Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2001 Páx. 5.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 88/2001, do 6 de abril, polo que se crea o Colexio Oficial de Decoradores de Galicia.

Por Decreto 893/1972, do 24 de marzo, creouse o Colexio Nacional Sindical de Decoradores, suxeito á lexislación de colexios profesionais segundo o disposto no R.D. 1303/1977, do 10 de xuño.

En reunión da Xunta de Goberno do colexio nacional, que tivo lugar o 18 de decembro de 1981, tomouse o acordo, ratificado pola xunta xeral, de proceder á súa transformación en colexios autonómicos e á creación dun consello xeral. O 23 de setembro de 1996 adoptouse o acordo de acepta-la tramitación de segregación de todas aquelas delegacións territoriais que o solicitasen para proceder á constitución dos seus respectivos colexios autonómicos.

A Xunta Xeral Extraordinaria da Delegación Territorial de Galicia do Colexio Nacional de Decoradores, que tivo lugar o 15 de xullo de 2000, referendou por unanimidade o acordo de segregación do colexio tomado polo colexio nacional, co visto e prace do Ministerio de Fomento, presentándose a solicitude de creación do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia ante a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais con data do 28 de xullo de 2000.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do establecido no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións e competencias ás que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Gali

cia na súa reunión do día seis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, por segregación do Colexio Nacional de Decoradores.

Artigo 2º

O ámbito territorial do colexio será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

Será requisito para a incorporación ó colexio estar en posesión do título de graduado en artes aplicadas correspondente ós estudios regulados polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os declarados equivalentes.

Disposición transitoria

Primeira.-A Xunta de Goberno da Delegación Territorial de Galicia do Colexio Nacional de Decoradores quedará constituída en comisión xestora do novo colexio, debendo aprobar no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, nos que se regulará a asemblea colexial constituínte, coa previsión da forma da convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión de Galicia, e do procedemento do desenvolvemento dela.

Segunda.-A asemblea colexial constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

Terceira.-Os estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

San Clodio (Leiro), seis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais