Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 03 de maio de 2001 Páx. 5.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras.

Visto o texto dos estatutos que rexerán a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras, obsérvase que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi aprobado provisionalmente pola asemblea de concelleiros dos concellos da Gudiña, A Mezquita, Riós e Vilariño de Conso en sesión que tivo lugar o 24 de xullo de 2000.

Segundo.-Solicitouse informe da Deputación Provincial de Ourense.

Terceiro.-Segundo certificación expedida polo secretario da Comisión Xestora, o proxecto de estatutos foi exposto ó público durante o prazo dun mes, sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 10 de outubro de 2000, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable sobre o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da Comisión Xestora remitiu copia certificada dos acordos dos concellos da Gudiña, A Mezquita, Riós e Vilariño de Conso de aprobación definitiva dos estatutos da mancomunidade de municipios para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2001.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO I

Estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras está constituída polos concellos da Gudi

ña, A Mezquita, Riós, Vilariño de Conso, con plena capacidade xurídica para o cumprimento dos fins que se relacionan nestes estatutos. A mancomunidade constitúese por iniciativa dos propios concellos.

Artigo 2º

1. A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras servirá con obxectividade ós intereses públicos que lle están encomendados e actuará de acordo cos principios de eficacia, descentralización, desconcentración e coordinación con submisión plena á lei e ó dereito.

2. Os tribunais exercerán o control da legalidade dos acordos e actos da mancomunidade.

Artigo 3º

O procedemento de aprobación dos estatutos desta mancomunidade, determinado nas disposicións referenciadas no preámbulo, axustarase ás normas e trámites contidos no título III, capítulo 2º, sección 1ª da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

a) A elaboración dos estatutos co contido mínimo que sinala o artigo 142 da Lei 5/1997 será competencia da comisión xestora, constituída conforme o artigo 138 da Lei de Administración local de Galicia.

b) Elaborados os estatutos pola Comisión Xestora, aprobaraos esta inicialmente.

c) Elaborados os estatutos e aprobados inicialmente conforme o epígrafe anterior, someteranse á súa aprobación provisional a unha asemblea integrada por tódolos concelleiros dos concellos interesados en pertencer á mancomunidade. Esta asemblea será convocada e constituída validamente conforme o artigo 139 da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

d) O proxecto de estatutos, unha vez aprobado, será sometido polo prazo dun mes a informe da Deputación Provincial de Ourense, e exporase a información pública por un período dun mes para a presentación das observacións ou suxestión que se consideren precisas.

e) Os efectos do informe provincial serán os determinados no artigo 140.1º da Lei de Administración local de Galicia e, seguidamente, tramitarase o expediente conforme os epígrafes 2 e 3 do devandito artigo 140.

Rematadas as ditas actuacións e comunicado polo presidente á Comisión Xestora a emisión do informe por parte da deputación provincial e pola consellería competente en materia de réxime local, ou transcorrido o prazo legal para iso sen que aqueles fosen emitidos, os plenos de tódolos concellos aprobarán, no prazo de dous meses, os estatutos co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos membros de cada unha das corporacións interesadas.

Artigo 4º

No acordo de aprobación designaranse os representantes legais de cada concello na mancomunidade no número determinado no artigo 10º destes estatutos e tendo en conta o pluralismo político existente nas corporacións, de conformidade co artigo 141, número 2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

Artigo 5º

1. A Mancomunidade Conso-Frieiras ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins, podendo adquirir, reivindicar, administrar, allear e gravar bens propios de toda clase; outorgar escrituras, documentos e contratos; establecer, conceder e explotar obras e servicios que afecten ós fins da súa constitución; obrigarse a exercer accións civís, criminais, contencioso-administrativas, laborais e, en xeral, de tódalas clases.

2. Para o cumprimento de tales finalidades e actuacións encamiñadas ó seu exercicio, serán adoptadas as disposicións e resolucións axeitadas polos órganos de goberno, dentro das súas respectivas competencias.

Artigo 6º

A Mancomunidade Conso-Frieiras réxese por estes estatutos, pola Lei reguladora das bases de réxime local, pola Lei de Administración local de Galicia e polas demais normas en vigor, aplicables ós concellos, relacionadas coa súa organización e funcionamento.

TÍTULO II

Fins da mancomunidade

Artigo 7º

1. A mancomunidade terá como fins a execución en común de obras e a prestación dos servicios que a continuación se relacionan, entre outros que se poden acordar:

a) Educación, cultura, deportes e xuventude.

b) Protección do patrimonio histórico-artístico.

c) Sanidade, asistencia social e terceira idade.

d) Matadoiro e transportes de carnes.

e) Xestión e recadación de tributos.

f) Protección civil, prevencións e extincións de incendios.

g) Mantemento de servicios públicos comúns.

h) Recolla de lixo, vertedura e tratamento de residuos.

i) Fomento do turismo.

j) Asistencia técnica e xestión urbanística.

k) Programa de prestación social substitutoria.

l) Informatización de servicios comúns.

m) Protección do ambiente e da riqueza natural.

n) Conservación e mantemento de camiños e obras públicas.

o) Calquera outro que puidese acorda-la mancomunidade que, de non seren os xa enumerados, deberán ser aprobados por cada corporación.

2. Os acordos adoptados pola mancomunidade relativos ós fins comúns serán inmediatamente executivos para tódolos concellos integrantes dela.

3. A prestación dos servicios que a seguir se enumeran será obrigatoria e vinculante para os concellos mancomunados:

a) Asistencia social.

b) Xestión e recadación de tributos.

4. O Pleno da mancomunidade é órgano competente para acorda-la execución de obras e a prestación dos servicios voluntarios enumerados e outros distintos, que non teñen carácter vinculante para os concellos mancomunados, polo que estes poderán decidi-la súa adhesión e execución das obras ou prestación dos servicios.

TÍTULO III

Organización

Capítulo I

Órganos de goberno

Artigo 8º

Os órganos de goberno de carácter activo da mancomunidade son:

-O Pleno da mancomunidade ou Xunta da mancomunidade.

-A Comisión de Goberno da mancomunidade.

-O presidente e vicepresidente da mancomunidade.

-O Pleno da mancomunidade pode constituír comisións informativas de carácter consultivo.

Artigo 9º

1. Os órganos de goberno e de administración da Mancomunidade Conso-Frieiras radicarán onde resida a súa presidencia, tendo como domicilio social e lugar de reunión a casa do concello.

2. Cando o acorden expresamente os órganos de goberno, estes poderán reunirse na casa do concello de calquera dos concellos que integran a mancomunidade.

Artigo 10º

A composición dos órganos de goberno será do seguinte xeito:

1. O Pleno da mancomunidade ou Xunta da mancomunidade estará integrado polo alcalde ou representante no que delegue e dous membros máis de cada concello mancomunado, elixidos estes últimos pola corporación respectiva, tendo en conta o pluralismo político existente nas corporacións locais.

2. A Comisión de Goberno da mancomunidade estará integrada polos alcaldes de cada concello ou representantes nos que deleguen, ou polo seu substituto legal na corporación.

3. A presidencia da mancomunidade e a vicepresidencia será exercida con carácter rotatorio e duración bianual polo alcalde e 1º tenente de alcalde de cada un dos concellos que integran a mancomunidade. A orde no exercicio para o desempeño destes cargos será a alfabética, determinada pola inicial do nome de cada un dos concellos mancomunados.

4. O presidente da mancomunidade, no caso de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polo vicepresidente.

Artigo 11º

1. O mandato dos membros do Pleno da mancomunidade ou a Xunta da mancomunidade así como da Comisión de Goberno será polo tempo que dure o seu cargo de concelleiro na corporación. No que se refire ó mandato do presidente e vicepresidente haberase que ater ó disposto no número 3 do artigo anterior destes estatutos.

2. Tódolos membros dos órganos de goberno da mancomunidade continuarán en funcións unha vez disoltas as corporacións, entrementres non se constitúan as novas.

3. Despois de cada proceso de eleccións municipais, a corporación que resulte delas, na primeira sesión que celebre, deberá designa-los seus representantes nos órganos de goberno da mancomunidade.

4. As corporacións, en todo caso, poderán substituí-los seus representantes na mancomunidade cando o consideren oportuno.

5. O Pleno da mancomunidade constituirase o décimo día hábil, contado desde a data da publicación dos estatutos, conforme o artigo 141.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Capítulo II

Atribucións dos órganos de goberno

Artigo 12º

1. O Pleno da mancomunidade estará integrado por 12 membros; é o órgano supremo dela e estará presidido polo presidente e corresponderanlle, en todo caso, as seguintes atribucións:

a) O control e a fiscalización dos órganos de goberno da mancomunidade.

b) A aprobación dos regulamentos e das ordenanzas que se acorden.

c) A aceptación das delegacións de competencias feitas polas outras administracións públicas, así como por outro órgano de goberno da mancomunidade.

d) A promoción de conflictos de competencias a outras entidades locais e demais administracións públicas.

e) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos seus orzamentos; a disposición de gastos nos asuntos da súa competencia e a aprobación das contas.

f) A aprobación da forma de xestión dos servicios.

g) A adquisición de bens e dereitos da mancomunidade e a transacción sobre eles, agás cando as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos da mancomunidade.

h) A regulación do aproveitamento dos bens da mancomunidade nos termos previstos na lexislación aplicable.

i) O alleamento do patrimonio.

j) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

k) A aprobación dos plans de investimento.

l) A aprobación dos proxectos de obras cando a contratación da súa execución sexa da súa competencia, conforme a alínea seguinte.

m) A contratación de obras, servicios e subministracións cando non sexan da competencia do presidente ou este a delegase expresamente no Pleno.

n) O recoñecemento extraxudicial de créditos, cando non exista dotación orzamentaria, operacións de crédito ou concesións de quita e espera.

o) No caso de contar con persoal propio da mancomunidade, a aprobación do cadro de persoal, relación de postos de traballo, bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión dos postos de traballo, a asignación da contía das retribucións complementarias dos funcionarios e o número e o réxime do persoal eventual e a ratificación do despedimento do persoal laboral.

p) O exercicio das accións administrativas e xudiciais.

q) A defensa dos procedementos incoados contra a mancomunidade.

r) A admisión e denegación da incorporación de novos concellos á mancomunidade.

s) A proposta de disolución da mancomunidade.

t) Aqueloutras que deban corresponderlle ó Pleno por esixi-la súa aprobación unha maioría especial.

u) As demais competencias que expresamente lles atribúan as leis do Estado ou da Comunidade Autónoma ós plenos dos concellos, sempre que entren dentro dos fins da mancomunidade.

2. Correspóndelle, así mesmo, ó Pleno a votación sobre a moción de censura ó presidente, de acordo co establecido na lexislación que estea en vigor.

Artigo 13º

1. A Comisión de Goberno, integrada conforme o establecido no artigo 10º destes estatutos, estará presidida polo presidente da mancomunidade e correspóndenlle, en todo caso, as seguintes atribucións:

a) A asistencia ó presidente no exercicio das súas atribucións.

b) As atribucións que o presidente da mancomunidade ou outro órgano da mancomunidade lle delegue ou lle atribúan as leis por analoxía á Comisión de Goberno Municipal.

c) Non son delegables as atribucións reservadas ó Pleno no número 1, letras a), b), c), d), e), f), j), n), p), q), r), e número 2 do artigo anterior.

d) Tampouco é delegable calquera outra atribución reservada por analoxía ó Pleno da Corporación por requirir maiorías especiais.

2. O presidente pode delega-lo exercicio de determinadas atribucións nos membros da Comisión de Goberno, sen prexuízo das delegacións que, para cometidos especiais, poidan efectuar a favor de calquera membro do Pleno da mancomunidade, aínda que non pertenza a aquela comisión.

