Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 17 de abril de 2001 pola que se establecen axudas económicas para o fomento da riqueza cinexética.

O artigo 148.1º 11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confírenlle á nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de caza.

A Lei de caza 4/1997, do 25 de xuño, atribúelle a titularidade do dereito de caza ós propietarios ou, se é o caso, ós titulares doutros dereitos reais ou persoais que leven consigo o uso e desfrute do aproveitamento da caza.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da consellería de Medio Ambiente, e o Decreto 122/1999, que o modifica, atribúen á citada consellería, dentro de súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión

das axudas e subvencións que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Por outra banda, o progresivo cambio na utilización do solo e a existencia dunha importante e crecente actividade cinexética, ademais doutros factores inherentes a unha sociedade en desenvolvemento, deron lugar a que importantes zonas da nosa Comunidade Autónoma presenten na actualidade unha regresión das poboacións cinexéticas.

Como consecuencia, cómpre fomenta-la riqueza cinexética e procurar un incremento das poboacións de caza menor, evitando así a progresiva deterioración das nosas especies cazables, mellorando os seus hábitats naturais e ordenando o seu racional aproveitamento.

Neste sentido díctase a presente orde, pola que se establecen axudas coa finalidade de incentiva-los titulares de coutos de caza, zonas de caza controlada e fomenta-lo asociacionismo entre os titulares dos coutos privados de caza para lograr unhas maiores unidades de xestión cinexética, indispensables na concepción moderna do aproveitamento cinexético.

En virtude do anterior, e consonte co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións

que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Coa finalidade de favorece-la restauración das poboacións cinexéticas, ordena-los aproveitamentos destes recursos e facilita-la actividade de caza establécese un sistema de axudas ós titulares dos terreos cinexéticos para a redacción de plans de ordenación cinexética.

Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade e someteranse en tódolos seus puntos ó previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, de 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e de actuación administrativa, e ó previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as sociedades administradoras de zonas de caza controlada e os titulares individuais ou agrupados de coutos de caza a que se refire o punto 4º da transitoria da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

No caso de que dous ou máis titulares de coutos de caza se agrupen para constituír un Tecor, a agrupación deberá formalizarse por escrito, ter unha duración mínima de cinco anos e contar coa conformidade da asemblea xeral.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables os traballos de redacción dos plans de ordenación cinexética.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

1. A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe dos honorarios correspondentes á redacción dos proxectos aprobados pola Administración.

Os importes máximos subvencionables e as porcentaxes máximas de subvención para cada proxecto serán as seguintes:

Investimento máximo% máximo de

subvencionable (ptas.) subvención

1. Redacción de proxectos

de ordenación cinexética.1.000.00060%

2. Non será subvencionable o importe do IVE, na medida en que sexa recuperable da facenda pública.

Artigo 5º.-Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.

A orde de prelación para a concesión de subvencións basearase na puntuación que se lle conceda a cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:

-Superficie do couto ou agrupación de coutos: ata 1 punto por cada 2.000 hectáreas.

-Agrupación de titulares de coutos de caza: ata 7 puntos.

-Actividades acordes cos obxectivos establecidos pola administración realizadas anteriormente: ata 5 puntos.

Estes criterios de prioridade aplicaranse a favor dos peticionarios que, cumprindo tódolos requisitos esta

blecidos nesta orde, a soliciten en tempo e forma, así como daqueles peticionarios que, téndoo solicitado o pasado ano, non visen atendidas as súas peticións por insuficiencia orzamentaria e reúnan os requisitos previstos nesta orde.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subvención irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e serán presentadas nas correspondentes delegacións provinciais directamente, ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, presentarase a seguinte documentación por duplicado:

-Fotocopia do CIF/NIF do solicitante destinatario da subvención ou persoa que o represente.

-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do destinatario.

-Declaración xurada do solicitante de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de non ter pendentes débedas adquiridas coa administración da Comunidade Autónoma.

-Se o titular fose unha sociedade ou unha asociación, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude (anexo I).

-Se o solicitante da subvención fose unha agrupación de titulares de coutos de caza, a acreditación documental da súa formalización do acordo de agrupación, segundo o modelo do anexo II, sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior.

-Memoria, realizada por un técnico competente en caza, na que se sinalen claramente os obxectivos cinexéticos que se perseguen, a aceptación destes obxectivos polos propietarios dos predios afectados, as medicións aproximadas e os orzamentos estimados para realización das obras ou actuacións.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 7º.-Mellora e corrección das solicitudes.

Iniciado o procedemento, examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que foran detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado para que as emende ou complete, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixera, se terá por desistido da súa petición, e se arquivará o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente, nun prazo máximo de tres meses contados a partir da publicación no DOG da presente convocatoria, resolverá conceder ou denega-las axudas solicitadas, en atención ós criterios pre

ferentes que se conteñen nos artigos dela e das dispoñibilidades orzamentarias, denegando aquelas solicitudes para as que non exista crédito dispoñible. As solicitudes que, unha vez transcorridos tres meses desde a publicación da orde, non fosen expresamente resoltas poderanse entender denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente que se establece nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Estas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes dentro dos 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpo-lo recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación ou directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da recepción da notificación.

Artigo 9º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Os plans presentaranse no prazo de tres meses contados a partir da data da notificación ante o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente, quen remitirá informe favorable á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, no prazo de quince días naturais, ou devolverá, se é o caso, o proxecto ó interesado para que sexa emendado ou completado. Os beneficiarios das axudas xuntarán ós plans de ordenación cinexética, a seguinte documentación:

-Orixinal ou fotocopias cotexadas das facturas oficiais dos honorarios do técnico redactor do proxecto.

-Certificación orixinal ou cotexada, que acredite que o beneficiario esta ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, ata o momento do pagamento da subvención e que non ten pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo se recolle no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, agás os casos recollidos no artigo 41.3º da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Visto o citado Plan de ordenación cinexético xunto coa documentación presentada e o informe do servicio provincial, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural procederá ó aboamento da subvención concedida no mes seguinte á súa recepción.

En ningún caso procederán abonamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. No caso de que se producise unha minoración dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectua-los servicios da Consellería de Medio Ambiente, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio de súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. O importe da axuda concedida nunca poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo de redacción do Plan de ordenación cinexética, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima subvencionable.

5. Os beneficiarios quedan obrigados ó reintegro total ou parcial da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 11º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342 A. 780.2, código de proxecto 15.00.705, ata un importe máximo de 50.000.000 de pesetas, sendo susceptible de ampliación con cargo a outras partidas orzamentarias, unha vez aprobadas as oportunas modificacións orzamentarias.

Disposición adicional

Os solicitantes que presentasen xa o Plan de ordenación cinexético veranse exonerados da obriga de presenta-la memoria á que se refire o artigo 6º desta orde e de volver a remiti-lo propio Plan de ordenación cinexético.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente