Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2001 Páx. 5.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de abril de 2001 pola que se establecen os premios Medio Ambiente de Galicia 2001, modalidade de debuxo escolar.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º, 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais e de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, que no artigo 7, número 2.1, sinala que realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental.

Estas funcións desenvólvense, mediante diversos plans de difusión, a través do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental cunha serie de actividades relativas ó ambiente encamiñadas á sensibilización da poboación en xeral e, neste caso en particular, dos alumnos e das alumnas en idade escolar en Galicia.

A expresión plástica constitúe un medio axeitado para que os escolares galegos comuniquen as súas actitudes cara ó ambiente, ó tempo que se propicia a súa relación co seu contorno; con este obxectivo e como medio de difusión dos valores ambientais polas repercusións nos medios de comunicación e sobre a opinión pública convócase un concurso de debuxo sobre temas de ambiente.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convoca-lo Premio Medio Ambiente de Galicia na modalidade de debuxo escolar, entre os estudiantes de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional de Galicia.

Artigo 2º.-Categorías.

Os participantes farano por unha das seguintes categorías:

CategoríaEtapa educativa

AEducación infantil

BEducación primaria - primeiro ciclo

CEducación primaria - segundo ciclo

DEducación primaria - terceiro ciclo

EEducación secundaria obrigatoria - primeiro ciclo

FEducación secundaria obrigatoria - segundo ciclo

GEducación postobrigatoria (bacharelato e ciclos

formativos de FP)

Artigo 3º.-Premios.

Concederanse os seguintes premios para cada unha das categorías:

-Primeiro premio Medio Ambiente de Galicia-modalidade de debuxo escolar- dotado con 75.000 pesetas (450,76 euros) en diñeiro e un lote de libros e material escolar, valorado en 20.000 pesetas.

-Segundo premio Medio Ambiente de Galicia-modalidade de debuxo escolar- dotado con 50.000 pesetas (300,51 euros) en diñeiro e un lote de libros e material escolar, valorado en 20.000 pesetas.

-Terceiro premio Medio Ambiente de Galicia-modalidade de debuxo escolar- dotado con 25.000 pesetas (150,25 euros) en diñeiro e un lote de libros e material escolar, valorado en 20.000 pesetas.

Concederase o seguinte premio único:

-Premio especial Medio Ambiente de Galicia-modalidade de debuxo escolar - dotado con 250.000 pesetas (1.502,53 euros) en diñeiro para a obra global, que será concedido ó centro educativo que presente o mellor conxunto.

Tódolos premiados recibirán diploma acreditativo.

O importe dos premios en metálico será aboado con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.640.1 dotada con 1.300.000 pesetas e en todo caso estarán suxeitos ás retencións fiscais correspondentes.

Artigo 4º.-Participación.

Poderán participar tódolos estudiantes de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación secundaria postobrigatoria, formación profesional e educación especial, de centros docentes públicos e privados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos serán individuais e obrigatoriamente deben ser seleccionados e remitidos polo centro docente onde curse estudios o/a participante.

Os traballos deberán versar sobre un tema relacionado co ambiente, a súa conservación e mellora, reflectindo e comunicando actitudes e valores positivos ou recriminando actitudes negativas na relación co noso contorno.

Artigo 5º.-Presentación.

Os traballos presentaranse en tamaño DIN-A4 e estarán realizados mediante algunha das seguintes técnicas: lapis, carbón, tinta chinesa, rotulador, acuarela ou gouache; excluiranse os traballos que non se axusten a estas características.

Cada traballo levará escrito, no seu reverso, o pseudónimo do autor ou da autora e a categoría na que participa. Non estarán asinados nin debe figurar nome ou dato identificador ningún.

Cada centro poderá participar cun máximo de 10 debuxos en cada unha das categorías nas que participe, remitindo tódolos traballos acompañados dun

ha listaxe, segundo o formulario do anexo II, por cada categoría, no que se recolla o pseudónimo, nome do alumno ou da alumna, curso e idade. Cada centro docente remitirá estes conxuntos, acompañados do formulario do anexo I cuberto, nun único envío por correo, sinalando expresamente no sobre o texto seguinte:

Consellería de Medio Ambiente:

Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Asunto: premios Medio Ambiente de Galicia modalidade de debuxo escolar.

Rúa Basquiños 2.

15771 - Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos remata ós 15 días naturais desde a publicación desta orden.

Os envíos remitiranse por correo ou polos procedementos establecidos nos artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Xurado e concesión dos premios.

Para a avaliación e cualificación dos traballos formarase un xurado que estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en que delegue.

Vocais: tres especialistas en artes plásticas designados polo director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Secretario: un funcionario do Departamento de Educación e Información Ambiental, que terá voz e voto.

Os premios poderán declararse desertos e o xurado estará facultado para establecer un accésit en cada categoría para destacar adicionalmente a calidade excepcional dalgún traballo, que para o efecto recibiría un diploma acreditativo. A concesión dos premios desta orde realizarase, se é o caso, antes do 1 de outubro de 2001.

A Consellería de Medio Ambiente comunicaralle o acordo de concesión dos premios a cada un dos centros educativos ós que pertenzan os premiados.

Artigo 8º

Os orixinais dos traballos presentados non serán devoltos e pasarán a ser propiedade da Consellería de Medio Ambiente, formando parte do seu fondo documental, con mención expresa do autor.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente