Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 2001 pola que se dictan normas para a elección de órganos unipersoais de goberno nos centros públicos de ensino non universitario.

En uso da autorización outorgada pola disposición derradeira primeira do Decreto 92/1988, do 28 de abril (Diario Oficial de Galicia do 29 de abril), polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, parcialmente modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril (Diario Oficial de Galicia do 17 de maio), e polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 9 de agosto), polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, tendo en conta o Decreto 374/1996, do 17 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 21 de outubro), polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e o Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia do 26 de xaneiro), polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensino non universitario, e co obxecto de regula-la elección e nomeamento do director e restantes órganos unipersoais de

goberno naqueles centros en que proceda, e tendo en conta o establecido na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, de participación, avaliación e goberno dos centros docentes, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Centros nos que se deberá proceder á elección do director.

Procederá abri-lo proceso electoral para o nomeamento de director nos centros públicos de ensino non universitario nos que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Finalización do mandato do director.

b) Naqueles centros nos que exista un director nomeado con carácter accidental ata o 30 de xuño, por terse producido o cesamento do director con anterioridade ó remate do seu mandato, de acordo co disposto no artigo 18 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e no artigo 25 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e nos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e no artigo 6 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro.

c) Naqueles centros nos que cese o director ó producirse algunha das causas sinaladas no artigo 16 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, no artigo 23 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de

educación primaria e no artigo 6 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados.

Artigo 2º.-Requisitos dos candidatos.

1. En aplicación do establecido no artigo 9 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e no artigo 16 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e no artigo 6 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados, poderá ser candidato a director calquera profesor do centro, funcionario de carreira, que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter, cando menos, unha antigüidade de cinco anos no corpo da función pública docente desde o que se opta.

b) Exercer como profesor ou profesora durante cinco cursos en centros nos que se impartan ensinanzas do mesmo nivel e réxime.

c) Ter destino definitivo no centro, cunha antigüidade nel, cando menos, dun curso completo. Para estes efectos é computable o presente curso escolar, téndose en conta que a duración do presente curso será ata o 31 de agosto de 2001, tal e como establece o artigo 3 da Orde do 30 de xuño de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto) pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2000/2001, nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

d) Estar acreditado pola Administración educativa para o exercicio da función directiva.

2. Non poderán presentarse como candidatos os profesores que, por calquera causa, non vaian prestar servicios no centro no curso académico inmediatamente seguinte ó da súa toma de posesión como director.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que non existan profesores que reúnan os requisitos do punto anterior, poderá eximi-los candidatos de cumpriren algún deles nos seguintes casos:

a) De acordo co disposto no artigo 9.2º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, nos centros de educación secundaria con oito unidades, ou menos; nos de zonas rurais de especial dificultade; nos que impartan ensinanzas de réxime especial ou ensinanzas dirixidas a persoas adultas, con oito profesores, ou menos, e en situacións excepcionais.

b) De acordo co disposto no artigo 16.2º do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, nos centros incompletos de educación infantil e/ou educación primaria, nos de zonas rurais de especial dificultade, nos colexios rurais agrupados, nos que se impartan ensinanzas dirixidas a persoas adultas, nos de educación especial, así como en centros de características especiais.

c) De acordo co disposto no artigo 6 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados, nos centros públicos integrados de menos de oito unidades e nos de zonas rurais de especial dificultade.

4. Nos centros de menos de tres unidades asumirá tódalas funcións encomendadas ós órganos de goberno unipersoais un dos profesores, designado logo de acordo entre eles. De non existir acordo, desempeñará estas funcións o máis antigo no centro e, en caso de igualdade, o máis antigo no corpo.

Artigo 3º.-Procedemento para a elección do director.

1. Os candidatos ó cargo de director deberán presentar, por escrito ante o consello escolar, con quince días naturais de anticipación á data da elección, a súa candidatura, que incluirá:

a) Programa de dirección no que se preverán os obxectivos que pretende alcanzar, análise do funcionamento, problemas e necesidades do centro, as liñas fundamentais de actuación e a proposta dos órganos de goberno unipersoais da candidatura.

b) Acreditación para o exercicio da función directiva e condicións que permitiron esta acreditación.

c) Méritos académicos e profesionais non considerados para a acreditación.

2. O director do centro deberá arbitra-las medidas de publicidade e accesibilidade para garantir que tódolos membros do consello escolar e do claustro de profesores e, se é o caso, as asociacións de alumnos e as de pais de alumnos coñezan a existencia e teñan fácil acceso ós programas dos distintos candidatos para a súa análise.

3. O director será elixido polo consello escolar. A tal fin constituirase unha mesa electoral integrada por dous profesores e un pai ou nai ou titor legal dos alumnos. Ademais, no caso de centros de secundaria, de ensinanzas de réxime especial ou centros públicos integrados, tamén formará parte da mesa un alumno que non estea matriculado no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

4. Os membros da mesa electoral serán elixidos por sorteo público de entre os membros do consello escolar. No sorteo terase en conta a designación de membros titulares e suplentes. Non se poderán incluír no sorteo os candidatos á dirección.

5. Actuarán como presidente e secretario da mesa electoral os profesores de maior e menor idade respectivamente.

6. A votación celebrarase antes do día 18 de xuño de 2001 en tódolos centros incluídos nalgún dos supostos do artigo 1º desta orde.

7. A votación efectuarase diante da mesa electoral mediante sufraxio directo, secreto e non delegable. Resultará elixido director o candidato que obteña o voto favorable da maioría absoluta dos membros do consello escolar, é dicir, a metade máis un dos

membros que o constitúen no momento da elección, estean ou non presentes. Para estes efectos non se computarán os membros do consello escolar sen dereito a voto.

8. Cando, concorrendo máis dun candidato, ningún deles obtivese a maioría absoluta na primeira votación, procederase no prazo de corenta e oito horas a realizar unha segunda votación na que figurará unicamente o candidato máis votado na primeira. Para ser elixido na segunda votación tamén é necesario obte-lo voto favorable da maioría absoluta dos membros do consello escolar.

9. De existir empate na primeira votación, no prazo de corenta e oito horas realizarase unha segunda votación individualizada entre os aspirantes que igualaron no número máis elevado de votos. Decidirase por sorteo a orde na que serán votados os aspirantes. Tódolos electores poderán participar na votación individualizada de cada aspirante.

10. De seren varios os aspirantes que concorren en segunda votación, resultará elixido o que, obtendo a maioría absoluta, logre máis votos.

11. No caso de que varios aspirantes obtivesen a maioría absoluta e persistira o empate en votos, aplicaranse como criterios de desempate para designar director, e pola orde que se indica, os seguintes:

a) Maior antigüidade no centro.

b) Maior antigüidade como funcionario de carreira.

c) Maior idade.

12. A mesa electoral remitiralle a acta da elección ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de corenta e oito horas despois de celebra-la primeira votación ou inmediatamente despois da celebración da segunda votación, podendo facelo por fax ou telegrama, expresando, segundo proceda:

a) O nome do candidato que obtivo a maioría absoluta.

b) Que ningún candidato alcanzou a maioría absoluta.

Artigo 4º.-Centros nos que non se presente ningunha candidatura.

No suposto de que non se presentase ningunha candidatura á dirección, o presidente do consello escolar comunicaralle inmediatamente despois de remata-lo prazo de presentación de candidaturas tal punto ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, podendo facelo por fax ou por telegrama.

Artigo 5º.-Procedemento para designar director nos centros nos que non resulte elixida ningunha candidatura.

Cando non existan candidaturas á dirección ou cando, aínda existindo, non obtivesen a maioría absoluta, a inspección educativa proporalle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Orde

nación Universitaria un candidato á dirección que reúna os requisitos a), b) e d), sinalados no artigo 2º desta orde, sen prexuízo do establecido no punto 3 do citado artigo 2º.

Artigo 6º.-Nomeamento do director e dos outros órganos unipersoais de goberno.

1. O director electo proporalle o nomeamento dos restantes órganos unipersoais de goberno, incluídos no seu programa, ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O director designado polo procedemento previsto no artigo 5º desta orde proporalle, así mesmo, ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o nomeamento dos restantes órganos unipersoais de goberno. No caso de non facelo, serán propostos pola inspección educativa.

3. O delegado provincial, unha vez verificado que os candidatos propostos reúnen os requisitos establecidos, procederá ó nomeamento do director e dos restantes órganos unipersoais de goberno con efectividade do 1 de xullo de 2001, por un período de catro anos.

4. Nos centros de nova creación, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará director por un período de tres anos a un profesor que, de ser posible, reúna algúns dos requisitos establecidos no artigo 2º.1 desta orde e os restantes órganos unipersoais de goberno, segundo o previsto no punto 2 deste artigo.

Artigo 7º.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria