Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.338

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Guicho ou Quisquelo e se crea o libro xenealóxico da raza.

As distintas características sociais, culturais e ambientais nas que un pobo leva a cabo as súas actividades levan consigo a aparición de razas animais que se adaptan a estas necesidades e ó medio.

A Unión Europea e outras organizacións internacionais como a FAO instan os gobernos a promoveren a protección, valoración e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción.

Dentro do Plan de mellora gandeira de Galicia, no que se establecen liñas xerais para a recuperación e conservación das razas autóctonas en perigo de extinción e, tras dun período de documentación, de estudio e de prospección do agro galego na busca de animais da especie canina, comprobouse a existencia dunha poboación canina comunmente denominada polos criadores como Guicho ou Quisquelo, composta por exemplares que gardan entre si unhas características similares e diferenciadoras doutras razas xa descritas.

A situación social vivida en Galicia durante o derradeiro século, empurrou a gran parte da nosa poboación á emigración, sendo o regreso destes emigrantes unido á mellora na situación económica o motivo da entrada de razas foráneas que en gran parte desprazaron as nosas razas autóctonas, que actualmente se atopan en grave perigo de extinción.

Debido ó interese xenético, social e cultural que supón para Galicia a recuperación, conservación e fomento da raza Guicho ou Quisquelo, e encadrado no seu programa de recuperación e conservación, resulta procedente a publicación do seu estándar racial e a implantación do seu libro xenealóxico, tendo en conta o Real decreto 391/1992, do 21 de abril, polo que se regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de animais de raza que leven ou creen libros xenealóxicos, que incorpora ó ordenamento xurídico interno a Directiva 91/174/CE, do 25 de marzo, relativa ás normas zootécnicas e xenealóxicas que regulan a comercialización de animais de raza e pola que se modifican as directivas 77/504/CEE e 90/425/CEE.

Por todo isto e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no emprego das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Guicho ou Quis

quelo e o seu estándar racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

ANEXO I

REGULAMENTACIÓN ESPECÍFICA DO LIBRO XENEALÓXICO DA RAZA GUICHO OU QUISQUELO

1. Libro xenealóxico: rexistro, ficheiro ou sistema informatizado onde se inscriben cans de raza pura Guicho ou Quisquelo, facendo mención dos seus ascendentes, descendentes e os méritos recibidos nas súas cualificacións morfolóxicas (fenotipo), como reproductor e de traballo (se procede), sendo o órgano responsable e competente a Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, que poderá delega-la súa xestión en organizacións recoñecidas oficialmente pola dita autoridade competente para tales efectos.

2. Xestión do Libro Xenealóxico da Raza Guicho ou Quisquelo.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Guicho ou Quisquelo.

Non obstante, cando un clube da raza Guicho ou Quisquelo, con recoñecemento oficial, segundo Real decreto 391/1992, do 21 de abril, BOE do 24 de abril e demais lexislación concordante; reúna as condicións de medios e infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle encomendar ó dito club a súa levanza. En todo caso, a propiedade, inspección e intervención do libro xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O Libro Xenealóxico da Raza Guicho ou Quisquelo constará dos seguintes rexistros:

1) Sección anexa:

1.1. Rexistro de Nacementos.

1.1.1. Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN).

1.2. Rexistro de Adultos.

1.2.1. Rexistro Fundacional (RF).

1.2.2. Rexistro Auxiliar de Adultos (RA).

2) Sección principal:

2.1. Rexistro de Nacementos.

2.1.1. Rexistro Principal de Nacementos (RN).

2.2. Rexistro de Adultos.

2.2.1. Rexistro Definitivo (RD).

2.2.2. Rexistro de Méritos (RM).

Seccións

Rexistros

Sección anexaSección principal

Rexistro de nacementos Rexistro auxiliar de nacementos (RAN) Rexistro principal de nacementos (RN)

Rexistro de adultosRexistro

fundacional

(RF)

Rexistro

auxiliar

(RA)

Rexistro

definitivo

(RD)

Rexistro

de méritos

(RM)

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de xeito expreso nun impreso normalizado e aprobado, para o efecto, pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico da Raza Guicho ou Quisquelo e acreditando os criterios de inscrición especificados nesta orde.

O paso de animais dun rexistro a outro prodúcese automaticamente segundo o establecido nesta regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía de inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que coide pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións, sección anexa e sección principal, en cada unha das cales haberá tres rexistros.

a) Sección anexa:

Poderán ser inscritos os cans que carecen total ou parcialmente de documentación xenealóxica que acredite a súa ascendencia, pero que, polas súas características étnicas, poidan contribuír á mellora da raza.

* Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN): nel inscribiranse todos aqueles animais, de pais e/ou avós rexistrados, en que alomenos sempre un dos seus proxenitores ou avós se atope no Rexistro Fundacional.

* Rexistro Fundacional (RF): rexistraranse aqueles animais, maiores de 24 meses, con pais descoñecidos ou non rexistrados e que previamente teñan pasado a confirmación de raza.

Este rexistro ten unha vixencia limitada, que virá determinada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

* Rexistro Auxiliar de Adultos (RA): incluirá aqueles animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Nacementos que a partir dos 18 meses, obrigatoriamente deberán pasa-la confirmación de raza.

b) Sección principal:

Poderán ser inscritos os cans de raza pura.

* Rexistro Principal de Nacementos (RN): inscribiranse todos aqueles animais que proveñan de pais, avós e bisavós que estean inscritos no Libro Xenealóxico da Raza.

* Rexistro Definitivo (RD): os animais procedentes do Rexistro Principal de Nacementos, para poder seren inscritos neste Rexistro Definitivo, deberán pasa-la confirmación de raza a partir dos 18 meses.

Rexistro de Méritos (RM): é para aqueles animais adultos, inscritos no Rexistro Definitivo, que polas súas cualidades morfolóxicas (fenotipo), reproductoras (xenéticas) e de traballo (se procede), destaquen significativamente sobre o resto dos animais rexistrados. Excepcionalmente e consensuado polo comité técnico e criadores do libro xenealóxico, unha vez autorizado pola autoridade competente, poderían incluírse animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Adultos ou no Fundacional.

4. Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido nesta regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garantía da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, de exemplares, que terá a constitución e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa na que delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa na que delegue.

c) Secretario: un veterinario do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O presidente do Club da Raza Guicho ou Quisquelo, recoñecido oficialmente pola autoridade competente, ou persoa na que delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan do normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

5. Criterios de inscrición.

O criador deberá inscribi-la camada nada no prazo de 6 meses.

1. Para que os cans de raza pura poidan ser inscritos na sección principal deberán:

a) Provir de pais, avós e bisavós que estean inscritos no libro xenealóxico da raza recoñecido oficialmente pola autoridade competente.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ter sido identificados despois do nacemento, logo da verificación do cumprimento dos requisitos contidos nesta orde.

d) No intre de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Cumpri-lo estándar racial e os requisitos mínimos da raza conforme o previsto na presente orde.

2. Para que os cans de raza poidan ser inscritos na sección anexa deberán:

a) Axustarse ó estándar da raza.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ser identificados despois do nacemento, de acordo cos requisitos previstos nesta orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón, o criador non pode achega-los datos de identificación

dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Reuni-las características mínimas de conformidade cos requisitos previstos nesta orde.

3. Os animais deberanse someter ó proceso de confirmación de raza requirido, realizado por persoal experto, nomeado para tal efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, co obxecto de comproba-la súa aptitude para a cría e a ausencia de defectos zootécnicos e psíquicos de carácter transmisible.

Será preceptivo un resultado positivo na confirmación de raza, para capacita-los exemplares con fins reproductivos e inclusión da súa futura descendencia no libro xenealóxico da raza.

6. Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado, para efectos do libro xenealóxico, mediante un transponder (microchip), implantado subcutaneamente no lado esquerdo do pescozo ou subsidiariamente a tatuaxe na cara interna da orella dereita, ou polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

O transponder ou microchip terá prioridade sobre a tatuaxe e deberá axustarse á Norma ISO 11784, podendo ser lido por un lector englobado na Norma ISO 11785.

ANEXO II

ESTÁNDAR RACIAL DO GUICHO OU QUISQUELO

Orixe: Galicia. España. Europa.

Función zootécnica ou da raza: can de caza.

A. Breve resumo histórico.

I. Orixe da raza.

De orixe indoeuropea, posiblemente sexa unha das razas máis antigas da Península Ibérica, traído probablemente polos pobos precélticos atlánticos e os celtas, xunto co resto das invasións nórdicas e xermánicas (suevos, britanos, visigodos e normandos); debido ás súas grandes semellanzas e orixe común, probablemente está emparentado co västgötaspets sueco ou can dos visigodos, así como tamén cos corgi galeses cardigan e pembroke.

Neste sentido, hai que sinalar que xa en tempos precélticos, na idade de bronce, os oestrimnios mantiñan relacións marítimas comerciais con Irlanda, oeste de Inglaterra (Britannia), Bretaña (Armórica), Países Baixos e Dinamarca, era a vella ruta megalítica; coa explotación do estaño dos montes e o ouro dos ríos, estableceuse un comercio no que se exportaba estaño, cobre, ouro, prata, peles e cerámica. Así, pezas da metalurxia galega (armas, obxectos utilitarios, xoiería de ouro e bronce) foron atopadas en toda a costa atlántica.

En relación con este tipo de cans, os celtas da zona do País de Gales e Cornualles (britanos) utilizábanos para a cacería e apreciaban moito os seus dotes de intelixencia e vixilancia, polo que o admitían nas súas casas e confiábanlle a custodia dos nenos.

II. Área de orixe e de dispersión.

A súa orixe esténdese por toda a área noroccidental da Península Ibérica, con montañas de 600 m a 800 m sobre o nivel do mar, con zonas de monte con espesa vexetación arbustiva, do tipo do toxo, uces, carrasca, carpaza, codesos, xesta, etc., que conforman un monte baixo, moi pechado, quebrado e arborado.

Actualmente, distribúese fundamentalmente por tódalas zonas de coello de monte de Galicia, nas provincias de Pontevedra (Silleda, Lalín, Rodeiro, Dozón, Agolada, etc), Ourense (Oímbra, Verín, A Mezquita, etc.), atopándose tamén de xeito esporádico algúns exemplares pola zona centro das provincias de Lugo e A Coruña. Son moi solicitados e requiridos polos cazadores.

B. Prototipo racial.

1) Características xerais.

Aparencia xeral.

Animal de tipo lupoide, de perfil recto, de pequeno tamaño, duns 30-42 cm na cruz, mesomorfo, harmonioso nas súas proporcións, coas orellas guichas, de onde toma o nome (guicho). As femias son lixeiramente máis miúdas e de proporcións máis lonxilíneas.

Temperamento e comportamento.

Presentan un carácter inquedo e vivaz que, xunto coa súa rusticidade, combatividade, bravura, arroxo, axilidade, resistencia e tenacidade sobre o terreo galego (é un can totalmente adaptado ós toxos, silveiras e monte baixo) e a súa particular forma de fura-las toxeiras, fano inmellorable na caza do coello de monte en Galicia, onde outras razas non son quen de traballar; podendo ser empregado en ocasións para atopar e levantar da cama o raposo e, mesmo, o porco bravo, sendo por isto enormemente valorado polos cazadores.

Animal silencioso na procura da caza, no momento de atopa-lo rastro recente e fresco, moi próximo ó coello, avisa dun xeito sonoro característico, xunto cos típicos movementos ostensibles e moi rápidos do rabo.

2) Características rexionais.

Cabeza.

A cabeza é de tamaño medio e ben proporcionada co resto do corpo, na súa forma e aspecto lembra, en ocasións, o raposo, cunha expresión vivaz e intelixente. Cranio largo e plano entre as orellas. A depresión frontonasal é nítida pero moderadamente marcada, o fociño redúcese gradualmente ata o nariz, sendo algo máis curto có cranio. Nariz normal. Os

beizos son normais, con tendencia a ser moi apertados e a mordedura é en forma de tesoira. Os ollos son medianos, ovalados e de cor en relación coa capa.

A característica máis salientable é que presentan as orellas totalmente erguidas (guichas), evidenciándose aínda máis durante a caza que é a súa gran paixón; son de mediano tamaño, afiadas, ríxidas cara ás puntas, móbiles e recubertas de pelo moi fino.

Pescozo.

Presenta un pescozo de bo porte, musculoso, de tamaño medio e proporcionado coa cabeza e o corpo do animal.

Tronco.

O tronco é compacto, harmónico. A liña dorsolumbar non debe ser demasiado alongada, sendo recta e lixeiramente descendente, sen formar concavidade; co dorso recto e musculoso, cun lombo curto e forte. Cruz dos cadrís curta, forte, larga e pouco caída. Tórax amplo, profundo, con costelas redondeadas, cun perímetro torácico que adoita exceder nun cuarto a alzada á cruz. Ventre non voluminoso, que se recolle levemente ata as virillas. O rabo normalmente lévaa baixo ou horizontal, levantándoo cando está en acción pero sen enroscalo.

Extremidades.

As extremidades deben ser rectas, fortes e ben verticais e dereitas, proporcionadas tanto en lonxitude como en grosor ó tronco e ó resto do animal, dando en conxunto impresión de harmonía que caracteriza estes animais. O pequeno tamaño non vai en contra da harmonía nas súas formas e do conxunto xeral do animal.

Extremidades anteriores.

A escápula debe formar un ángulo de 45º respecto do plano horizontal e co brazo forma unha inclinación de 90º. Os cóbados están ben implantados e adheridos ás costelas, con liberdade de movementos. As patas deben se-lo máis dereitas posible. Os pés son de tamaño pequeno, curtos e ovalados, con almofadas plantares robustas e ben redondeadas. Unllas curtas e duras.

Extremidades posteriores.

Nádega forte e flexible. Coxa musculosa e lixeiramente máis longa cá distancia do xarrete ó chan. Os xarretes son dereitos e paralelos. Estructura ósea forte. Os pés son de tamaño pequeno, curtos e ovalados, con almofadas plantares robustas e ben redondeadas. Unllas curtas e, en ocasións, algúns exemplares presentan esporóns, e sexta unlla, nas extremidades posteriores.

Movemento.

Soltos, activos e rápidos.

Manto.

Capa (cor).

No referente ás capas (cores), atópanse practicamente todas, desde as areas, amarelas, canelas, chocolate/fígado, etc., normalmente cunha cor uniforme ou tamén binarios e ternarios; nestes casos, amosan as outras cores nas extremidades, pescozo, fociño e/ou cara (fígado-canela, negro-canela, area-branco, negro-canela-branco, etc.), así como tamén exemplares alobados (pelos de cor amarela e, nas puntas, negros), atigrados escuros ou grises, con pelo de cobertoira escura no dorso, o pescozo e as costas, descendendo cara ás costelas; zonas de gris claro ou amarelas no fociño, gorxa, peito e pés. As particularidades brancas localízanse fundamentalmente nas extremidades e dedos, peito, pescozo, cara, fociño e borlón do rabo.

Pelo.

O pelo é denso, mesto e de lonxitude media, en ocasións, atópanse animais cun pelo de cobertoira algo máis longo e con subpelo, sendo preferidos por algúns cazadores, por estaren mellor protexidos fronte ás xeadas da alba.

Tamaño e peso.

Alzada á cruz.

Machos de 34-42 cm; femias de 30-38 cm.

Peso.

Machos 8-12 kg; femias 6-10 kg.

C. Faltas, defectos e faltas e defectos descualificables.

C.1. Faltas.

Calquera desviación dos criterios mencionados.

C.2. Defectos.

Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao en que se vexa menoscabada a aptitude esencial do animal:

-Coxeiras en extremidades.

-Ablacións ou mutilacións en orellas e rabo.

-Ausencia de pezas dentarias por extraccións.

-Traumatismos nos ollos con perda de visión.

C.3. Faltas e defectos descualificables.

Son aquelas características que en absoluto se axustan ós criterios mencionados no estándar racial e son excluíntes por si mesmas:

-Anomalías psíquicas.

-Defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables:

Inestabilidades ou desequilibrios de carácter.

Agresividade extrema sen provocación.

Epilepsia.

Monorquidia e criptorquidia.

Displasia de cadeira.

Ananismo acondroplásico.

Atrofia progresiva da retina.

Exoftalmia.

Peches incorrectos das arcadas dentarias: enognatismos e prognatismos.

Ausencia de máis de dous premolares.

Albinismos.