nocturno como consecuencia do traballo a quendas.

Artigo 36º.-Complemento de turnicidade.

Ós traballadores que realicen a súa actividad normal e continuada en réxime de quendas, retribuiráselles cun complemento do 20% sobre o seu salario mentres dure o citado traballo a quendas.

Artigo 37º.-Non aplicación do réxime salarial.

1. O incremento salarial pactado neste convenio podería non aplicarse en todo ou en parte, só no caso de empresas nas que a estabilidade económica puidera verse danada como consecuencia de tal aplicación.

2. Para acollerse á dita inaplicabilidade, a empresa deberá formula-la petición perante os traballadores ou os seus representantes, por un lado, e ante a comisión paritaria, por outro, xuntando a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da solicitude.

b) Documentación que acredite a causa invocada, entre a que necesariamente figurará a presentada ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria e o Rexistro Mercantil, referida ós tres últimos exercicios.

c) Proposta salarial alternativa que recollerá, en todo caso, a recuperación futura da perda salarial negociada.

d) Proposta de viabilidade para o futuro da empresa.

3. A empresa e os traballadores ou os seus representantes poderán alcanzar acordo no prazo de quince días, que deberá ser notificado á comisión paritaria para que o acordo alcance eficacia plena.

4. No caso de non alcanzarse acordo, a cuestión elevarase á comisión paritaria, que será a competente para resolver en definitiva e, se é o caso, fixa-las condicións salariais alternativas.

Capítulo V

Prestacións sociais

Artigo 38º.-Complementos de prestacións de incapacidade temporal.

1. As empresas completarán a prestación económica por incapacidade temporal (IT) ata o 100% do salario do traballador, nos seguintes casos, e durante o tempo que se indica en cada un deles:

a) IT derivada de accidente laboral, incluído in itinere, ou enfermidade profesional: desde o primeiro día ata a alta médica.

b) IT derivada de enfermidade común ou accidente non laboral:

-Con hospitalización: desde o primeiro día e ata un máximo de 120 días.

-Sen hospitalización: desde o vixésimo primeiro día e ata un máximo de 90 días.

2. Terase dereito ás prestacións por hospitalización, referidas nos puntos anteriores, nos supostos nos que o traballador permaneza ingresado máis de catro días ou dun só día se houbese intervención cirúrxica.

Artigo 39º.-Indemnización por morte ou invalidez.

As empresas afectadas por este convenio teñen a obriga de subscribi-la correspondente póliza de seguro por accidente de traballo, accidente in itinere e enfermidade profesional, que cubra as seguintes continxencias:

a) No caso de morte: 2.300.000 pesetas (13.823,28 euros).

b) No caso de invalidez permanente: 2.800.000 pesetas (16.828,34 euros).

c) No caso de absoluta ou grande invalidez: 3.800.000 pesetas (22.838,46 euros).

Capítulo VI

Representación dos traballadores

Artigo 40º.-Dereitos sindicais.

1. As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente. Non poderán condiciona-lo emprego dun traballador á obriga de non afiliarse ou renunciar a súa afiliación sindical, non poderán despedir un traballador nin prexudicalo, de calquera outra maneira, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

2. As empresas permitiranlles ós traballadores afiliados a un sindicato e ós propios sindicatos realizar reunións, logo de comunicación, recadar cotas e distribuír información sindical fóra de horas de traballo sen que perturbe a súa actividade normal.

3. As empresas con máis de 50 traballadores facilitaranlle ó comité de empresa un local perfectamente acondicionado, dentro da empresa, e onde poida realiza-las súas actividades sindicais.

4. Nos centros de traballo con máis de 75 traballadores a empresa recoñeceralles ás centrais sindicais un delegado sindical, segundo o previsto no artigo 10 da Lei orgánica de liberdade sindical.

5. A empresa porá á disposición da representación sindical un taboleiro de anuncios nun lugar visible e de acceso a tódolos traballadores.

Artigo 41º.-Garantías.

Os membros do comité de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais desfrutarán das seguintes garantías:

1. Non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó do seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, sempre que o despedimento ou sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación.

2. Posuirá prioridades de permanencia na empresa nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

3. Se o despedimento ou calquera outra sanción, por suposta falta grave ou moi grave, obedecese a outras causas deberá tramitarse expediente contradictorio, no que será oído á parte do interesado, o comité de empresa ou os delegados de persoal.

4. Non poderán ser discriminados, na súa promoción económica ou profesional, por causa ou razón do desempeño da súa representación.

5. Poderán acumularse horas dos distintos membros do comité ou delegados, nun ou varios compoñentes, debéndose producir un aviso previo de, polo menos, quince días co fin de que a empresa poida programa-la substitución do traballador que se trate. Farase sempre mención ó período no que se vai facer uso da acumulación.

6. Non se lle computarán no seu crédito de horas, para o exercicio das súas funcións de representación, aquelas que se produzan con motivo da designación como compoñentes da comisión negociadora do convenio ou das comisión paritarias.

Artigo 42º.-Competencias.

Os membros do comité de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais terán as seguintes competencias:

1. Coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, daqueles documentos que se dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións.

2. Emitir informe, con carácter previo á execución por parte do empresario das decisións adoptadas por este sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquel.

b) Reducción da xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control do traballo.

d) Estudio de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

e) Cando a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte ó volume do emprego.

3. Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

4. Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e incremento da productividade, de acordo co pactado neste convenio.

Capítulo VII

Saúde laboral

Artigo 43º.-Revisión médica.

1. A empresa estará obrigada a realizar recoñecemento médico periódico a tódolos traballadores ó seu servicio, polo menos unha vez ó ano.

2. Así mesmo, efectuaráselle revisión médica ó traballador que se incorpore á empresa, dentro dos 30 días seguintes ó seu ingreso, agás que xa a realizase no último ano natural.

3. O traballador poderá optar por pasa-lo recoñecemento médico pola súa conta; neste caso, deberá presentar obrigatoriamente na empresa o certificado médico pertinente.

4. Os traballadores disporán de media xornada retribuída para realiza-la revisión. No caso de que sexa necesario máis tempo, terán que presentar xustificante, séndolles igualmente retribuído o exceso.

Os gastos de desprazamento serán por conta da empresa.

Artigo 44º.-Roupa de traballo.

1. As empresas entregarán a todo o persoal, que o necesite polo posto de traballo que desempeñe un conxunto de chaqueta curta e pantalón cada seis meses.

2. O incumprimento desta obriga dará lugar ó aboamento de 5.300 pesetas (31,85 euros), en compensación, por cada conxunto de roupa non entregado.

3. A empresa facilitaralles a aqueles traballadores que especificamente o precisen pola súa actividade: botas de protección, máscaras, luvas, lentes, cascos, etc.

A periodicidade no recambio de cada unha das prendas de seguridade será, en cada caso, de acordo co tempo lóxico de duración ou ben polo seu estado de deterioración.

Artigo 45º.-Consulta dos traballadores.

1. O empresario deberá consultarlles ós traballadores, coa debida antelación, a adopción das decisións relativas á planificación e á organización do traballo na empresa e á introducción de novas tecnoloxías, en todo o relacionado coas consecuencias que estas puidesen ter para a seguridade e saúde dos traballadores.

2. Nas empresas que conten con representantes dos traballadores, as consultas levaranse a cabo con eles.

Artigo 46º.-Risco grave e inminente.

1. O empresario estará obrigado a informar o antes posible, a tódolos traballadores afectados, da existencia dun risco grave e inminente, e das medidas que se deban adoptar en materia de protección.

2. O traballador terá dereito a interrompe-la súa actividade e abandona-lo lugar de traballo, no caso necesario, cando considere que a dita actividade entraña un risco grave e inminente para a súa vida e saúde.

3. Cando o empresario non adopte as medidas necesarias, os representantes legais dos traballadores poderán acordar, pola maioría dos seus membros, a paralización da actividade. Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, que nun prazo de vintecatro horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

4. Os traballadores ou os seus reprresentantes non poderán sufrir ningún prexuízo derivado da adopción das medidas ás que se refiren os puntos anteriores, a menos que obrasen de mala fe ou cometesen neglixencia grave.

Artigo 47º.-Delegados de prevención.

1. Os delegados de prevención son os representantes dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo e serán designados por e entre os representantes do persoal, de acordo coa seguinte escala:

-De 50 a 100 traballadores: 2 delegados de prevención.

-De 101 a 500 traballadores: 3 delegados de prevención.

Nas empresas de:

-Ata 30 traballadores, o delegado de prevención será o delegado de persoal.

-De 31 a 49 traballadores, haberá un delegado de prevención, que será elixido por e entre os delegados de persoal.

2. Competencias:

a) Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva e na organización de cursos básicos de prevención e saúde laboral.

b) Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución na normativa de prevención dos riscos laborais.

c) Exerce-lo labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

d) Promover e fomentar que tódolos traballadores da empresa realicen, polo menos, un curso básico de prevención.

3. Facultades:

a) Acompañar ós técnicos nas avaliacións de carácter preventivo, así como ós inspectores de traballo nas visitas que realicen ós centros de traballo, podendo formular ante eles as observacións que consideren oportunas.

b) Ser informado polo empresario sobre os danos producidos na saúde dos traballadores, unha vez que se tivese coñecemento deles.

c) Recibir do empresario as informacións obtidas por este, procendentes das persoas ou órganos encargados das actividades de protección e prevención na empresa.

d) Realiza-la visita ós lugares de traballo para exercer un labor de vixilancia e control do Estado das condicións de traballo, de maneira que non se altere o normal desenvolvemento do proceso productivo.

4. Garantías:

a) Na súa condición de representante dos traballadores, seranlle de aplicación as garantías recollidas no artigo 68 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, Estatuto dos traballadores.

O tempo utilizado polos delegados de prevención nas súas actividades será considerado como no exercicio das súas funcións de representación para efectos do crédito de horas mensuais retribuídas.

Non se computarán como tales as correspondentes a reunións do comité de seguridade e saúde, reunións co empresario en materia de prevención, ou as destinadas ás visitas previstas nas letras a) e d) do punto 3 deste artigo.

b) O empresario deberá proporcionarlles ós delegados de prevención os medios e a formación necesarios en materia preventiva.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo, para tódolos efectos.

c) Manterán o segredo profesional e debido respecto das informacións ás que tivesen acceso pola súa actuación na empresa.

Artigo 48º.-Comité de seguridade e saúde.

1. O comité de seguridade e saúde é o organo paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

2. Constituirase un comité de seguridade e saúde en tódalas empresas ou centros de traballo que conten con 50 ou máis traballadores. Estará formado polos delegados de prevención, dunha parte e, polo empresario e/ou os seus representantes en igual número, doutra.

Reuniranse trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións deste. Adoptarán as súas propias normas de funcionamento.

3. Competencias:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos na empresa.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos.

4. Facultades:

a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención dos riscos no centro de traballo, realizando, para tal efecto, as visitas que considere oportunas.

b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios.

c) Coñecer e analiza-los danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores.

d) Coñecer e emitir informe sobre a memoria e programación anual de servicios de prevención.

Artigo 49º.-Comisión paritaria provincial de seguridade e saúde laboral.

1. As partes asinantes acordan constituí-la comisión paritaria sectorial de seguridade e saúde laboral, integrada por 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, sindical e empresarial, na forma que decidan as respectivas organizacións.

2. Serán funcións desta comisión:

a) Solicitarlle ó do Ministerio de Traballo e ó Goberno autónomo o recoñecemento oficial como interlocutor social sectorial en materia de seguridade e saúde, tanto no seu aspecto lexislativo como no desenvolvemento de plans e medidas formativas.

b) Estudiar e acorda-los mecanismos oportunos de coordinación da información provincial en materia de sinistralidade no sector.

c) Promover cantas medidas considere tendentes a mellora-la situación do sector nesta materia, tendo como obxectivo fundamental estende-la preocupación pola seguridade a tódolos niveis, fomentando campañas de mentalización, etc.

d) Acomete-las xestións necesarias para obte-los medios que lle permitan desenvolve-las súas funcións coa eficacia axeitada.

e) Promove-la creación dun órgano específico, nos termos e conforme as modalidades que se acorden, con competencias xerais respecto do conxunto dos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación do convenio, para fomenta-lo mellor cumprimento destes da normativa sobre prevención de riscos laborais, segundo o artigo 35 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

f) Cantas outras funcións acorde a propia comisión atribuírse, encamiñadas ós seus fins.

3. A comisión reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se consideren necesarias; estas deberán ser solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

Capítulo VIII

Formación

Artigo 50º.-Comisión paritaria provincial de formación.

1. As partes asinantes acordan constituí-la comisión paritaria de formación profesional. Esta comisión estará integrada por 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, empresarial e sindical, na forma que decidan as respectivas organizacións.

2. Serán funcións desta comisión:

a) Requirir das administracións públicas e dos organismos comunitarios competentes o recoñecemento oficial desta comisión como interlocutor sectorial, para recibi-la información existente sobre programas e cursos de formación profesional, con financiamento oficial, que afecten ó sector e colaboren co seu desenvolvemento, tanto no ensino regrado como no ocupacional ou continuo.

b) Consegui-los estudios pertinentes de necesidades e requirimentos de formación no sector, nas tres variantes, para chegar a defini-la súa organización.

c) Consegui-los plans formativos necesarios para a homologación das cualificacións profesionais de traballadores: técnicos, administrativos e manuais, cos equivalentes na Comunidade Europea.

d) Calquera outra función que a comisión acorde atribuírse, encamiñada ó desenvolvemento e á mellora da formación profesional no sector.

3. A comisión paritaria sectorial de formación profesional reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se consideren necesarias, se o solicitan a metade máis un dos seus membros.

Capítulo IX

Faltas e sancións

Artigo 51º.-Faltas e sancións.

Considerarase falta laboral toda acción ou omisión da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que constitúa un incumprimento grave e culpable das súa obrigas.

As faltas graduaranse atendendo á súa importancia, transcendencia, voluntariedade e malicia na súa comisión, en: leves, graves e moi graves.

Artigo 52º.-Faltas leves.

1. As faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, sen causa xustificada, de dúas a catro faltas no período dun mes ou de trinta días naturais.

2. Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización, aínda que sexa por breve tempo. Se como consecuencia diso se causase algún prexuízo á empresa ou fose causa de accidente ós compañeiros de traballo, será considerada como grave ou moi grave.

4. Pequenos descoidos na conservación do material, maquinaria, ferramentas e instalacións, agás que iso repercuta na boa marcha do servicio; neste caso poderá ser considerada como grave ou moi grave.

5. Non atender ó público coa corrección e dilixencia debidas.

6. Non informar á empresa dos cambios de domicilio.

7. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servicio. Se se produce con notorio escándalo, poden ser consideradas como graves ou moi graves.

8. A inobservancia das normas en materia de seguridade e hixiene no traballo ou saúde laboral, que non entrañen risco grave para o traballador nin para os seus compañeiros de traballo ou terceiras persoas, xa que de darse estas circunstancias será considerado como grave ou moi grave, segundo os casos.

9. Usa-lo teléfono da empresa para asuntos particulares, sen autorización.

10. A embriaguez ocasional.

11. Cambiar, mirar ou revolve-los armarios, roupeiros ou efectos persoais dos compañeiros de traballo, sen a debida autorización dos interesados.

Artigo 53º.-Faltas graves.

