Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 10 de maio de 2001 Páx. 6.295

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da subestación do parque eólico de Novo 132/20 kV, no municipio de San Sadurniño, provincia da Coruña. (Expediente 263/2000).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Energías Ambientales Easa, S.A., con enderezo para efectos de notificación r/ Bugallal Marchesi 10-1º; 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O día 10 de novembro de 2000, a empresa Energías Ambientales Easa, S.A. solicita a autorización administrativa e a aprobación do seu proxecto de execución da subestación do parque eólico de Novo 132/20 kV no municipio de San Sadurniño (A Coruña).

Acompañan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Parque de 132 kV, integrado polos módulos de protección liña e transformador, con mando, control, proteccións e medida, embarrado, pararraios e transformador de tensión en barras, equipada con transformador de potencia de 21 MVA, todo iso intemperie e edificio que alberga as celas de 20 kV e transformador de servicios auxiliares de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20/0,380-0,220 kV e aparellos para medida, protección, telemando e telecontrol.

Segundo.-O citado anteproxecto someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 29-11-2000, publicándose no DOG do 11-12-2000, no BOP da Coruña do 14-12-2000.

Durante o período legalmente establecido non se recibiron alegacións.

Terceiro.-Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la subestación do parque eólico de Novo 132/20 kV no municipio de San Sadurniño (A Coruña).

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da citada subestación.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria