Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 08 de maio de 2001 Páx. 6.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, pola que se dispón a publicación do acordo aberto para a colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicación que se adhiran a este para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes.

Dictado polo conselleiro de Industria e Comercio con data do 19 de abril de 2001 acordo aberto para a colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións que se adhiran a este para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes, e cumprida a correspondente tramitación regulamentaria, procede a publicación do referido acordo aberto, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

José Manuel González González

Director xeral de Programas Industriais

e Infraestructuras Tecnolóxicas

Acordo aberto do 19 de abril de 2001 para a colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións que se adhiran a este para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes

Tanto a Xunta de Galicia como as empresas de telecomunicacións son conscientes do papel estratéxico que as tecnoloxías da información e comunicación xogan na actividade das empresas nos actuais e futuros mercados, transformando de xeito substancial a economía e as relacións empresariais, mostrando un efecto directo na vantaxe competitiva das empresas, a apertura de novos mercados e a mellora nos procedementos de xestión e organización de empresas.

Desde 1998, a Consellería de Industria e Comercio realizou estudios sobre a implantación das tecnoloxías da información e as comunicacións nas empresas galegas, e a súa incidencia sobre o conxunto da actividade económica productiva, do que resulta a súa consideración á hora de defini-las políticas e actuacións por parte da Administración autonómica.

Neste sentido, a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións veñen colaborando para uni-los seus esforzos e promove-lo fomento das TIC no sector das Pemes de Galicia, a través de convenios que arbitran un sistema de incentivos económicos, que se traducen en subvencións do 20% por parte de consellería, e descontos

do 20% por parte das empresas de telecomunicacións sobre os prezos dos equipos e aplicacións que posibiliten ás Pemes o acceso a redes e servicios de comunicacións tecnoloxicamente avanzados.

Entre os beneficios ou servicios que para o sector empresarial reportan estas tecnoloxías pódense mencionar, a título de exemplo, os seguintes:

-Aforro de desprazamentos mediante a videoconferencia e as aplicacións, entre outras, de traballo compartido.

-Conexión da rede de datos empresarial cos seus centros de distribución, nacionais e internacionais, aumentado a capacidade e facilidade de servicios.

-Posibilidade de acceso dixital ás aplicacións de transferencia electrónica de documentos (EDI) co aforro de custos (eliminación de albarás, notificacións, etc.).

-Aumento da velocidade nos servicios de transmisión de datos, interconexión de redes de área local e apoio de liñas dedicadas (backup).

-Servicios tales como telealarma, telemedida , telecontrol e televixilancia.

-Acceso interactivo á Internet e servicios de documentación e información empresarial.

-Posibilidade de facer realidade o teletraballo, o teleensino, a telemedicina, etc.

-Acceso compartido e a baixo custo de recursos que pola súa escaseza, complexidade técnica ou permanente evolución tecnolóxica, non sempre están dispoñibles a niveis locais.

Como continuación do labor iniciado nos últimos anos cunhas empresas do sector das telecomunicacións e á vista do éxito obtido nesta experiencia establécese o seguinte acordo de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas que se queiran adherir para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes con suxeición as seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste acordo aberto consiste en que a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións que se adhiran xunten os seus esforzos para facilitarlles ás Pemes de Galicia a adquisición e incorporación de equipos avanzados e últimas tecnoloxías da información e a comunicación.

Para isto arbítrase un sistema de incentivos económicos que se traducen en subvencións por parte da Consellería de Industria e Comercio e descontos por parte das empresas de telecomunicacións sobre os prezos de adquisición dos equipos e aplicacións tecnolóxicas que faciliten o acceso a redes e servicios de comunicacións tecnoloxicamente avanzadas, e

que supoñan unha mellora tecnolóxica cualitativa respecto ás tecnoloxías analóxicas. Estes equipos deberán ser comercializados polas empresas de telecomunicacións que se adhiran, empresas do seu grupo ou empresas concesionarias/distribuidoras oficiais destas.

Segunda.-Empresas de telecomunicacións.

Para os efectos deste acordo entenderase por empresas de telecomunicacións:

-Operadores dos servicios de telecomunicacións, legalmente establecidos e coa correspondente licencia ou autorización para presta-los servicios correspondentes.

-Empresas fabricantes dos equipos de telecomunicación.

Terceira.-Empresas beneficiarias.

Poderán beneficiarse das axudas ás que se refire este acordo as pequenas e medianas empresas, Pemes, establecidas en Galicia. A este respecto rexerá o concepto de PEME establecido pola Unión Europea na recomendación 96/280/CE do 3 de abril do 1996, é dicir, as empresas que cumpran co seguinte:

-Que empreguen a menos de 250 persoas.

-Cun volume de negocio que non exceda de 40 millóns de euros ou cun balance xeral anual que non exceda de 27 millóns de euros.

-Que cumpran o criterio de independencia. O 25% ou máis do seu capital non pertenza a outra ou a varias empresas que non cumpran o criterio da definición de PEME.

-Que estean ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios persoas físicas que traballen profesionalmente como autónomos, domiciliados na Comunidade Autónoma de Galicia, dados de alta no epígrafe do IAE correspondente, e que dediquen os equipos de telecomunicación para a actividade profesional.

Tamén poderán ser beneficiarios as asociacións empresariais e coooperativas empresariais, onde os asociados ou cooperativistas sexan maioritariamente pequenas e medianas empresas, ou as persoas físicas ás que fai referencia o parágrafo anterior.

Excepcionalmente poderán aprobarse axudas a favor doutras entidades non catalogadas como Pemes, pola súa especial relevancia desde o punto de vista empresarial ou industrial, e tendo en conta o seu carácter innovador e o seu efecto demostrador en canto ás tecnoloxías da información e as comunicacións nun sector ou ámbito empresarial.

Quedan excluídas deste acordo aquelas entidades que non sexan estrictamente empresariais.

Cuarta.-Equipos e tecnoloxías subvencionables.

Serán obxecto de subvención pola Consellería de Industria e Comercio e polas empresas de telecomunicacións ó abeiro deste acordo aqueles equipos e aplicacións tecnolóxicas que, por proposta das empresas de telecomunicacións, sexan aprobados pola Consellería de Industria e Comercio e incluídos no catálogo de productos subvencionables que se publicará na páxina web http://www.observatoriotic.org. Estes equipos e aplicacións deberán ser tecnoloxicamente avanzados e supoñer unha mellora tecnolóxica competitiva. No anexo IV deste acordo especifícanse, a título de exemplo, algúns equipos e aplicacións que poden ser obxecto das axudas.

As empresas de telecomunicacións deberán enviar á Consellería de Industria e Comercio unha proposta inicial dos equipos e aplicacións tecnolóxicas susceptibles de incluír no catálogo de productos subvencionables, indicando a marca, modelo, descrición e a súa valoración económica detallada, no prazo de 15 días desde a súa adhesión a este acordo. Esta relación poderase actualizar durante a vixencia deste acordo en función da incorporación de novos modelos ou variación do seu prezo. En todo caso as subvencións e descontos aplicaranse sobre o prezo de venda ó público vixente en cada momento publicado no catálogo anteriormente citado, antes da aplicación do IVE, que corresponderá integramente a cargo do comprador.

A Consellería de Industria e Comercio aprobará individualmente a proposta dos equipos e os prezos indicados, para incluílos no referido catálogo, en función da súa adecuación ós obxectivos deste acordo. A consellería resérvase a potestade de rexeitar esta proposta, se os prezos indicados foran distintos ós prezos de venda das canales comerciais establecidas polas empresas de telecomunicacións ou se detectasen incrementos inxustificados nos prezos facilitados.

Os equipos e aplicacións destinados a conectarse directa ou indirectamente ós puntos de terminación das redes públicas de telecomunicacións con obxecto de enviar, procesar ou recibir sinais, deberán dispoñer da avaliación da conformidade, coas normas que lles sexan de aplicación, en calquera Estado membro da Unión Europea.

Os equipos e aplicacións tecnolóxicas subvencionados ó abeiro deste acordo, deberán instalarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Se algunha PEME desexase a instalación de parte dos seus equipos noutro punto estratéxico solicitarao por escrito a Consellería de Industria e Comercio xustificando o obxectivo do proxecto e a súa significación para o proceso comercial e productivo que desenvolva, que en función das súas características adoptará a decisión de aprobalo ou non.

Quedan expresamente excluídas do ámbito deste acordo as tarifas reguladas e que se refiran a cotas de conexión, cotas de aboamento mensual, etc. Tampouco serán obxecto de axudas as cotas de aluguer, mantemento ou calquera outra que non se refira ó investimento en equipos e aplicacións.

Quinta.-Contía das axudas.

Para os beneficiarios deste acordo a axuda recibida suporá unha reducción mínima do 40% do prezo de venda ó público, IVE excluído, dos equipos e aplicacións tecnolóxicas ós que fai referencia a cláusula cuarta, que se fará efectiva no momento da venda polas empresas de telecomunicacións, sempre e cando o investimento subvencionable supere a cantidade mínima de 100.000 pesetas (601,01 euros).

Esta reducción do 40% concretarase nunha subvención do 20% por parte da Consellería de Industria e Comercio para as empresas de telecomunicacións, e un 20% en descontos por parte das empresas de telecomunicacións, no prezo de venda o público de cada un dos proxectos aprobados.

Estas porcentaxes poderán ascender excepcionalmente ata o 50% para proxectos de especial relevancia desde o punto de vista tecnolóxico ou polo seu carácter demostrador no ámbito das asociacións ou institucións empresariais.

A achega máxima por parte da Consellería de Industria e Comercio será de 1.500.000 pesetas (9.015,18 euros) por PEME que desexe acollerse, excepto para os proxectos recollidos no parágrafo anterior.

Sexta.-Obrigas da Consellería de Industria e Comercio.

A Consellería de Industria e Comercio achegará para o financiamento deste acordo a cantidade de 75.000.000 de pesetas (450.759,078 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.754-A.771.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001 e a cantidade de 50.000.000 de pesetas (300.506,052 euros) con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002. Estas cantidades poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

As axudas achegadas pola Xunta de Galicia financiaranse nun 25 por cento con fondos propios da Comunidade Autónoma e, no 75 por cento restante, con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Sétima.-Obrigas das empresas de telecomunicacións.

As empresas de telecomunicacións achegarán para o financiamento deste acordo a cantidade mínima de 75.000.000 de pesetas (450.759,078 euros) para

o 2001 e de 50.000.000 de pesetas (300.506,052 euros) para o 2002, en descontos de, alomenos, o 20% dos prezos de venda ó público dos equipos, aparellos, e tecnoloxías incluídos no réxime de axudas.

As empresas de telecomunicacións colaborarán coa Consellería de Industria e Comercio na realización de campañas informativas dirixidas ás Pemes, tendentes a fomenta-lo desenvolvemento empresarial de acordo coa aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Oitava.-Procedemento de adhesión ó acordo.

As empresas de telecomunicacións que desexen adherirse a este acordo deberán remitir á Consellería de Industria e Comercio o modelo do anexo I debidamente cuberto, xunto co documento acreditativo do poder con que actúa o representante, fotocopia compulsada do seu DNI e do NIF da empresa.

As empresas de telecomunicacións remitirán tamén relación detallada na Comunidade Autónoma de:

-Puntos de atención directa, de se-lo caso, e distribuidores oficiais autorizados (rede de comercialización).

-Medios humanos e materiais de prestación de servicio técnico, tanto os da súa rede de distribución autorizada como os propios, de se-lo caso (rede de servicio técnico).

Así mesmo, cada empresa de telecomunicacións designará un interlocutor único para a resolución de cantas dúbidas xurdan na tramitación ordinaria das axudas.

A Consellería de Industria e Comercio notificará a cada unha das empresas de telecomunicación solicitantes a adhesión ou non a este acordo en función do cumprimento dos requisitos esixidos neste.

Novena.-Procedemento para o pagamento das axudas.

O procedemento para o cobro das achegas da Consellería de Industria e Comercio será o seguinte:

As empresas de telecomunicacións que se adhiran remitirán á Consellería de Industria e Comercio a solicitude previa de autorización do proxecto que desexen realizar, seguindo o modelo que figura no anexo II, tendo a Consellería de Industria e Comercio a potestade para autorizalos ou non en función da dispoñibilidade económica existente e da adecuación ós obxectivos deste acordo.

O prazo de admisión de solicitudes abrirase desde o momento de adhesión das empresas de telecomunicacións ata o 31 de marzo de 2002.

Con cargo ós orzamentos xerais de Comunidade Autónoma de Galicia para 2001 atenderanse as solicitudes de proxectos que teñan entrada na Consellería de Industria e Comercio antes do 1 de novembro de 2001, e se xustifiquen convenientemente antes do 30 de novembro de 2001.

As solicitudes de proxectos que se presenten desde o 1 de novembro de 2001 ata a data de finalización deste acordo, e se xustifiquen convenientemente, atenderanse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002.

No momento en que a Consellería de Industria e Comercio esgote a consignación orzamentaria establecida na cláusula sexta comunicarallo ás empresas de telecomunicacións, non admitindo ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das autorizacións xa aprobadas.

Unha vez autorizado pola Consellería de Industria e Comercio un proxecto e realizado, as empresas de telecomunicacións aplicarán na facturación ás Pemes tanto o desconto ofertado por estas como a porcentaxe que subvenciona a Consellería de Industria e Comercio.

Para recupera-las cantidades subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio as empresas de telecomunicacións presentarán ante aquela resumos mensuais nos que figurará o importe total das cantidades subvencionables e que irán acompañadas da relación de Pemes beneficiarias, xunto á seguinte documentación:

-Autorización do proxecto (anexo II), no que se inclúe empresa beneficiaria, razón social, domicilio e NIF, persoa de contacto, equipos adquiridos e lugar de instalación.

-Aceptación de condicións de cada unha das Pemes (anexo III).

-Copia do recibo de pagamento da última anualidade do imposto de actividades económicas (IAE) por parte da PEME correspondente, ou alta no imposto para as empresas de nova creación. No caso de non ser obrigatoria a alta no IAE incluirase certificado da Axencia Tributaria conforme esa actividade está exenta deste.

-Factura da compra, con indicación detallada dos equipos, descontos, así como do prezo final.

-Xustificante de pagamento da empresa beneficiaria polo importe total do proxecto.

-Alta nas redes de telecomunicacións a través das que se van interconecta-los os equipos e aplicacións adquiridos.

Os equipos subvencionados, unha vez instalados, poderán ser inspeccionados polos servicios técnicos

da Consellería de Industria e Comercio. Para isto e en función do número de empresas acollidas, a inspección poderá realizarse mediante a técnica de mostraxe. As empresas de telecomunicacións a través do interlocutor nomeado na cláusula oitava e as Pemes beneficiarias, a través da persoa de contacto establecida na relación anterior, quedarán á disposición da Consellería de Industria e Comercio, prestando as máximas facilidades para a comprobación do funcionamento destes. A non instalación dos equipos coa súa plena funcionalidade significará, en todo caso, a anulación das axudas a que deran lugar.

Para a liquidación das facturas, as empresas de telecomunicacións deberán acreditar previamente que se atopan ó día do pagamento das obrigas coa Facenda estatal, Seguridade Social e Administración autonómica de Galicia, así como achegar certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os pagamentos.

Unha vez comprobada a documentación achegada e verificado, se procede, que a instalación se efectuou, a Consellería de Industria e Comercio pagará as facturas presentadas.

Se no prazo dun mes a partir do día de comunicación da autorización da solicitude a empresa de telecomunicación non remitise a documentación xustificativa da realización do proxecto considerarase desistido da súa solicitude, o que lle será notificado pola Consellería de Industria e Comercio no prazo de 10 días.

Décima.-Seguimento do acordo.

Para o seguemento do acordo constituirase unha comisión integrada por 2 membros da Consellería de Industria e Comercio (o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas e un representante da Subdirección Xeral de Planificación e Fomento Tecnolóxico) e un membro de cada unhas das empresas de telecomunicacións que se adhiran determinado por estas.

Décimoprimeira.-Natureza administrativa.

Este acordo ten natureza administrativa e, en consecuencia, a Consellería de Industria e Comercio resolverá tódalas cuestións que xurdan no seu desenvolvemento.

Décimosegunda.-Vixencia.

Este acordo terá vixencia desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG ata o 31 de decembro de 2002.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO III

ACEPTACIÓN DE CONDICIÓNS

Don/a na súa

calidade de, en nome e representación

da empresa

con NIF , desexa acollerse ás condicións

do acordo entre a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes, do 19 de abril de 2001, e declara coñecer e asumi-las devanditas condicións e, en particular, as enumeradas a continuación, comprometéndose á devolución dos descontos e subvencións outorgados pola Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións, se, unha vez revisados os expedientes presentados, se constatase a non correspondencia destes.

-A achega máxima por parte da Consellería de Industria e Comercio será de 1.500.000 pesetas (9.015,18 euros), incluíndo nesta cifra os proxectos xa aprobados en anualidades anteriores en virtude de convenios da Consellería de Industria e Comercio para a incorporación de equipos de telecomunicación nas Pemes.

-A PEME beneficiaria está obrigada a manter na súa propiedade os equipos instalados por un prazo de tres anos desde a súa adquisición.

-A PEME beneficiaria deberá facilita-los labores de comprobación da materialización do investimento subvencionado, que sexan requiridos polos Servicios Técnicos da Consellería de Industria e Comercio.

-Só poderán acollerse aquelas empresas que cumpran a definición de PEME da Unión Europea e que se refire a empresas que:

-Empreguen a menos de 250 persoas;

-O seu volume de negocio non exceda de 40 millóns de euros ou o seu balance xeral anual non exceda de 27 millóns de euros;

-Cumpran o criterio de independencia, polo que menos do 25% do seu capital pertencerá a outra ou a varias empresas que non cumpran a definición de PEME.

-Para a liquidación das cantidades, os equipos acollidos deberán encontrarse en funcionamento na súa localización definitiva, realizado o pagamento total das cantidades do proxecto á empresa de telecomunicacións, así como achegado o recibo do imposto de actividades económicas correspondente á última anualidade.

Nome:

DNI:

Lugar e data:

Sinatura:

ANEXO IV

RELACIÓN INICIAL, A TÍTULO INDICATIVO, DE EQUIPOS E APLICACIÓNS DE TECNOLOXÍAS DA COMUNICACIÓN QUE SERÁN SUBVENCIONADOS DURANTE A VIXENCIA DESTE ACORDO

-Centrais telefónicas RDSI e DECT, excluídas tarxetas ou configuracións con liñas analóxicas.

-Terminais, radiobases, adaptadores de terminais e tarxetas RDSI e DECT.

-Sistemas de videoconferencia, incluídos videoteléfonos.

-Equipos e aplicacións de telefonía integrada con ordenador (CTI).

-Aplicacións de conectividade PC-PC e PC-LAN.

-Instalacións certificadas de cableado estructurado.

-Equipos e aplicacións para control e seguimento de flotas móbiles (GPS/GSM).

-Equipos e aplicacións para telefonía en grupo pechado de usuarios (MPT, TETRA).

-Bridges, Gateway, routers, fairewalls e nodos multiprotocolo.

-Equipos de acceso de tecnoloxía XDSL, FrameRelay, LMDS, MMDS, UMTS.

-Equipos integradores ATM.

-Cablemódems, equipos SDH de acceso e outros equipos de telecomunicacións por cable.

-Controladores e compresores de accesos.

-Equipos e aplicacións de comunicacións para telecontrol e telemantemento.

-Aplicacións relacionadas con oficina móbil.