Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.066

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 89/2001, do 6 de abril, de modificación do Decreto 289/1999, do 14 de outubro, polo que se crea o Euro-Observatorio Galego.

A boa resposta das organizacións, entidades e empresas en relación á euro-etiqueta, tanto no que atinxe ó número de solicitudes como polo cumprimento do acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro, fixo que por medio do Decreto 145/2000, do 2 de xuño, se modificasen as funcións e composición do Euro-Observatorio Galego, co fin de dotalo de maior celeridade e eficacia no seu funcionamento.

Seguindo coa dita liña de actuación, e considerando a boa implantación e coñecemento pola sociedade galega da «euro-etiqueta» e do acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro, coa presente modificación do decreto polo que se creou o Euro-Observatorio Galego o que se pretende é a eliminación dos requisitos administrativos previos que se esixían para poder exhibi-la «euro-etiqueta».

Coa dita eliminación dótase dunha maior axilidade a difusión e utilización da devandita euro-etiqueta, sen que se vexan minguadas as garantías respecto dos consumidores ó manterse os controis respecto do seu bo uso, tanto polo Euro-Observatorio Galego, como polo resto dos órganos administrativos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis

de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Modifícase a denominación «Euro-Observatorio Galego» por «Euro-Observatorio Galego de Consumo».

2. Tódalas referencias ó «Euro-Observatorio Galego» existentes no Decreto 289/1999, do 14 de outubro, e no Decreto 145/2000, do 2 de xuño, substitúense por «Euro-Observatorio Galego de Consumo».

Artigo 2º

Modifícase o punto 7 do artigo 3º, que queda redactado do seguinte modo:

«7. Controlar e prohibir, cando proceda, o uso e exhibición da «euro-etiqueta» identificativa da adhesión ó citado acordo».

Artigo 3º

Modifícase o artigo 4º, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 4º.-Réxime de funcionamento.

1. O Euro-Observatorio Galego de Consumo funcionará en pleno ou en comisión executiva.

2. Tanto o pleno como a comisión executiva reuniranse cando o solicite calquera dos seus membros».

Artigo 4º

O artigo 6º queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 6º.-Utilización da euro-etiqueta.

1. As organizacións, entidades e empresas comerciais, turísticas e de servicios situadas na Comunidade de Galicia que exhiban, ou utilicen de calquera xeito nas súas actividades a «euro-etiqueta», contida no anexo II do presente decreto, quedarán adheridas ó acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro, que se establece no anexo I deste decreto.

2. Sen prexuízo das facultades das entidades representadas no Euro-Observatorio Galego de Consumo de información ás organizacións, entidades e empresas comerciais respecto do uso axeitado da «euro-etiqueta», o Euro-Observatorio Galego de Consumo utilizará os servicios de inspección das consellerías de Industria e Comercio, e de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia para comproba-lo cumprimento das estipulacións do acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro.

3. Calquera consumidor que observe que unha organización, entidade ou empresa que exhibe a «euro-etiqueta», non cumpre calquera das estipulacións do acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro, poderá presenta-la reclamación oportuna dirixida ó Euro-Observatorio Galego de Consumo, en calquera departamento da Consellería de Industria e Comercio ou a través de calquera organización que o compoña.

4. Sen prexuízo doutras responsabilidades nas que se puidese incorrer, o incumprimento de calquera das estipulacións do acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro suporá a prohibición da exhibición da «euro-etiqueta».

No suposto de que, unha vez notificada polo Euro-Observatorio Galego de Consumo a prohibición de exhibición e utilización da «euro-etiqueta», a organización, entidade ou empresa continuase facendo uso dela, e sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos administrativos, dentro das súas atribucións específicas, sancionarase

de acordo co establecido na Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios».

Artigo 5º

Modifícase o parágrafo primeiro da estipulación segunda do anexo I, que queda redactado do seguinte modo:

«Segunda.-As organizacións, entidades e empresas que se adhiran ó presente acordo, comprométense a:»

Artigo 6º

Modifícase a estipulación terceira do anexo I, que queda redactada do seguinte modo:

«Terceira.-Tódalas organizacións, entidades ou empresas que se adhiran ó presente acordo e estean adheridas, ou se adhiran, ó Sistema Arbitral de Consumo, utilizarán, sempre que sexa posible, o dito sistema como canle para a resolución dos conflictos que poidan orixinarse con motivo da adaptación á moeda única».

Artigo 7º

Modifícase a estipulación quinta do anexo I, que queda redactada do seguinte modo:

«Quinta.-As organizacións, entidades e empresas que se adhiran ó presente acordo, comprométense a levar a cabo unha divulgación, conxuntamente co Euro-Observatorio Galego de Consumo, do seu contido, co fin de acadar unha maior implantación e máxima eficacia».

Artigo 8º

Modifícase o anexo II, que queda do seguinte modo:

A presente euro-etiqueta deberá te-las dimensións de 108 mmx44 mm, para o recadro do logotipo. Non obstante, poderá utilizarse calquera outra dimensión, sempre que se garden as proporcións.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Mosteiro de San Clodio, Leiro (Ourense), seis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria y Comercio