1. Alegar motivos falsos para a obtención de licencias ou permisos

2. Atoparse no local de traballo, fóra das horas de traballo, sen autorización.

3. Máis de catro faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, durante un mes ou trinta días naturais.

4. Faltar ó traballo dun a tres días durante o mes sen causa xustificada.

5. Non comunicar con dilixencia debida as alteracións familiares que poidan afectar ós procesos administrativos ou prestacións sociais. Se mediase algunha malicia, será considerada como moi grave.

6. Simula-la presencia doutro traballador na empresa mediante calquera forma.

7. A neglixencia no traballo que afecte á boa marcha neste.

8. A imprudencia no traballo, que se implicase risco de accidente para o traballador ou outros, ou ben perigo de avaría na maquinaria, ferramentas ou instalacións, poderá ser considerada moi grave.

9. A asistencia reiterada ó traballo en estado de embriaguez ou toxicomanía.

10. A reincidencia en falta leve dentro dun trimestre, cando haxa sanción por escrito da empresa.

11. Non advertir e instruír adecuadamente a outros traballadores, sobre os que teña algunha relación de autoridade ou mando do risco do traballo que se vai executar e do posible modo de evitalo.

12. Transitar ou permiti-lo tránsito por lugares ou zonas perigosas portando útiles de ignición, así como por lugares expostos ó risco de incendio.

13. A falta de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa.

14. Calquera falsidade ou inexactitude deliberada nos partes ou documentos de traballo, ou a negativa a súa formalización, así coma proporcionar falsa información á dirección da empresa, ou ós seus superiores, en relación co traballo.

15. A inxustificada delegación de funcións ou traballos en persoal de inferior rango laboral ou non cualificado para a súa realización.

16. A aceptación de dádivas ou regalos por dispensar trato de favor no servicio.

17. A diminución voluntaria do rendemento do traballo normal.

18. Non informar coa debida dilixencia os seus xefes, o empresario, ou a quen o represente, de calquera anomalía que observe nas instalacións e demais utensilios, ferramentas, maquinaria e materiais.

19. Descoidos de importancia na conservación, limpeza ou utilización de materiais, máquinas, ferramentas e instalacións que o traballador utilice.

Artigo 54º.-Faltas moi graves.

1. A desobediencia continuada ou persistente no traballo.

2. Máis de dez faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas nun período de tres meses ou de 20 durante seis meses.

3. A fraude, a deslealdade, ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa coma ós compañeiros de traballo ou a terceira persoa, dentro das instalacións da empresa ou durante o desenvolvemento da súa actividade profesional.

4. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada de traballo, así como empregar ferramentas, utensilios ou materiais para uso propio.

5. Maliciosamente, facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en materiais, ferramentas, utensilios, aparellos, instalacións, vehículos, edificios, pertenzas e incluso documentos da empresa.

6. A condena por sentencia firme por delictos de roubo, furto, violación ou abusos sexuais, así como calquera outro delicto que puidese implicar desconfianza da empresa respecto ó seu autor, mesmo cando estes se cometesen fóra da empresa.

7. A embriaguez ou toxicomanía habitual durante o traballo, que repercuta negativamente no traballo.

8. Viola-lo segredo da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

9. Revelar a elementos estraños á empresa datos desta de obrigada reserva.

10. Dedicarse a actividades profesionais, por conta propia, en empresas da competencia, sen a oportuna e expresa autorización.

11. Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideración ós superiores, compañeiros ou subordinados.

12. A imprudencia, neglixencia ou incumprimento das normas ou ordes sobre seguridade e hixiene no traballo, cando por iso se produza grave risco para os traballadores ou danos para as instalacións.

13. Causar accidentes graves por neglixencia, descoido ou imprudencia inescusables, ou serio perigo para as empresas.

14. A non utilización dos medios ou materiais de prevención de riscos de accidentes de traballo, facilitados pola empresa.

15. Abandona-lo posto de traballo en cargo de responsabilidade ou cando con iso cause un prexuízo grave no proceso productivo, deterioración importante das cousas ou serio perigo para as persoas.

16. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado.

17. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, sempre que fose obxecto de sanción por escrito.

18. A falta de asistencia ó traballo non xustificada por máis de tres días no mes, ou en 30 días naturais.

19. A comisión de erros repetidos e intencionados, que poidan orixinar prexuízos á empresa.

20. A emisión maliciosa, ou por neglixencia inescusable, de informes erróneos ou a sabendas de que non son exactos.

21. A simulación de supostos de incapacidade temporal ou accidente.

Artigo 55º.-Gradación das sancións.

1. As sancións que poderán impoñe-las empresas en cada caso graduaranse atendendo á gravidade da falta cometida; podendo se-las seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 1 a 20 días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 21 a 90 días.

-Despedimento.

2. Para a aplicación e gradación das sancións que anteceden teranse en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade do que comete a falta.

b) A súa categoría profesional.

c) A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

Artigo 56º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó establecido na lexislación xeral ou de especial aplicación e no convenio colectivo estatal da madeira, mentres permaneza en vigor.

Artigo 57º.-Idioma.

O texto deste convenio publicarase nos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

ANEXO I

Táboa de salarios 2001SalarioCompensac.Retribución total

baseantigüidadePesetasEuros

Encargado xeral, xefe taller127.3446.000133.344801,41

Encargado sección, de producción126.6786.000132.678797,41

Oficial preparador-trazador125.8116.000131.811792,20

Táboa de salarios 2001SalarioCompensac.Retribución total

baseantigüidadePesetasEuros

Oficial de 1ª124.3516.000130.351783,43

Oficial de 2ª121.9296.000127.929768,87

Axudante120.5446.000126.544760,54

Peón117.6566.000123.656743,19

Xefe de oficina, de oficina técnica, analista144.6476.000150.647905,41

Oficial de 1ª, delineante técnico especialista129.2466.000135.246812,84

Oficial de 2ª, delineante técnico auxiliar121.9296.000127.929768.87

Auxiliar administrativo, telefonista120.2496.000126.249758,77

Aprendices6.000SMI

Valor extra 2001PesetasEuros

Encargado xeral, xefe taller1.91911,53

Encargado sección, de producción1.90911,47

Oficial preparador-trazador1.89711,40

Oficial de 1ª1.87611,27

Oficial de 2ª1.84111,06

Axudante1.82110,94

Peón1.77910,69

Xefe de oficina, de oficina técnica, analista programador2.16813,03

Oficial de 1ª, delineante técnico especialista, programador1.94611,70

Oficial de 2ª, delineante técnico auxiliar, operador1.84111,06

Auxiliar administrativo, telefonista1.81710,92

ANEXO II

Antigüidade consolidada o día 1-1-1998

Categorías5 anos6 anos7 anos8 anos9 anosAno adicional

PesetasEurosPesetasEurosPesetasEurosPesetasEurosPesetasEurosPesetasEuros

Encargado xeral5.75534,596.90641,518.05748,429.20855,3410.35962,261.1516,92

Encargado de sección5.72534,416.87041,298.01548,179.16055,0510.30561,931.1456,88

Oficial preparador5.68634,176.82441,017.96147,859.09854,6810.23661,521.1376,83

Oficial de 1ª5.62133,786.74640,547.87047,308.99454,0610.11960,821.1246,76

Oficial de 2ª5.51333,136.61639,767.71946,398.82153,029.92459,641.1036,63

Axudante5.45232,776.54239,327.63245,878.72352,439.81358,981.0906,55

Peón5.32331,996.38738,397.45244,798.51751,199.58157,581.0656,40

Xefe de oficina6.52739,237.83247,079.13754,9110.44362,7611.74870,611.3057,84

Oficial administrativo 1ª5.84035,107.00842,128.17649,149.34456,1610.51263,181.1687,02

Oficial administrativo 2ª5.51333,136.61639,767.71946,398.82153,029.92459,641.1036,63

Auxiliar administrativo5.43832,686.52639,227.61445,768.70252,309.78958,831.0886,54