Artigo 14º

1. O presidente da mancomunidade tamén o será do Pleno e da Comisión de Goberno da mancomunidade e terá as atribucións seguintes:

a) Dirixi-lo goberno e a administración da mancomunidade.

b) Representa-la mancomunidade.

c) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións así como dirixi-las deliberacións.

d) Publicar, executar e facer cumpri-los acordos do Pleno e da Comisión de Goberno, adoptando as disposicións requiridas.

e) Decidi-los empates co voto de calidade.

f) Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servicios e obras da mancomunidade para consegui-la súa prestación con suxeición ás decisións dos seus órganos de goberno.

g) Dispor gastos, dentro dos límites da súa competencia; ordenar pagamentos e render contas.

h) O desenvolvemento e a xestión económica conforme o orzamento aprobado.

i) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, nin, en calquera caso, os 1.000.000.000 de pesetas, incluídos os de carácter plurianual cando en duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de tódalas súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

j) Presidi-las mesas de licitación en obras e servicios que convoque a mancomunidade.

k) Exercer accións xudiciais e administrativas no caso de urxencia.

l) A organización dos servicios administrativos da mancomunidade.

m) Desempeña-la xefatura superior de todo o persoal da mancomunidade, se chega a contar con elementos persoais propios.

n) Tódalas atribucións en materia de persoal con respecto ó que sexa propio da mancomunidade, e que non competan ó Pleno da mancomunidade.

o) Sanciona-las faltas de desobediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas da mancomunidade, agás naqueles casos en que tal facultade estea atribuída a outro órgano.

p) As demais que expresamente lles atribúan as leis e as disposicións do Estado ou da Comunidade Autónoma ós alcaldes dos concellos, sempre que entren dentro dos fins propios da mancomunidade.

2. O presidente da mancomunidade pode delega-lo exercicio das súas atribucións, agás as de convocar e presidi-las sesións do Pleno e da Comisión de Goberno e as mencionadas no artigo 61.3º e 64º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que por analoxía estean recollidas nestes estatutos como atribucións do presidente da mancomunidade.

3. O presidente poderá renunciar ó seu cargo no momento da súa elección ou noutro posterior, debendo dar conta diso inmediatamente ó Pleno da mancomunidade, que procederá á elección do novo presidente conforme o establecido no artigo 10º destes estatutos.

4. O presidente pode ser destituído do seu cargo mediante moción de censura adoptada segundo a lexislación que estea vixente para os alcaldes dos concellos.

5. O presidente perde a súa condición de tal ó cesar como alcalde.

Capítulo III

Do réxime de sesións

Artigo 15º

1. Os órganos colexiados da mancomunidade funcionan en réxime de sesións ordinarias de periodicidade preestablecida e extraordinarias, que poden ser, ademais, urxentes.

2. O Pleno celebrará sesión ordinaria, como mínimo, cada dous meses, e extraordinaria cando así o decida o presidente ou o soliciten unha cuarta parte, polo menos, do número legal dos membros que o compoñen.

3. Os órganos de goberno poderán establece-lo seu réxime de sesións. Os días das xuntanzas ordinarias serán fixados previamente por acordo de cada órgano corporativo.

Artigo 16º

O réxime de sesións, así como a convocatoria e a adopción de acordos axustaranse ó que dispón a Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais leis ou disposicións que poida dicta-lo Estado ou a Comunidade Autónoma en materia de réxime local.

TÍTULO IV

Persoal da mancomunidade

Artigo 17º

A mancomunidade poderá contar con persoal propio. Ata entón funcionará con persoal do cadro dos concellos mancomunados que, voluntariamente, acepten prestar servicios extraordinarios á mancomunidade.

Artigo 18º

Mentres a mancomunidade non conte con funcionarios de habilitación nacional propios, as funcións de secretaría e intervención-tesourería desempeñaranse do seguinte xeito:

As prazas de secretario e interventor-tesoureiro serán cubertas polo sistema de rotación por dous anos naturais e polos funcionarios que teñen atribuída a dita habilitación nos concellos mancomunados, con carácter de propietario, provisional ou en comisión de servicios, cubríndose por insaculación.

Artigo 19º

A prestación dos servicios mencionados no artigo precedente será gratificada pola mancomunidade.

Artigo 20º

De chegarse á creación dun cadro de persoal da mancomunidade, os nomeamentos, deberes e dereitos en xeral regularanse pola lexislación aplicable ós funcionarios da Administración local.

Artigo 21º

Nas respectivas sesións, os órganos de goberno da mancomunidade contarán coa asistencia do secretario e do interventor-tesoureiro, se é o caso, con voz pero sen voto.

TÍTULO V

Recursos económicos

Artigo 22º

Para o cumprimento dos seus fins, a mancomunidade contará cos recursos seguintes:

a) A achega para gastos de primeiro establecemento e gastos de servicios xerais, que fixará o Pleno e que deberá desembolsar cada concello mancomunado, en proporción ó seu número de habitantes.

b) A achega de cada concello mancomunado ó sostén dos servicios nos que participe, como resultado dos diferentes estudios de financiamento, distribuín

dose en relación co número de habitantes de cada concello.

Para os efectos do establecido nos parágrafos anteriores, as achegas dos concellos serán consideradas pagamentos forzosos e preferentes e serán aboados polos concellos no momento que interese á mancomunidade, no xeito que proceda, autorizándose o Pleno para que solicite da Delegación do Misterio de Economía e Facenda e da Xunta de Galicia a retención das cantidades liquidadas por calquera concepto que perciban a través das expresadas administracións os concellos que incumpran o seu deber de achega, ingresando as devanditas cantidades na mancomunidade, para saldar, se é o caso, as achegas municipais non satisfeitas.

c) Os ingresos de dereito privado, tendo tal consideración:

Os froitos, rendas e xuros dos bens e dereitos de calquera clase que teñan a condición de propios, de acordo coa lexislación en vigor; así mesmo, os ingresos procedentes da venda e gravames dos ditos bens e dereitos.

As doazóns, herdanzas, legados e auxilios de toda clase, procedentes de particulares, aceptados pola mancomunidade.

d) Taxas e prezos públicos pola prestación de servicios ou realización de actividades da súa competencia.

e) Contribucións especiais para a execución de obras ou para o establecemento, ampliación ou mellora dos servicios da competencia das indicadas entidades.

f) Participacións nos impostos do Estado e da Comunidade Autónoma que se establezan ó seu favor.

g) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

h) Os procedentes de operacións de crédito.

i) Multas e outras sancións administrativas.

j) Calquera outro non previsto nestes estatutos, sempre que sexa aplicable e conforme a lexislación vixente.

Artigo 23º

1. Será de aplicación á mancomunidade o previsto para os ingresos dos municipios respecto ós que se refire o artigo anterior.

2. Igualmente, aplicarase o disposto nos artigos 131 a 135 da Lei reguladora das facendas locais.

Artigo 24º

O Pleno da mancomunidade aprobará anualmente o seu orzamento, de acordo coas disposicións vixentes para o réxime local.

Artigo 25º

1. No caso de que un concello decida unilateralmente separarse da mancomunidade, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir

cos compromisos contraídos, podendo aplicárselle o establecido no último parágrafo da alínea b) do artigo 22º destes estatutos, no caso de negarse a cumpri-lo establecido neste artigo.

2. Ningún concello que se dea de baixa antes da disolución da mancomunidade poderá reclama-la parte que lle puidese corresponder no reparto de bens na data de baixa, ata o momento da disolución e posterior liquidación.

TÍTULO VI

Réxime xurídico

Artigo 26º

Os actos que dicten os órganos de goberno da mancomunidade dentro das súas respectivas competencias serán definitivos en vía administrativa e inmediatamente executivos, agás que por imperativo legal requiran aprobación por outros órganos.

Artigo 27º

Os concellos mancomunados quedan obrigados a cumpri-los acordos que adopte a mancomunidade sempre que o sexan na esfera da súa competencia e dentro das formalidades legais.

Artigo 28º

A mancomunidade, con referencia ós seu fins, pode publicar bandos e dictar regulamentos e ordenanzas de réxime interior e de carácter fiscal, axustándose ós estatutos e ás disposicións legais que rexan no ámbito da Administración local, que serán de aplicación supletoria.

TÍTULO VII

Vixencia da mancomunidade

Capítulo I

Prazo de vixencia

Artigo 29º

A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras constitúese por tempo indefinido en razón do carácter permanente dos servicios que prestará e que motivan a súa constitución.

Capítulo II

Modificación dos estatutos e disolución

da mancomunidade

Artigo 30º

A modificación dos estatutos da mancomunidade ou a disolución axustarase ó seguinte procedemento:

a) A iniciativa correspóndelle ó Pleno da mancomunidade, ben de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen.

b) Adoptado o acordo, someterase a información pública polo prazo dun mes e, simultaneamente, remitiráselles á Deputación Provincial de Ourense e á consellería competente en materia de réxime local para a emisión do seu informe, polo prazo dun mes.

c) Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informe ós que se refire a letra anterior ou transcorrido o prazo dun mes sen que fosen emitidos, someterase o acordo de modificación dos estatutos ou de disolución da mancomunidade ós plenos dos concellos mancomunados. A adopción do devandito acordo, que resolverá tamén as alegacións, no caso de que estas fosen presentadas, requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións.

d) Aprobados os acordos de modificación dos estatutos da mancomunidade ou de disolución desta pola maioría dos concellos mancomunados, o presidente da mancomunidade remitiralle copia certificada deles á consellería competente en materia de réxime local, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarllo á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

Artigo 31º

Toda incorporación ou separación de membros da mancomunidade levará consigo, necesariamente, a modificación dos estatutos.

Artigo 32º

No caso de que un concello mancomunado decida unilateralmente separarse da mancomunidade, ademais do disposto nos artigos anteriores deste título, cumprirase o sinalado no artigo 25º dos estatutos.

Artigo 33º

No caso de disolución da mancomunidade, esta manterá a súa personalidade xurídica mentres non sexa adoptado polo Pleno o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, o cal, conforme o artigo 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co de disolución.

Capítulo III

Causas de disolución

Artigo 34º

Son causas de disolución da mancomunidade:

a) A imposibilidade de afronta-la implantación e o mantemento de ningún dos servicios mancomunados obrigatorios, declarada polo Pleno e ratificada polos plenos das corporacións dos concellos respectivos.

b) A insuficiencia de recursos para levar a cabo as finalidades da súa constitución, expostas no artigo 7º destes estatutos.

c) A separación dela de máis da metade dos membros que a integran.

Artigo 35º

No suposto de disolución, a Comisión de Goberno constituirase en comisión liquidadora.

Artigo 36º

Os bens da mancomunidade que quedasen despois da súa liquidación reverterán ós concellos na mesma proporción ás súas respectivas achegas, tendo en conta, en todo caso, o previsto na Lei de Administración local de Galicia no seu artigo 143.3º e no artigo 25º destes estatutos.

Artigo 37º

Os concellos nos que estivesen os servicios respectivos terán dereito preferente a optar á propiedade dos bens, instalacións, maquinaria e material de toda clase afectos ós bens inmobles dos servicios mancomunados, coa obriga de lles reintegrar ós restantes concellos agrupados a parte proporcional do valor dos terreos adquiridos no seu día, así como de aboar, co mesmo criterio de proporcionalidade, o valor da maquinaria e instalacións, coa depreciación aplicable polo período de vida en que se encontren.

Disposicións adicionais

Primeira.-O número de concellos que se especifican no artigo 1º destes estatutos entenderase ampliable polos concellos que o soliciten, logo de modificación dos estatutos conforme o artigo 143.2º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, e logo de acordo do Pleno da mancomunidade nos termos establecidos no artigo 12º q) deste estatuto.

Segunda.-A estes estatutos poderán unirse, como anexos, os estudios técnicos, económicos e financeiros que se realicen con respecto a cada un dos servicios sinalados no artigo 7º, así como unha memoria explicativa do desenvolvemento deles. Todo isto sen prexuízo da redacción dos regulamentos que se consideren adecuados para este obxecto.

Terceira.-A Mancomunidade Conso-Frieiras poderá contar con escudo e bandeira propios, se así o acorda o seu Pleno, conforme o establecido na lexislación vixente para este tipo de materias.

Disposicións transitorias

Primeira.-Estes estatutos poderán ser desenvolvidos por un regulamento orgánico da Mancomunidade, axustándose a súa aprobación ó procedemento legalmente establecido.

Segunda.-A Mancomunidade Conso-Frieiras deberá inscribirse no Rexistro de Entidades Locais baixo a denominación de Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras.

Disposición derradeira

Única.-No que non estea previsto nestes estatutos, a mancomunidade rexerase polas disposicións legais na materia de réxime local, dictadas pola Administración do Estado, así como polas que dicte a Comunidade Autónoma de Galicia.