Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 09 de maio de 2001 Páx. 6.186

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de abril de 2001 pola que se crean os ficheiros de datos de carácter persoal en materia de xuventude existentes na Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A disposición segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro ), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créanse na Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os ficheiros de datos de carácter personal en materia de xuventude que se identifican a seguir:

a) Ficheiro de expedición de títulos de ensino en escolas de tempo libre.

b) Ficheiro de censo de entidades xuvenís.

c) Ficheiro do sistema de xestión de programas para a xuventude.

Artigo 2º.-Ficheiro de expedición de títulos de ensino en escolas de tempo libre. Finalidade, estructura e usos.

Este ficheiro ten por finalidade a expedición dos títulos de monitores e directores de tempo libre e directores de campos de traballo. As persoas e/ou colectivos afectados son calquera persoa maior de 18 anos que voluntariamente queira formarse no eido do tempo libre.

Neste ficheiro contéñense datos de carácter persoal:

-Datos de carácter identificativo: nome, DNI, data de nacemento, enderezo.

-Datos académicos e profesionais.

A estructura básica do ficheiro é a de unha base de datos.

O uso previsto deste ficheiro é a expedición e control dos títulos correspondentes e o control do cumprimento da normativa para poder constituírse en escolas de tempo libre.

Artigo 3º.-Ficheiro de censo de entidades xuvenís. Finalidade, estructura e usos.

Este ficheiro ten por obxecto dispor dun censo de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega. Os colectivos afectados son grupos de mozos/as entre 14 e 30 anos ou maiores de 30 anos que forman parte das asociacións ou entidades prestadoras de servicios censadas.

Neste ficheiro contéñense datos de carácter persoal:

-Datos de carácter identificativo: nome, DNI.

A estructura básica do ficheiro é a de unha base de datos.

O uso previsto para este ficheiro é leva-lo control das asociaciacións que cumpren coa normativa e que lles permite acceder ás subvencións que convoca anualmente a Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 4ª.-Ficheiro do sistema de xestión de programas para a xuventude. Finalidade, estructura e usos.

Este ficheiro ten por finalidade efectua-la reserva de praza para participar en determinados programas da Dirección Xeral de Xuventude. O colectivo afectado é a mocidade galega entre 18 e 30 anos.

Neste ficheiro contéñense datos de carácter persoal:

-Datos de carácter identificativo: nome, DNI, data de nacemento, teléfono, enderezo e antigüidade no carné de conducir.

O uso previsto deste ficheiro é levar a cabo a asignación das prazas convocadas. A súa estructura básica é a dunha base de datos.

Artigo 5º.-Medidas de seguridade.

Estes ficheiros foron clasificados como de nivel básico, atendendo ó disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999 do 11 de xuño. As medidas de seguridade polas que se rexerá o ficheiro están especificadas no documento de seguridade elaborado pola Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º.-Usos previstos.

Os datos de carácter persoal rexistrados nos ficheiros automatizados da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ós que se refire o artigo 1º, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 7º.-Órganos da Administración responsables dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros automatizados corresponde, baixo a autoridade do secretario xeral á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión e custodia

dos ficheiros corresponda ó xefe de cada un dos correspondentes servicios.

A responsabilidade da seguridade corresponde á Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería de Presidencia e Administración Pública.

Artigo 8º.-Dereito de acceso, rectificación e cancelación.

Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación podrán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro (Edificio Administrativo San Caetano, s/n 15771 Santiago de Compostela).

Artigo 9º.-Procedemento de recolla de datos.

O procedemento de recolla dos datos de carácter persoal realizarase por medio da solicitude dos propios interesados.

Artigo 10º.-Cesión de datos.

No caso de cesión dos datos ós servicios da estatística das administracións públicas, observarase o disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude