Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 08 de maio de 2001 Páx. 6.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se convoca a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos na convocatoria de xuño e de setembro e se dictan instruccións para a súa realización.

A Orde do 22 de abril de 1997 (DOG do 19 de maio), pola que se establece a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos, establece, no seu artigo 4º, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente a citada proba e, no seu artigo 3º, que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Pro

fesional autorizará os centros nos que se realice a proba libre por proposta da delegación provincial correspondente.

En consecuencia, e en relación coa convocatoria da proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos no curso 2000/2001, esta dirección xeral

RESOLVE:

I. Condicións dos aspirantes.

1. Poderán inscribirse para a realización da proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria aquelas persoas que teñan cumpridos os 18 anos no momento da realización das probas e non estean cursando ensinanzas de educación secundaria obrigatoria.

2. Para a realización da proba os aspirantes acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

II. Contidos da proba.

1. As materias constitutivas da proba están agrupadas nas seguintes áreas:

-Lingua castelá e literatura.

-Lingua galega e literatura.

-Lingua estranxeira (francés ou inglés).

-Ciencias da natureza.

-Ciencias sociais, xeografía e historia.

-Matemáticas.

-Tecnoloxía.

2. Os protocolos de exame serán remitidos ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Unha vez recibidos, en presencia do delegado provincial e do xefe do Servicio Provincial de Inspección ou funcionarios nos que deleguen, segundo os tribunais que actúen na provincia, procederase a lacra-los distintos paquetes que conteñen os protocolos, os cales serán entregados, no seu momento, ós presidentes dos tribunais constituídos.

3. As delegacións provinciais adoptarán tódalas medidas necesarias para que, en ningún caso, poida ser coñecido o contido da proba antes da súa aplicación.

III. Centros nos que se realizará a proba.

1. Provincia da Coruña:

-IES Salvador de Madariaga. A Coruña.

-IES Rodolfo Ucha Piñeiro. Ferrol.

-IES Rosalía de Castro. Santiago de Compostela.

2. Provincia de Lugo:

-IES Nº 1. Lugo.

3. Provincia de Ourense:

-Centro EPA. Ourense.

4. Provincia de Pontevedra:

-IES Do Castro. Vigo.

-IES Valle-Inclán. Pontevedra.

IV. Matrícula.

1. Para a solicitude de matrícula utilizarase o modelo que figura no anexo I e efectuarase na secretaría do centro onde se vaia realiza-la proba.

2. Os prazos de matrícula serán:

-Proba de xuño: do 11 ó 18 de maio, ámbolos dous incluídos.

-Proba de setembro: do 3 ó 5 de setembro, ámbolos dous incluídos.

3. Cada delegación provincial, a través dos medios de comunicación, dará coñecemento público dos prazos de matrícula e as datas de exame dispostos na presente resolución.

4. O día seguinte ó peche da matrícula de cada convocatoria, os directores dos centros onde se vai realiza-la proba libre deberán comunicar por fax ás respectivas delegacións provinciais e á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional o número de aspirantes que solicitan a realización da proba.

V. Data e normas de realización.

1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 7 de xuño e o 11 de setembro para as respectivas convocatorias.

2. A sesión da mañá terá dúas partes; na primeira, de 9.30 h a 11.30 h, realizaranse as probas de matemáticas e ciencias da natureza; na segunda, de 12 h a 14 h, realizaranse as probas de tecnoloxía e ciencias sociais, xeografía e historia.

Na sesión da tarde, de 16 h a 19 h, realizaranse as probas de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e lingua estranxeira.

VI. Puntuación e cualificación da proba.

1. A avaliación desta proba libre correspóndelle ó equipo de profesores que compoña o tribunal. Estes profesores actuarán de maneira colexiada na adopción da decisión de propoñer ou non o aspirante para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

2. O equipo de profesores ó que se refire o número anterior poderá propoñer, para a expedición do título de graduado en educación secundaria, aqueles aspirantes que, sendo avaliados negativamente nalgunha das áreas que configuran a proba libre, acadasen, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa.

Entenderanse acadados os obxectivos cando, a xuízo do tribunal, o aspirante amose un grao de adquisición das capacidades que lle permita prosegui-los

seus estudios posteriores; o tribunal poderá, cando o considere oportuno, convoca-lo aspirante a unha entrevista que sirva para clarificar posibles dúbidas sobre a súa valoración final.

3. Aqueles aspirantes para os que o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria por non teren acadado os obxectivos xerais desta etapa nun grao suficiente, poderán conservar para sucesivas convocatorias as valoracións positivas obtidas nos termos de «suficiente», «ben», «notable» e «sobresaliente» nas distintas áreas. Tales valoracións deberán, nas sucesivas convocatorias, ser tidas en conta polo tribunal na adopción da decisión de propoñer ou non o aspirante para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

VII. Tribunais.

1. Os tribunais estarán constituídos por un inspector ou polo director/a do centro no que se realice a proba, como presidente/a, e seis vocais, profesores preferentemente de educación de adultos, todos eles funcionarios en activo dos corpos da función pública docente, designados polo delegado provincial, correspondéndolle un especialista a cada unha das áreas que compoñen a proba libre.

2. Á vista dos alumnos matriculados, as delegacións provinciais establecerán os tribunais que sexan precisos, e estes adoptarán as medidas que estimen oportunas no caso de se presentaren alumnos con necesidades educativas especiais que o soliciten.

3. As actas de avaliación da proba axustaranse ó modelo que se xunta no anexo II.

4. Para os efectos de tramitación de expedición do título de graduado en educación secundaria, os candidatos serán propostos por cada centro no que se realizou a proba; a denominación do centro figurará no título correspondente.

5. Logo de realizada a proba, os presidentes dos tribunais cubrirán a ficha estatística que se xunta como anexo III e remitirana ó xefe do Servicio Provincial de Inspección. As devanditas fichas, co visto e prace do inspector xefe, enviaranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do próximo 30 de xuño para a convocatoria de xuño e antes do 30 de setembro para a convocatoria de setembro.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra)