Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2001 Páx. 5.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de abril de 2001 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Eulen, S.A., adxudicataria dos servicios de mantemento do Hospital do Meixoeiro de Vigo, que se iniciará ás 0 horas do día 2 de maio de 2001, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta os traballadores da empresa Eulen, S.A., adxudicataria do servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro de Vigo, que se iniciará ás 0 horas do día 2 de maio de 2001 con carácter indefinido, logo de audiencia ó comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada que se iniciará o día sinalado, que afecta os traballadores da empresa Eulen, S.A. adxudicataria do servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro de Vigo, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo adecuado funcionamento dos servicios do centro sanitario afectado, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios, tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia ó longo de toda a xornada laboral e tén carácter indefinido.

Tales mínimos correspóndense basicamente cos fixados en folgas referentes ó mesmo persoal, convocadas en anos anteriores.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios farase pola dirección da empresa consignataria procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Quenda

mañá

Quenda

tarde

Quenda

noite

Electricistas211

Calefact./fontan.222

Mecánico11

Carpinteiro1 día alter.

Albanel1 día alter.

Exp. lavandería1