Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.067

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de maio de 2001 pola que se modifica a do 2 de novembro de 1995 pola que se nomea con carácter provisional o padroado da Fundación Manuel Ventura Figueroa.

Por orde desta consellería, do 2 de novembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia nº 213, do 7 de novembro) ó abeiro do establecido no artigo 22.f) da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei de Galicia 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 9.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e co obxecto de restablece-la actividade fundacional procedeuse á regulación, con carácter provisional, do padroado da Fundación Manuel Ventura Figueroa, instituído no ano 1784 polos testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa, patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castela.

Como consecuencia da convocatoria pública, formulada a través do anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia nº 141, do 23 de xullo de 1997 procedeuse á designación de Manuel Portela Areán como parente máis próximo do fundador e, en consecuencia, patrón de sangue da fundación.

Mediante orde desta consellería do 4 de xullo de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 146, do 28 de xullo), anúnciase convocatoria para a determinación e clasificación de parentes do fundador, convocatoria que se resolve mediante orde desta consellería do 30 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 85, do 3 de maio).

Por decreto da Xunta de Galicia publicado no Diario Oficial de Galicia nº 1, do 2 de xaneiro de 2001, noméase a Dositeo Rodríguez Rodríguez xuíz protector da Fundación Manuel Ventura Figueroa.

Restablecida a actividade fundacional e co obxecto de conseguir unha maior funcionalidade para a con

secución dos fins fundacionais, faise necesario proceder á modificación do padroado regulado pola citada Orde do 2 de novembro de 1995.

Por todo iso e de conformidade co disposto no artigo 22.f) da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei de Galicia 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 9.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 1º da orde desta consellería do 2 de novembro de 1995 pola que se nomea con carácter provisional o padroado da Fundación Manuel Ventura Figueroa que queda redactado da seguinte forma:

Presidente: o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Vocais:

-O patrón de sangue, como parente máis próximo.

-O rector da Universidade de Santiago de Compostela.

-O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Tres designados pola Consellería da Presidencia e Administración Pública dos que, polo menos, 2 serán parentes do fundador previamente clasificados como tales.

-Un secretario, con voz e voto, elixido polo padroado.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a protectoría e a secretaría xeral desta consellería para que dicten as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública