Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 10 de maio de 2001 Páx. 6.294

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da subestación El Puerto 220/15 kV, provincia da Coruña. (Expediente 157/2000).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para efectos de notificación en avda. de Arteixo, 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O día 22 de xuño de 2000, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita a autorización administrativa e a aprobación do seu proxecto de execución da subestación El Puerto 220/15 kV (A Coruña).

Acompañan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Dous transformadores trifásicos intemperie 220/15 kV de 50 MVA de potencia cada un.

-Instalación de 220 kV: proxectada dentro de edificación, con equipos blindados en hexafluoruro e en dobre barra, en dous módulos de liñas Mesón e A Grela, dos módulos de transformación, un módulo de medida de tensión en barras e un módulo de ensamblaxe.

-Instalación de 15 kV: proxectada dentro de edificación, en cabinas metálicas illadas en aire e interruptor en hexafluoruro, en dobre barra, con 6 cabinas con saída dunha liña, outras 6 cabinas de dobre liña, cabina de transformador de servicios auxiliares 15/0,380-0,220 kV e 250 kVA, cabina de medida de tensión en barras, cabina de ensamblaxe transversal e dúas cabinas de transformadores alimentando barras.

-Grupo electróxeno de socorro e baterías.

-Sistema de control xeral incorporando sinais de mando e alarma. Os elementos de protección, mando e medida irán en cada posición.

Segundo.-O citado anteproxecto someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 22-6-2000, publicándose no DOG do 22-9-2000, no BOP da Coruña do 29-9-2000.

Durante o período legalmente establecido non se recibiron alegacións.

Terceiro.-Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la subestación El Puerto 220/15 kV (A Coruña).

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da citada subestación.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os

interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria