Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.115

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 31 de xaneiro de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes Cachadiña e outros, pertencentes á parroquia de Setados do concello das Neves.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co diposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes.

Presidente.

José Luis Díez Yáñez.

(Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais.

Luis Mª Muiños Vidueira.

(Letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Isabel Catoira Lamela.

(Avogado polo colexio da provincia).

Teodoro Arribas Serrano.

(Xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes da parroquia de setados do concello das Neves.

Enrique Fernández Barbeito.

José Pinto Iglesias.

Secretaria.

Mª José León Gómez.

(Xefe do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vintenove de novembro do 2000, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito

Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común con obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Cachadiña e outros da parroquia de Setados do concello das Neves.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Setados do concello das Neves, solicitou con data do 31-5-1994, a clasificación como veciñais en man común dos montes Cachadiña, Cruceiro, Aspra e A Lagoa.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión con data do 4-4-1995 acordou inicia-los trámites para a clasificación dos referidos montes, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da entón Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Montes de Pontevedra para o seu estudio e informe, nomeándose instructor do expediente a José Luis Díez Yáñez.

Terceiro.-Así mesmo, e de conformidade co artigo 21 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, solicitouse a certificación de cargas ó correspondente Rexistro da Propiedade, a cal foi recibida con data do 20-3-2000 facendo constar que as referidas parcelas non figuran inscritas a favor de ningunha persona.

Cuarto.-Así mesmo, e con estricta observancia dos trámites previstos no artigo 23 do citado Decreto 260/1992, procedeuse á apertura do trámite de audiencia, formulándose, por parte do Concello das Neves, as alegacións que se consideraron oportunas.

Quinto.-Os montes Cachadiña, Cruceiro, Aspra e A Lagoa, obxecto do presente expediente de clasificación, supoñen, segundo a solicitude presentada, unha cabida total de 13,5 ha que se define da seguinte forma:

-Monte Cachadiña: 3,5 ha.

-Monte Cruceiro: 1,7 ha.

-Monte Aspra: 1,8 ha.

-Monte A Lagoa: 6,5 ha.

Fundamentos de dereito.

1. En relación co Monte A Lagoa, a Comunidade que demanda a presente clasificación ten xa clasificadas con data do 5-12-1980 catro parcelas coa denominación Montes de Setados, cunha superficie total aproximada de 30 ha, e unha destas parcelas corresponde na súa localización ó mesmo lugar do que se solicita agora a clasificación da parcela A Lagoa, polo que esta se considera xa clasificada como veciñal en man común.

2. Polo que afecta ó Monte Cachadiña, situado na parte norte da parroquia, delimítase de acordo coa seguinte descrición:

Cabida: 2,48 ha.

Lindes.

Norte: camiño que vai de Pedrouzón á Carboeira e cerrume cun muro de pedra granítica que cerra coas propiedades particulares.

Sur: camiño de Pedrouzón a Castro, con cerrume con valados e marcos que delimitan as propiedades particulares.

Leste: con valados de pedra e marcos que van delimitando as propiedades particulares de Marina Barbeitos Pérez, Benito Durán Loureiro, José Pérez Domínguez, Manuel Durán Pérez, herdeiros de Catalina Alonso, Antonio Durán Araújo, Fernando Domínguez Durán e Enrique Fernández Barbeito.

Oeste: valados de pedra granítica e marcos das propiedades particulares de Fernando Domínguez Durán, Manuel Iglesias Rodríguez, Antonio Rincón Ubeira e Rosa Ubeira.

Descrición: este monte atópase atravesado pola estrada de Pedrouzón á Rochiña e por unha liña eléctrica de A.T. cunha torre de sustentación dentro do monte.

Proponse a súa clasificación por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

3. No que refire ó Monte dos cruceiros ou Fraga, situado na parte central da parroquia preto do lugar de Lamela, delimítase de acordo coa seguinte descrición:

Cabida: 1,7511 ha.

Lindes.

Norte: propiedade de Severo Fernández Alonso e María Vilas Rincón, cerrando a primeira con valados de formigón e a segunda con valado de pedra en formación de madarrón.

Sur: estrada de Fermil a Setados, con valados de pedra granítica e marcos.

Leste: con marcos que delimitan as propiedades particulares de Severo Iglesias Rodríguez, Manuel Durán Pérez, Manuel Pintos Iglesias, Adolfo Pintos Lima e herdeiros de Celestino Durán.

Oeste: coa propiedade particular de María Vilas Rincón, pechada con muro-madarrón, e estrada de Setados e Lamela.

Descrición: este monte atópase na actualidade con instalacións dun colexio de primaria (S=245 m), con campo de fútbol (S=2.600 m), área de xogos infantís (S=1.200 m), camiños e estradas (S=2.230 m) e o resto considerado área de expansión (S=11.190 m), resultando un total de 17.511 m.

Próponse a non clasificación por non quedar demostrado o aproveitamento veciñal.

4. Finalmente e en relación co Monte Aspra, situado preto de Setados, defínese de acordo coa seguinte descrición:

Cabida: 1,76 ha.

Lindes.

Norte: con camiño de acceso a propiedades particulares de Encarnación Pérez, Rosa Faxarela, José Iglesias Rodríguez, Severo Iglesias Rodíguez e Antonio Rincón.

Sur: Río Termes.

Leste: Río Termes.

Oeste: propiedades particulares de María Oubeira Doales, Manuel Oubeira Doales e valado que as cerra.

Descrición: atópase cerrado por valados de pedra granítica que delimitan as propiedades particulares, madarróns, marcos e río Termes. Existen tres muíños en ruínas, nomeados Muíño da Buraquiña, Muíño do Xabán e Muíño do Severo.

Propónse a súa clasificación por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

5. En consideración ó exposto, e de conformidade co sinalado no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

En consecuencia, vistos os preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón e de maneira unánime o xurado acorda:

1. Clasificar como veciñais en man común a favor dos veciños da parroquia de Setados do concello das Neves os montes Cachadiña e Aspra por reuniren os requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa descrición sinalada no fundamento de dereito segundo para o monte Cachadiña, e no fundamento de dereito cuarto para o monte Aspra.

2. Non clasificar como veciñais en man común os montes A Lagoa e Monte dos Cruceiros ou Fraga por atoparse xa clasificado o primeiro como veciñal en man común por acordo do xurado de data 5-12-1980 a favor dos veciños da parroquia de Setados do concello das Neves, e por non quedar demostrado o aproveitamento veciñal no que afecta o segundo.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da

Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 31 de xaneiro de 2001.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra