Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 04 de maio de 2001 Páx. 6.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de abril de 2001 pola que se convoca un curso de especialización para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A implantación das etapas de educación infantil e primaria que sinala a LOXSE xerou a necesidade de contar con mestres especialistas en determinadas áreas do currículo.

Diante desta esixencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria veu organizando durante os últimos anos, e de xeito sistemático, unha serie de cursos de especialización para mestres, o que permitiu dispor dun número considerable de especialistas para afrontar con éxito as ensinanzas nestas etapas educativas.

Esta situación aconsella revisa-la oferta de cursos de especialización, mantendo aqueles nos que se segue detectando necesidade de especialistas.

En consecuencia co anterior é necesario suscribir un novo convenio coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) para organizar actividades de especialización en educación infantil, correspondéndolle a súa dirección e desenvolvemento á dita universidade.

Cómpre, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar neste curso.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar un curso de especialización en educación infantil con 50 prazas, baixo a modalidade de ensino a distancia.

Segundo.-Os solicitantes deste curso deberán ser funcionarios de carreira pertencentes ó corpo de mestres e estaren en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na actualidade e no vindeiro curso 2001-2002.

Terceiro.-Profesorado excluído desta convocatoria:

-O profesorado destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita o curso de especialización, e dicir, durante o curso 2001-2002.

-O profesorado que estea desfrutando durante o curso 2000-2001 ou que teña concedida para o curso 2001-2002 licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O profesorado de linguas estranxeiras que teña concedida unha actividade formativa para o profesorado de inglés e de francés no vindeiro curso 2001-2002.

-O profesorado ó que se lle concedeu un curso de especialización para mestres para realizar durante o curso 2000-2001.

Cuarto.-O curso desenvolverase de acordo coa estructura e características que marca a Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23) pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, e que se resume no anexo I da presente orde.

Quinto.-A matrícula e o material do curso serán gratuítos para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde.

Sexto.-Os interesados no curso de especialización que se convoca deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo II e segundo o procedemento establecido na base sétima.

Sétimo.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

-Folla de servicios debidamente cuberta polo/a interesado/a pechada o 31 de agosto de 2001, segundo modelo do anexo IV.

-Copia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira ou, no seu defecto, do documento administrativo equivalente.

-Xustificación da situación de estar suprimido, se é o caso, coa copia compulsada da correspondente credencial.

-Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo III desta orde.

-Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

-Declaración xurada sobre a veracidade dos datos que se achegan coa solicitude e as especialidades que posúen os solicitantes, segundo modelo do anexo V.

-Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base oitava da presente convocatoria.

A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que o solicitante incorpore á súa instancia, poderá efectuarse nos centros de educación infantil/primaria, centros públicos integrados e centros de secundaria, compulsa que asinará o director ou o secretario do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.

Oitavo.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Noveno.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, que será o presidente.

-O xefe de servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Persoal.

-Dous membros da inspección educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante sindical será comunicado ó presidente da comisión de selección.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría segunda.

Décimo.-A selección dos aspirantes e asignación de prazas farase de acordo cos seguintes criterios:

1. Terá preferencia na asignación das prazas convocadas o profesorado do corpo de mestres, con independencia da súa situación administrativa, que non posúa as especialidades de: educación musical, educación física, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, e inglés.

No caso de quedaren prazas non cubertas por este profesorado, as vacantes poderán ser cubertas por profesores posuidores das ditas especialidades. Dentro deste colectivo, pola súa vez, terán preferencia os que estean en posesión dunha especialidade sobre os que estean en posesión de dúas especialidades, e así sucesivamente.

2. Na asignación das prazas teranse en conta as seguintes cotas:

-Reservarase un 50% das prazas para o profesorado ó que se lle suprimiu o posto de traballo e non conte con novo destino definitivo e que non estea en posesión das especialidades sinaladas no punto 1.

-Reservarase un 30% das prazas para o profesorado con destino provisional que non estea en posesión das ditas especialidades.

-Reservarase un 20% das prazas para o profesorado con destino definitivo que non estea en posesión das especialidades mencionadas.

No suposto de quedaren vacantes nas prazas reservadas para algún destes colectivos non especializados, estas acumularanse ás reservadas a outro grupo non especializado, pola orde establecida neste punto.

Se unha vez aplicado o criterio anterior aínda quedaren vacantes, estas prazas poderanse cubrir con profesorado posuidor das especialidades mencionadas nos parágrafos anteriores e coas mesmas porcentaxes para cada situación administrativa.

Décimo primeiro.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura no anexo III desta convocatoria.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes dirimiranse atendendo sucesivamente á maior puntuación no punto 1.1, 1.2, 2 e 3.2. A continuación desempatará o número de rexistro persoal máis baixo e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

Décimo segundo.-Finalizada a preselección, a comisión elevaralla á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que se exporá nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro e nos das delegacións provinciais, así como na páxina web da Xunta de Galicia no seguinte enderezo electrónico: http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxoefp/sformp/sfm06.htm.

Nesta resolución provisional expresarase a puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados. Na mesma resolución, e para os efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10 persoas.

A exposición destas listaxes abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión do curso de especialización perante a comisión seleccionadora prevista na base novena.

No mesmo prazo os solicitantes deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación que en cada caso se solicite nesa resolución provisional.

Décimo terceiro.-Transcorrido o prazo indicado na base anterior, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora remitiralle á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a proposta de resolución definitiva da presente convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados. A resolución definitiva exporase nos taboleiros de anuncios e na páxina web indicada na base anterior.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non resolverse esta convocatoria no prazo de catro meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no DOG.

Décimo cuarto.-Unha vez resolta a presente convocatoria soamente se admitirán renuncias ó curso concedido en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. O profesorado que non participe no curso perderá a súa preferencia para participar nas tres convocatorias vindeiras destes cursos de especialización, agás nos casos excepcionais autorizados.

As vacantes xurdidas como consecuencia das renuncias, autorizadas ou non, cubriranse cos aspirantes que figuren como reservas, por orde de puntuación, coas limitacións que podan derivarse dos prazos de inscrición e matrícula da institución educativa colaboradora na organización deste curso.

Décimo quinto.-Os mestres seleccionados para este curso están obrigados a formaliza-la matrícula correspondente e realizar tódalas actividades programadas do curso. O incumprimento destas obrigas dará lugar á perda de preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade.

Décimo sexto.-A cualificación global será «apto» ou «non apto».

Décimo sétimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de persoas que superen o curso con avaliación positiva. Con posterioridade á dita publicación, a delegación provincial correspondente expedirá, de oficio, a oportuna habilitación.

Décimo oitavo.-As persoas participantes neste curso comprométense a imparti-las ensinanzas obxecto de especialización ó longo dos 5 anos seguintes á obtención da especialidade no seu propio centro, ou noutro centro no que puidesen acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Vixésimo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

CURSO DE ESPECIALIZACIÓN EN EDUCACIÓN INFANTIL

Responsable da súa organización: Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Número de participantes: 50 profesores/alumnos.

Datas de celebración: ó longo do curso 2001-2002.

I. Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas e realizarase segundo a modalidade de ensinanza a distancia.

-Fase práctica:

Realizarase coa asistencia e asesoramento dun titor da UNED, durante o curso 2001-2002. Esta fase realizarase no centro de destino do profesor/alumno e, se isto non fose posible, nos centros que determine, en cada caso, a comisión seleccionadora. A duración desta fase será de 100 horas.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo.

ANEXO III

BAREMO

Méritos

Puntos por curso

ou actividade

Total puntos

máximo

Documentos

1. Méritos docentes:
1.1. Por cada ano de servicio como funcionario de carreira1 punto por ano completo

Por estes dous subnúmeros ata 10 puntos

Folla de servicios debidamente cuberta polo/a solicitante e fotocopia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira (non o título de mestre, diplomado ou licenciado).
1.2. Por cada ano de servicio como profesor en prácticas, interino ou contratado0,50 puntos por ano completo (agás o primeiro que pode ser máis de nove meses)

2. Por ter exercido o dereito preferente no concurso de traslados convocado por Orde do 10 de outubro de 2000 (DOG do 24 de outubro)

0,75 puntos

Copia compulsada da credencial de estar suprimido/a e declaración xurada de ter exercido o dereito preferente.

3. Actividades de formación permanente:
3.1. Dirección e/ou docencia en actividades de perfeccionamento: 0,50 puntos por actividade como máximo

(Nota: para os titores de prácticas de mestre, do ICE e das universidades -prácticas de psicopedagoxía ou similar- puntuarase 0,25 puntos por cada ano)

Ata 25 h 0,10 p

de 26 a 50 h 0,20 p

de 51 a 75 h 0,30 p

de 76 a 100 h 0,40 p

máis de 100 h 0,50 p

2

Fotocopias compulsadas das certificacións acreditativas.

3.2. Asistencia a cursos, grupos estables, seminarios e outras actividades de formación do profesorado: 0,50 puntos por actividade como máximo

Ata 25 h 0,10 p

de 26 a 50 h 0,20 p

de 51 a 75 h 0,30 p

de 76 a 100 h 0,40 p

máis de 100 h 0,50 p

4

3.3. Cursos de lingua galega:
3.3.1. Especialización1,5 p
3.3.2. Perfeccionamento1 p
3.3.3. Iniciación

(Nota: non acumulables entre si)

0,5 p

4. Publicacións ou investigacións sobre a materia ou especialidade de ensino.

(Nota: a puntuación de cada publicación divídese polo número de autores)

Libro-Non especdo. 0,50 p-Especdo. 1 p1Exemplares orixinais ou fotocopias compulsadas, nos que conste o ISBN se son libros ou ISSN se son revistas.
Revista-Non especda. 0,25 p-Especda. 0,50 p1
Video/casette, CD, disquete-Non especdo. 0,25 p-Especdo. 0,50 p

1