Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Perdiguero Galego e se crea o libro xenealóxico da raza.

As distintas características sociais, culturais e ambientais nas que un pobo leva a cabo as súas actividades levan consigo a aparición de razas animais que se adaptan a estas necesidades e ó medio.

A Unión Europea e outras organizacións internacionais como a FAO instan os gobernos a promoveren a protección, valoración e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción.

Dentro do Plan de Mellora Gandeira de Galicia, no que se establecen liñas xerais para a recuperación e conservación das razas autóctonas en perigo de extinción e, tras dun período de documentación, de estudio e de prospección do agro galego na busca de animais da especie canina, comprobouse a existencia dunha poboación canina comunmente denominada polos criadores como Perdigueiro Galego, composta por exemplares que gardan entre si unhas características similares e diferenciadoras doutras razas xa descritas.

A situación social vivida en Galicia ó longo do derradeiro século, empurrou a gran parte da nosa poboación á emigración, sendo o regreso destes emigrantes unido á mellora na situación económica o motivo da entrada de razas foráneas que en gran parte desprazaron as nosas razas autóctonas, que actualmente se atopan en grave perigo de extinción.

Debido ó interese xenético, social e cultural que supón para Galicia a recuperación, conservación e fomento da raza Perdigueiro Galego, e encadrado no seu programa de recuperación e conservación, resulta procedente a publicación do seu estándar racial e a implantación do seu libro xenealóxico, tendo en conta Real decreto 391/1992, do 21 de abril, polo que se regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de animais de raza que leven ou creen libros xenealóxicos, que incorpora ó ordenamento xurídico interno a Directiva 91/174/CE, do 25 de marzo, relativa ás normas zootécnicas e xenealóxicas que regulan a comercialización de animais de raza e pola que se modifican as Directivas 77/504/CEE e 90/425/CEE.

Por todo isto e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Perdigueiro Galego e o seu estándar racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

REGULAMENTACIÓN ESPECÍFICA DO LIBRO XENEALÓXICO DA RAZA PERDIGUEIRO GALEGO

1. Libro xenealógico: rexistro, ficheiro ou sistema informatizado onde se inscriben cans de raza pura Perdigueiro Galego, facendo mención dos seus ascendentes, descendentes e os méritos recibidos nas súas cualificacións morfolóxicas (fenotipo), como reproductor e de traballo (se procede), sendo o órgano responsable e competente a Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, que poderá delega-la súa xestión en organizacións recoñecidas oficialmente pola dita autoridade competente para tales efectos.

2. Xestión do Libro Xenealóxico da Raza Perdigueiro Galego.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Perdigueiro Galego.

Non obstante, cando un club da raza Perdigueiro Galego, con recoñecemento oficial, segundo o Real decreto 391/1992, do 21 de abril, BOE do 24 de abril e demais lexislación concordante, reúna as condicións de medios e infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle encomendar ó dito club a súa levanza. En todo caso, a propiedade, inspección e intervención do libro xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O Libro Xenealóxico da Raza Perdigueiro Galego constará dos seguintes rexistros:

1. Sección Anexa:

1.1. Rexistro de Nacementos.

1.1.1. Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN).

1.2. Rexistro de Adultos.

1.2.1. Rexistro Fundacional (RF).

1.2.2. Rexistro Auxiliar de Adultos (RA).

2. Sección Principal:

2.1. Rexistro de Nacementos.

2.1.1. Rexistro Principal de Nacementos (RN).

2.2. Rexistro de Adultos.

2.2.1. Rexistro Definitivo (RD).

2.2.2. Rexistro de Méritos (RM).

Seccións

Rexistros

Sección anexaSección principal

Rexistro de nacementos Rexistro auxiliar de nacementos (RAN) Rexistro principal de nacementos (RN)

Rexistro de adultosRexistro

fundacional

(RF)

Rexistro

auxiliar

(RA)

Rexistro

definitivo

(RD)

Rexistro

de méritos

(RM)

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de xeito expreso nun impreso normalizado e aprobado para o efecto, pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico da Raza Perdigueiro Galego e acreditando os criterios de inscrición especificados na presente orde.

O paso de animais dun rexistro a outro prodúcese automaticamente segundo o establecido na presente regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía de inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que coide pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións, Sección Anexa e Sección Principal, en cada unha das cales haberá tres rexistros.

a) Sección Anexa:

Poderán ser inscritos os cans que carecen total ou parcialmente de documentación xenealóxica que acredite a súa ascendencia, pero que polas súas características étnicas poidan contribuír á mellora da raza.

Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN): nel inscribiranse todos aqueles animais, de pais e/ou avós rexistrados, en que polo menos sempre un dos seus proxenitores ou avós se atope no Rexistro Fundacional.

Rexistro Fundacional (RF): rexistraranse aqueles animais, maiores de 24 meses, con pais descoñecidos ou non rexistrados e que previamente pasasen a confirmación de raza.

Este rexistro ten unha vixencia limitada, que virá determinada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Auxiliar de Adultos (RA): incluirá aqueles animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Nacementos que a partir dos 18 meses, obrigatoriamente deberán pasa-la confirmación de raza.

b) Sección Principal:

Poderán ser inscritos os cans de raza pura.

Rexistro Principal de Nacementos (RN): inscribiranse todos aqueles animais que proveñan de pais, avós e bisavós que estean inscritos no Libro Xenealóxico da Raza.

Rexistro Definitivo (RD): os animais procedentes do Rexistro Principal de Nacementos, para poder seren inscritos neste Rexistro Definitivo, deberán pasa-la confirmación de raza a partir dos 18 meses.

Rexistro de Méritos (RM): é para aqueles animais adultos, inscritos no Rexistro Definitivo, que polas súas cualidades morfolóxicas (fenotipo), reproductoras (xenéticas) e de traballo (se procede), destaquen significativamente sobre o resto dos animais rexistrados. Excepcionalmente e consensuado polo comité técnico e criadores do libro xenealóxico, unha vez autorizado pola autoridade competente, poderían incluírse animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Adultos ou no Fundacional.

4. Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, de exemplares, que terá a constitución e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa na que delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa na que delegue.

c) Secretario: un veterinario do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O presidente do Club da Raza Perdigueiro Galego, recoñecido oficialmente pola autoridade competente, ou persoa na que delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan do normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

5. Criterios de inscrición.

O criador deberá inscribi-la camada nacida no prazo de 6 meses.

1. Para que os cans de raza pura poidan ser inscritos na Sección Principal deberán:

a) Provir de pais, avós e bisavós que estean inscritos no libro xenealóxico da raza recoñecido oficialmente pola autoridade competente.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ter sido identificados despois do nacemento, logo de verificación do cumprimento dos requisitos contidos nesta orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará

a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Cumpri-lo estándar racial e os requisitos mínimos da raza conforme o previsto nesta orde.

2. Para que os cans de raza poidan ser inscritos na Sección Anexa deberán:

a) Axustarse ó estándar da raza.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ser identificados despois do nacemento, dacordo cos requisitos previstos nesta orde.

d) No intre de formalizar a solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Reuni-las características mínimas de conformidade cos requisitos previstos nesta orde.

3. Os animais deberán ser sometidos ó proceso de confirmación de raza requirido, realizado por persoal experto, nomeado para tal efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, co obxecto de comproba-la súa aptitude para a cría e a ausencia de defectos zootécnicos e psíquicos de carácter transmisible.

Será preceptivo un resultado positivo na confirmación de raza, para capacita-los exemplares con fins reproductivos e inclusión da sua futura descendencia no libro xenealóxico da raza.

6. Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado, para efectos do libro xenealóxico, mediante un transponder (microchip), implantado subcutaneamente no lado esquerdo do pescozo ou subsidiariamente a tatuaxe na cara interna da orella dereita, ou polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

O transponder ou microchip terá prioridade sobre a tatuaxe e deberá axustarse á Norma ISO 11784, podendo ser lido por un lector englobado na Norma ISO 11785.

ANEXO II

ESTÁNDAR RACIAL DO PERDIGUEIRO GALEGO

Orixe: Galicia. España. Europa.

Función zootécnica ou da raza: can de caza de mostra.

Breve resumo histórico.

I. Orixe da raza.

As súas orixes remóntanse ó tipo antigo de braco italiano que, orixinariamente, chegou a Hispania, hai séculos, cos romanos e establecéronse en toda a zona comprendida entre o norte da provincia da Lusitania e o sudoeste do que hoxe é Francia, sufrindo cambios morfolóxicos nas diferentes rexións xeográficas, o que os levou a seren coñecidos con diversos nomes, dependendo das súas adaptacións ós diferentes medios.

II. Área de orixe e de dispersión.

Toda a zona noroccidental da Península Ibérica, con terreo quebrado de bosque e monte baixo, con toxeiras e abundante vexetación arbustiva, onde hai poucos espacios abertos.

Era frecuente velo nas zonas ourensás da Mezquita e Viana do Bolo, así como nos concellos de Riós, Laza e A Veiga. A partir da década dos setenta, coa introducción das razas foráneas, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos pointers e bracos alemáns, o que causou o declive e práctica desaparición desta raza.

B. Prototipo racial.

1. Características xerais.

Aparencia xeral.

Can de tipo bracoide, de tamaño mediano, eumétrico e mesomorfo; ben proporcionado, de aspecto rexo, con peito amplo e con estructura sólida, trotador, de movementos flexibles, forte e resistente, é excelente como can de mostra e bo cobrador, realizándoo tanto en terra como en auga.

Temperamento e comportamento.

Animal de carácter dócil, obediente e agarimoso, presenta un temperamento de gran coraxe e valentía na caza, pois non se amedrenta fronte ós toxos nin coas silvas á hora de procurar e cobra-la peza abatida polo cazador. Presenta un gran olfacto e é un buscador activo, tanto ventando como tamén por rastro, que bate o terreo con método, atención e minuciosidade, adaptándose ós máis variados terreos e climatoloxía, mantendo un contacto continuo co cazador, ó que lle transmite, coas súas características actitudes corporais, as impresións olfactivas captadas, presentando unha mostra firme e ríxida, con músculos tensos, rabo alto e cabeza inmóbil. Traballa preto do cazador, utilizando alternativamente o trote co galope curto na súa busca minuciosa do terreo pechado e quebrado, con matogueira e bosque galego, perfectamente adaptado a este tipo de terreo. Tamén se pode adestrar para a caza de pelo (coello e lebre).

2. Características rexionais.

Cabeza.

Cabeza grande (aproximadamente 4/10 a alzada á cruz), de forma prismática, larga, coas liñas craniofaciais converxentes. Perfil recto, protuberancia occipital destacada, con suco cranial medio que chega á cara. Fronte con senos amplos, moi desenvolvidos. Depresión fronto-nasal marcada, coa mesma distancia ó occipucio que á punta do nariz. Fociño amplo, recto e cadrado, igualmente largo no extremo ca base. Nariz grande, podendo aparecer en ocasións exemplares co nariz fendido. Beizos grosos e caídos, superando o superior lixeiramente o maxilar inferior, pero sen dar sensación de frouxidade nin babeo. Dentadura forte e de trabada en tesoira. Ollos grandes, brillantes, xeralmente escuros, coas pálpebras adheridas e de expresión nobre e bondadosa; non presentan ectropión. Orellas de inserción alta, largas, grandes, delgadas e pegadas á cara, sen formar pregamentos e co bordo inferior redondeado e orientadas levemente cara a diante.

Pescozo.

Pescozo longo, musculoso, co bordo superior recto ou levemente arqueado, en ocasións con moi lixeira papada nalgúns exemplares, pero moi pouco relevante.

Tronco.

Corpo rectangular e de gran capacidade torácica. Liña dorso-lumbar recta e horizontal. Lombos largos e curtos. Cruz dos cadrís ancha. Peito ancho e profundo, o seu perímetro adoita superar nun cuarto a alzada á cruz. Costelar longo e un pouco arqueado. Ventre non moi recollido. O rabo non adoita ser excesivamente longo, é groso e robusto na base, adelgazando progresivamente ata a punta.

Extremidades.

Rexas, verticais e rectas.

Extremidades anteriores.

Costas algo inclinadas. Brazos musculosos. Cóbados paralelos ó plano medio do corpo, nin pechados nin abertos. Antebrazos verticais con óso forte. Pés con tendencia a ser máis redondos ca ovalados, con polpas negras e unllas pigmentadas ou brancas.

Extremidades posteriores.

Pernís longos, largos, musculosos e oblicuos. Xarretes paralelos e en prolongación coa liña vertical das cachas. Metatarsos robustos e delgados, perfectamente verticais. Pés un pouco máis redondeados cós anteriores.

Movemento.

É un animal de movementos flexibles, con trote amplo, de cadencia rítmica, traballando máis preto, empregando alternativamente o trote co galope curto na súa procura minuciosa nos terreos quebrados e de monte pechado, de bosque con espesa matogueira de Galicia.

Manto.

Pel.

A pel debe ser delgada e adherida ó corpo.

Capa (cor).

Branca e pencada ou manchada en castaño, laranxa, canela e negro. Mantos ternarios, tricolores brancos en castaño e negro, con manchas lume nas cellas e meixelas. Tamén uniformes en castaño, amarelo ou negro.

Pelo.

Curto, groso, moi denso, liso e áspero.

Tamaño.

Alzada á cruz.

De 50 a 60 cm: machos de 55 a 60 cm e femias de 50 a 55 cm.

C. Faltas, defectos e faltas e defectos descualificables

C.1. Faltas.

Calquera desviación dos criterios mencionados:

-Presencia de ectropión e entropión.

-Liña dorso-lumbar enselada.

-Fociño afiado.

-Mordida en pinza.

C.2. Defectos.

Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao en que se vexa menoscabada a aptitude esencial do animal:

-Coxeiras en extremidades.

-Ablacións ou mutilacións en orellas e rabo.

-Ausencia de pezas dentarias por extraccións.

-Traumatismos nos ollos con perda de visión.

C.3. Faltas e defectos descualificables

Son aquelas características que en absoluto se axustan ós criterios mencionados no estándar racial e son excluíntes por si mesmas:

-Anomalías psíquicas.

-Defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables:

Inestabilidades ou desequilibrios de carácter.

Agresividade extrema sen provocación.

Epilepsia.

Monorquidia e criptorquidia.

Displasia de cadeira.

Atrofia progresiva da retina.

Peches incorrectos das arcadas dentarias: enognatismos e prognatismos.

Ausencia de máis de dous premolares.

Albinismos.