Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de bazares, artigos de regalo, venda de xoguetes, adorno e reclamo.

Visto o texto do convenio colectivo do sector do comercio de bazares, artigos de regalo, venda de xoguetes, adorno e reclamo, con nº de código 3600325 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-3-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Bazares e Artigos de Regalo, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UXT, en data 5-3-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de marzo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial de comercio

de bazares, venda de xoguetes, artigos de regalo,

adorno e reclamo de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais CC.OO. e UXT, en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Bazares e Artigos de

Regalo da provincia de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio é de aplicación obrigatoria a todas aquelas empresas englobadas no sector de comercio de bazares, de venda de xoguetes, artigos de regalo, adorno e reclamo, con centros de traballo comprendidos dentro da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Afectará tanto ó persoal que actualmente preste os seus servicios nas referidas empresas, como a aquel que ingrese no futuro, durante a vixencia do convenio.

Artigo 4º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor ós quince días da súa sinatura, aínda que os seus efectos económicos rexerán a partir do 1 de xaneiro de 2001.

Artigo 5º.-Duración.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2002, prorrogándose automaticamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen no presente convenio compensarán calquera das existentes no momento de entrar en vigor, e absorberán as que no futuro poidan establecerse, calquera que sexa a norma de que se deriven.

Artigo 7º.-Retribucións.

Os soldos e salarios correspondentes ás distintas categorías son os que, para cada ano, figuran nas táboas salariais anexas.

Artigo 8º.-Non discriminación por razón de sexo.

O empresario está obrigado a pagar pola prestación dun traballo igual o mesmo salario, tanto por salario base, como polos complementos salariais, sen discriminación ningunha por razón de sexo.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as seguintes:

-Paga de xullo; igual a unha mensualidade do salario base máis a antigüidade, se é o caso, en concepto de gratificación de xullo.

-Paga de outubro; consistente en 16 días do salario base e maila antigüidade, se é o caso.

-Paga de decembro; igual a unha mensualidade do salario base e maila antigüidade, se é o caso, en concepto de gratificación de Nadal.

-Paga de marzo; igual a unha mensualidade do salario base e maila antigüidade, se é o caso, en concepto de participación en beneficios.

Artigo 10º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por tempo de servicio ata o 31 de marzo de 2001, consistirán en trienios na contía do cinco por cento sobre os salarios deste convenio.

A partir da citada data do 31 de marzo de 2001, desaparece o concepto e tratamento do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos como retributivos.

Como consecuencia desta eliminación, teranse en conta os seguintes compromisos:

a) Os traballadores manterán e consolidarán tan só os importes daqueles trienios que devengasen polo complemento persoal de antigüidade ó 31 de marzo de 2001, polo que non se terán en conta os tramos intermedios.

b) Os importes obtidos ó abeiro do previsto na letra anterior manteranse invariables e por tempo indefinido como un complemento retributivo ad personam, é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ningunha causa, extinguíndose xuntamente coa extinción do contrato do traballador.

c) Este complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

Artigo 11º.-Saídas e axudas de custo.

Se por necesidades de servicio tivese que desprazarse algún traballador fóra da cidade na que habitualmente ten o seu destino, a empresa aboaralle os gastos que efectuase, logo da presentación dos xustificantes correspondentes. En compensación daqueles gastos dos que non resulte posible a xustificación, o persoal terá dereito, ademais, a unha axuda de custo segundo o desprazamento sexa por media xornada ou completa de:

-Ano 2001: 584 pesetas e 951 pesetas, respectivamente.

-Ano 2002: 613 pesetas e 999 pesetas, respectivamente.

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo.

Nos supostos de xornada continuada establecerase un período de descanso de 15 minutos, coñecido como «tempo de bocadillo», que se computará como tempo de traballo efectivo.

Artigo 13º.-Vacacións.

Todo o persoal cun ano na empresa desfrutará dun período de trinta e un días naturais de vacacións.

Artigo 14º.-Falecemento do traballador.

En caso de falecemento do traballador, aboaráselles ós seus habentes dereito tres mensualidades do salario real que percibise no momento do feito causante.

Artigo 15º.-Incapacidade temporal.

As empresas, en caso de incapacidade temporal, calquera que sexa a súa orixe, completarán as prestacións da Seguridade Social ata o 100% do salario real, durante doce meses, a partir do recibo da baixa.

Artigo 16º.-Xubilación.

Ó se produci-la xubilación dun traballador con quince anos de servicio, aboaráselle unha mensualidade; ata vintecinco anos, dúas mensualidades, e con máis de vintecinco anos, tres mensualidades.

Non obstante, respectaranse as axudas superiores que por este concepto veñan outorgando as empresas.

Artigo 17º.-Faltas e sancións.

Aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 18º.-Recoñecemento médico.

Recoméndaselles ós empresarios de bazares que voluntariamente e logo de acordo cos seus traballadores desexen que estes sexan sometidos a un recoñecemento médico, anualmente soliciten a información pertinente no Gabinete de Seguridade e Hixiene no Traballo de Rande.

Artigo 19º.-Permisos retribuídos.

Con independencia do disposto nos artigos 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais nos casos de nacemento de fillo.

c) Ata 5 días naturais, por falecemento de cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como accidente ou enfermidade graves ou hospitalización de cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador deba realizar e as demais circunstancias que en cada caso concorran.

d) Ata un máximo de catro días naturais ó ano por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

e) Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días ó ano, sen necesidade de xustificala. Esta licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos, para un deles; fixándose o segundo de acordo coas necesidades da empresa.

Esta licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio, no suposto de que se produza, con carácter xeral e no ámbito nacional, unha reducción da xornada.

Os dereitos en materia de permisos retribuídos recoñecidos ós cónxuxes nas letras b) e c) do presente artigo, estenderanse ás parellas de feito inscritas no rexistro do organismo que competa; debendo acreditar nas previstas no punto c) un período de convivencia mínimo dun ano.

Artigo 20º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a tres anos, contado desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o nº 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a este, unha vez finalizada a excedencia, sempre que soliciten o reingreso cun mes de antelación ó seu termo.

Artigo 21º.-Axuda escolar.

Esta axuda escolar será aboada en cada unha das doce mensualidades do ano, percibíndoa calquera que sexa o número de fillos, por un só deles, entendéndose como tal o de maior idade, na contía seguinte:

Ano 2001Ano 2002

-De 1 a 10 anos2.6582.791-De 11 a 14 anos5.3195.585-De 15 a 18 anos8.7339.169

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

Os traballadores que proceda serán provistos obrigatoriamente por parte da empresa, de uniformes ou outras roupas de traballo das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas de roupa débese facer ó comeza-la relación laboral entre a empresa e o traballador en número de dúas, que se reporán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, polo menos, na metade delas.

Artigo 23º.-Desconto en compras.

O desconto mínimo nas compras que realice o persoal nas súas respectivas empresas será do quince por cento, salvo en artigos de oferta ou rebaixa, respectándose as situacións máis favorables que se veñan dando.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e para atender cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada por tres representantes de cada unha das partes asinantes deste convenio.

Artigo 25º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, aplicarase o que dispoñen as normas legais vixentes de aplicación.

Disposición adicional

Como consecuencia da reestructuración de categorías levada a cabo, coa eliminación das correspondentes ás de auxiliar de caixa, para os efectos retributivos estas asimilaranse á categoría de dependente.

Vigo, 5 de marzo de 2001.

Convenio colectivo de traballo para o sector de bazares, venda de xoguetes, artigos de regalo, adorno e reclamo de Pontevedra

Vixencia do 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001

Categorías Salario

mensual

A) Grupo mercantil.
1. Persoal mercantil técnico non titulado.
Xefe de división133.258
Xefe de persoal, de compras, de vendas e encargado xeral129.594
Encargado de establecemento101.317
2. Persoal mercantil propiamente dito:
Viaxante, corredor de praza96.738
Dependente95.707
Dependente maior105.095

B) Grupo administrativo.
Xefe de sección administrativa109.789
Oficial administrativo e operador de máquinas contables97.425
Auxiliar administrativo92.845

C) Grupo de actividades auxiliares.
Escaparatista109.789
Profesional de oficio de 1ª e 2ª92.845
Mozo92.845

D) Subalternos.
Persoal de limpeza92.845
Persoal de limpeza por horas323

Vixencia do 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002

Categorías Salario

mensual

A) Grupo mercantil.
1. Persoal mercantil técnico non titulado.
Xefe de división139.921
Xefe de persoal, de compras, de vendas e encargado xeral136.074
Encargado de establecemento106.383
2. Persoal mercantil propiamente dito:
Viaxante, corredor de praza101.575
Dependente100.493
Dependente maior110.350

C) Grupo administrativo.
Xefe de sección administrativa115.278
Oficial administrativo e operador de máquinas contables102.296
Auxiliar administrativo97.488

D) Grupo de actividades auxiliares.
Escaparatista115.278
Profesional de oficio de 1ª e 2ª97.488
Mozo97.488

E) Subalternos.
Persoal de limpeza97.488
Persoal de limpeza por horas339