Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 02 de maio de 2001 Páx. 5.825

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se convoca para vinculación temporal unha praza de médico na unidade periférica de prevención de riscos laborais e saúde laboral do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

No pacto subscrito entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO, UGT, CESM-SATSE e CSI-CSIF publicado no Diario Oficial de Galicia nº 128, do 6 de xullo de 1998, sobre os sistemas prevención de riscos laborais e de consulta e participación dos profesionais das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, configúranse as bases da organización da prevención de riscos laborais no Sergas.

Así, confórmanse o Servicio Central de Prevención de Riscos Laborais con sede en Santiago de Compostela, e as unidades periféricas con ámbito de actuación nas áreas sanitarias, residenciadas nos complexos ou centros hospitalarios. Estas unidades levan a cabo a súa actividade preventiva, tanto no ámbito da atención primaria

coma no da atención especializada da respectiva área xeográfica.

As unidades periféricas están integradas por profesionais seleccionados con base nos requisitos recollidos no Real decreto 39/1997, dos servicios de prevención e no Real decreto 1488/1998, de adaptación da lexislación de prevención de riscos laborais á Administración xeral do Estado.

Con estes obxectivos e con base nas normas citadas constituíronse os órganos de prevención de riscos laborais no Sergas vehiculándose a selección de profesionais a través da convocatoria feita por resolución desta División de Recursos Humanos con data do 25 de xaneiro de 2000 (DOG nº 25, do 7 de febreiro).

Neste momento declarouse vacante a praza de médico da especialidade de medicina de traballo na unidade de Pontevedra, polo que cómpre convoca-la súa cobertura cos mesmos criterios de selección vehiculados coa convocatoria citada.

Xa que logo, trala negociación coas organizacións sindicais con representación na mesa sectorial, de conformidade coas atribucións conferidas a este centro directivo nos artigos 19 e seguintes do Decreto 49/1998,

do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Sergas e no artigo 4 da Orde do 21 de abril de 1998, sobre delegación de atribucións nos servicios centrais e periféricos do Sergas, esta división

RESOLVE:

1º Anuncia-la vindeira cobertura con vínculo interino en praza vacante, en réxime xurídico de persoal estatutario da categoría de médico especialista en medicina do traballo, para desenvolve-las funcións de nivel superior en materia de prevención de riscos laborais, na unidade periférica de prevención de riscos laborais e saúde laboral na área de Pontevedra norte, con sede no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

2º Os aspirantes deberán reunir algún dos requisitos seguintes:

Médico especialista en medicina do traballo, ou médico diplomado en medicina de empresa.

3º As retribucións que percibirá o aspirante que resulte seleccionado serán as correspondentes á categoría de facultativo especialista de área sanitaria. A fixación das contías reflíctense na Lei de orzamentos anual correspondentes ó persoal de institucións sanitarias do Sergas.

A xornada que desenvolverá o aspirante seleccionado será a asignada ó persoal estatutario da mesma categoría, segundo a normativa aplicable ó persoal de institucións sanitarias do Sergas.

O aspirante que resulte seleccionado será sometido a un período de proba de seis meses de duración, de acordo co teor do artigo 5 da orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do 1 de xullo de 1997, pola que se regulan as modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal de institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde. Durante a vixencia do período da proba, as partes poderán desistir libremente da vinculación, en comunicación escrita, sen alegación de causa e sen dereito a indemnización ningunha por tal motivo.

4º En caso de resultar seleccionado persoal estatutario con vínculo fixo noutra categoría, pasará á situación de promoción interna temporal con declaración de situación especial en activo.

5º Para tal fin convócanse os aspirantes interesados para que, no prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, presenten a súa solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I, e acheguen con ela os xustificantes suficientemente acreditativos tanto dos requisitos esixidos coma dos méritos alegados. Fóra deste prazo non será admitida a presentación de ningunha documentación.

6º As solicitudes serán dirixidas ó director xeral da División de Asistencia Sanitaria, e poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sito no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela. Tamén poderán ser presentadas de acordo co establecido no artigo 38.4º da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Presenta-la solicitude resulta requisito imprescindible para adquiri-la condición de aspirante.

7º Para seren admitidos ó proceso selectivo, os aspirantes deberán acredita-la nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, de se-lo caso, dispoñer de autorización para poder residir e traballar legalmente en España. Así mesmo, deberán cumpri-los requisitos que se esixen en cada un dos anexos. De non acredita-los anteditos requisitos, o aspirante será excluído do proceso de selección.

8º Para a selección dos aspirantes admitidos procederase á baremación dos méritos alegados e suficientemente acreditados, de conformidade cos criterios que se determinan no anexo II.

As certificacións presentadadas polos aspirantes deberán conte-la descrición pormenorizada das actividades desenvolvidas por ela.

Dada a importancia que o coñecemento das institucións sanitarias ten para o desenvolvemento das actividades de prevención aplicadas a cada centro, dáse especial relevancia no baremo á experiencia profesional nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde (punto III do anexo II).

Así mesmo, será convocado para unha entrevista persoal na que se analizará, debaterá e valorará a memoria e o proxecto requirido no anexo II, que deberá presentarse no devandito prazo de solicitude. De non facelo nese prazo o aspirante será excluído do proceso.

9ª Para a selección dos profesionais constituirase unha comisión de baremación, composta por cinco membros designados un deles polas organizacións sindicais asinantes do pacto de prevención de riscos laborais e saúde laboral, e os outros catro polo órgano convocante.

10ª Rematado o proceso, publicaranse pola orde de puntuación os candidatos seleccionados, nos taboleiros de anuncios da Dirección Provincial do Sergas en Pontevedra con sede en Vigo, e nas xerencias das institucións sanitarias desta provincia. Poderá declararse deserta a convocatoria de non existir candidato idóneo de acordo co perfil establecido.

Os aspirantes interesados poderán formular no prazo de 10 días hábiles, a partir do seguinte ó da data de publicación dos candidatos seleccionados, reclamación perante a División de Recursos Humanos. Trala análise e resolución das reclamacións presentadas, publicarase a lista definitiva.

11ª Dos aspirantes seleccionados vincularase o que acade a maior puntuación. En caso de renuncia ou doutra causa pola que sobreveña a vacante da praza, seleccionarase o seguinte aspirante seleccionado de acordo co seu número de orde.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde

ANEXO II

REQUISITOS E BAREMO DE MÉRITOS PARA A SELECCIÓN DE UN MÉDICO NA UNIDADE PERIFÉRICA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS E SAÚDE LABORAL NA ÁREA DE PONTEVEDRA NORTE

Requisitos.

-Licenciado en medicina e cirurxía especialista en medicina do traballo.

-Ou Licenciado en medicina e cirurxía con diploma de médico de empresa.

Baremo méritos.

I. Formación académica.

A puntuación máxima polo conxunto deste epígrafe será de 3,5 puntos:

1ª Estudios licenciatura:

Cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

Cada sobresaliente: 1 punto.

Cada notable: 0,5 puntos.

A suma das puntuacións dividirase polo número total das materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos. Non se valorarán as materias relativas ó idioma, relixión, formación política e educación física.

2ª Posgrao:

Exame de grao (licenciatura): 1 punto.

Os aspirantes que teñan o título de doutor: 2 puntos.

II. Outras especialidades.

Pola titulación de especialista noutra especialidade legalmente recoñecida distinta á de medicina preventiva ou medicina do traballo: 1,5 puntos, ata un máximo de 3 puntos.

III. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste epígrafe será de 15 puntos.

1. Servicios prestados como médico no área de prevención de riscos e saúde laboral nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

2. Servicios prestados como médico na área de prevención de riscos e saúde laboral en institucións sanitarias privadas.

3. Servicios prestados como médico no área de prevención de riscos e saúde laboral noutras administracións públicas ou empresas privadas.

4. Experiencia profesional como médico en área ou actividade distinta á anterior nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

A comisión de baremación asignaralle a puntuación que lle corresponda a cada epígrafe en función de criterios obxectivos relacionados co contido dos servicios prestados ou funcións desenvoltas na materia, o perfil do posto requirido e a duración do vínculo. A puntuación que se outorgue deberá ser motivada.

IV. Formación continuada.

1º Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación nos que a materia impartida teña relación directa coas funcións dos servicios de prevención de riscos laborais. Máximo 5 puntos.

Duración de 20 a 40 horas: 0,1 puntos.

Cada 40 horas: 0,1 puntos.

2º Polas actividades docentes, debidamente xustificadas, en cursos de formación sobre materias relacionadas coa actividade dos servicios de prevención de riscos profesionais a partir de 10 horas lectivas, co máximo de 2 puntos:

Cada 10 horas lectivas: 0,5 puntos.

V. Valoración do proxecto e da memoria na entrevista.

Presentarase unha memoria na que se exporán sucintamente os obxectivos de actividade dun facultativo nun servicio periférico de prevención con ámbito de área sanitaria nun máximo de tres caras, escritas a dobre espacio. Así mesmo, deberán presentar un proxecto das actuacións que se van desenvolver como técnico dese servicio nun máximo de tres caras, escritas a dobre espacio.

Co obxecto de comentar, debater e analiza-las propostas feitas polos aspirantes, realizarase unha entrevista regrada, perante a comisión de baremación que se constitúa. Tal comisión estará integrada por membros da Administración sanitaria e un representante das organizacións sindicais. A entrevista será valorada cun máximo de 10 puntos.

VI. Coñecementos da lingua galega.

A puntuación máxima deste epígrafe será de 1,5 puntos.

1º Pola realización do curso de iniciación á lingua galega: 0,5 puntos.

2º Pola realización do curso de perfeccionamento da lingua galega: 1,5 puntos.