Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 10 de abril de 2001 pola que se regulan as axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

A producción de sementes e plantas de viveiro constitúe unha actividade económica cunha importante e decisiva repercusión na productividade e renovación das plantacións, así coma na súa sanidade.

A producción e fomento da semente e planta de viveiro de calidade esíxelle ó sector productor realizar unha serie de medidas estructurais e técnicas específicas, principalmente nas especies en que está desenvolvido un sistema de certificación.

A normativa comunitaria impón ós productores a responsabilidade de controis, medidas de control e adaptación dos sistemas productivos para garanti-la calidade do material vexetal obtido. A acometida dos investimentos e medidas que isto supón é recomendable que se efectúe co mellor nivel tecnolóxico e de organización.

Na Comunidade Autónoma galega existen algunhas produccións agrarias de gran importancia e tradición que están condicionadas polo mínimo desenvolvemento do sector productor de sementes e plantas de viveiro, de xeito que non se pode garantir oficialmente a sanidade e calidade en xeral e máis concretamente da producción de material vexetal de variedades autóctonas.

Polo tanto, é necesario continuar con esta política de axudas, que permita que as empresas poidan afronta-las melloras estructurais pertinentes para adaptarse á normativa e producir sementes e plantas de viveiro de calidade, ou ben introducirse na producción de novas especies.

Con estas axudas trátase de apoia-la adopción de medidas precisas que incidan naquelas fases da producción que máis influencia teñen na calidade da planta de viveiro, como son o material de orixe que xunte condicións de identidade, pureza varietal e sanidade; a mellora tecnolóxica das estructuras de producción e de control interno da calidade, a identificación e precintado dos lotes; o fomento do uso da planta controlada e de calidade, así como investimentos en instalacións e equipos necesarios para adaptarse á normativa.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

As axudas reguladas por esta orde teñen por obxecto o fomento da producción de sementes e plantas

de viveiro de calidade como condicionante principal dunha producción agraria diferenciada e adaptada ás esixencias do mercado.

Ademais, con este programa preténdese incentiva-lo desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia e que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e coa adaptación ás nosas peculiaridades que se require.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse ás axudas que establece a presente orde os productores autorizados de sementes e plantas de viveiro da Comunidade Autónoma galega das especies ou grupos de especies reflectidas no anexo III.

Tamén se poderán atende-las solicitudes daquelas entidades agrarias que no momento da publicación da presente orde teñan presentada unha solicitude de inscrición nalgún rexistro oficial de productores e obteñan informe favorable antes da adxudicación destas axudas.

Como requisito os beneficiarios deberán presentar xunto coa solicitude un programa de mellora e a documentación complementaria que se detalla no anexo II. Ademais, deberán ter cumprido coas súas obrigas coa Administración como productores autorizados.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

As axudas concederanse a novos investimentos e traballos específicos da actividade viveirística aplicados á obtención e mantemento de material vexetal de partida e plantas nai de calidade controlada como orixe de material de multiplicación, a mellora tecnolóxica das estructuras de producción do material de multiplicación e dos sistemas de control da calidade, así como ó fomento da utilización da semente e planta de viveiro de calidade.

Os traballos e investimentos subvencionables deberán formar parte dun programa de mellora, entendendo por tal un conxunto de accións coherentes que pretendan unha estructura de producción de sementes e plantas de calidade de forma estable e permanente.

Artigo 4º.-Programas de mellora.

Os programas de mellora poderán incluí-los investimentos e traballos específicos da actividade viveirística, desenvolvidos xa sexa directamente polo productor ou en asociación con outros productores e correspondentes ós obxectivos seguintes:

a) Obtención, producción e mantemento de material vexetal de partida ou de plantas nai controladas.

No caso de materiais producidos de acordo cunha norma de certificación, os controlados son aqueles

que cumpren cos requisitos esixidos na devandita norma para a súa categoría. Nos demais casos, e para os efectos desta orde, enténdese como material de partida controlado aquel que ten contrastado o seu axeitado estado sanitario polos métodos de análise dispoñibles en cada caso e efectuados nun laboratorio oficial, e do que se comprobou a súa identidade varietal de acordo cunha ficha descritiva varietal completa segundo estándares internacionais, cando existan. No caso de plantas ornamentais só se incluirán as plantas nai controladas que teñan unha permanencia como orixe de material de multiplicación superior a dous anos.

Os investimentos e traballos que se inclúen neste obxectivo son os correspondentes ás seguintes actividades:

1. Selección clonal en variedades.

2. Obtención de novas variedades.

3. Ensaios de novas variedades e clons.

4. Saneamento do material clonal.

5. Implantación de plantas nais controladas.

6. Análises sanitarias e varietais.

7. Instalacións de illamento de plantas nais controladas.

b) Producción de material vexetal de multiplicación procedente de plantas nais controladas.

Os investimentos que se inclúen neste obxectivo son os correspondentes a:

1. Instalacións.

2. Construccións.

3. Equipos.

c) Control de calidade en tódalas fases de producción:

Os investimentos que se inclúen neste obxectivo son os correspondentes ás seguintes actividades:

1. Laboratorios de análises sanitarias e varietais.

2. Normalización e tipificación.

3. Identificación e precintado de lotes.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

Os investimentos que se aproben poderán ser subvencionados ata unha porcentaxe do 50% do devandito investimento.

Cando as cantidades orzamentarias non sexan suficientes para a concesión das subvencións, nas cantidades prevista pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, determinarase, atendendo ás prioridades sinaladas nesta orde, e á vista do interese que as circunstancias aconsellen, a cantidade definitiva que en cada caso se poida outorgar.

En ningún caso as subvencións recibidas por solicitante e ano poderán ser superiores a dez millóns de pesetas no caso de productores individuais ou de vinte millóns no caso de asociacións.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes de axudas presentaranse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia segundo o anexo I.

As solicitudes poderán tramitarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, e preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Ás solicitudes xuntaráselle-la seguinte documentación (tamén reflectida no anexo II).

1. Programa de mellora que inclúa polo menos o contido reflectido no anexo II.

2. Orzamento detallado de cada investimento e factura proforma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.

Este orzamento estará claramente diferenciado por anualidades en caso de que se pretenda executar parte dos investimentos no 2002.

3. Copia do título de productor de sementes ou plantas de viveiro da Comunidade Autónoma ou copia da solicitude de inscrición nos rexistros de productores.

Copia da declaración de cultivos presentada para a campaña en curso.

4. Copia da tarxeta de identificación fiscal ou DNI, e da acta de constitución da entidade, se é o caso.

5. Certificado orixinal da conta bancaria.

6. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

A resolución do expediente correspóndelle ó conselleiro, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo máximo de seis meses.

Enténdese a solicitude por desestimada se no devandito prazo non se resolve a preceptiva aprobación do expediente.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Criterios de adxudicación.

Tendo en conta que as axudas reguladas na presente orde se outorgan con cargo a un orzamento limitado, segundo o disposto no seu articulado baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios de méritos para a súa adxudicación, dos que os datos terán que ser cubertos

polo interesado de acordo co modelo do anexo IV da presente orde:

-Execución do programa por unha agrupación de productores.

-Afección do programa a especies con sistema de control e certificación específica.

-Afección do programa a especies con sistema de control e certificación escasamente desenvolvida na Comunidade Autónoma.

-Necesidade dos investimentos proxectados para acadar un título de productor oficial ou para adaptarse á normativa reguladora.

-Tipo de investimento, tendo prioridade pola mesma orde os dos alíneas a), b) e c) do artigo 4º.

-Afección do programa a actividades de recuperación, selección, mellora ou multiplicación de variedades autóctonas ou recomendadas.

Atenderase por orde de prioridades os expedientes de solicitude ata o nivel de subvención conveniente para promove-la realización dos investimentos e de acordo co articulado da presente orde.

Non se efectuará unha simple repartición da asignación orzamentaria entre os solicitantes da axuda, dando lugar, se é o caso, á denegación das axudas.

Artigo 8º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As accións subvencionables deberán iniciarse, en todo caso, con posterioridade á entrada en vigor desta orde.

Excepcionalmente e só para investimentos de implantación de material vexetal ou plantas nai que requiran tecnicamente a súa realización no período invernal de parada vexetativa, poderán recollerse as actividades xa iniciadas nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do presente ano. Neste caso deberá quedar claramente xustificada e reflectida na solicitude esta circunstancia.

Artigo 9º.-Xustificacións.

As actuacións previstas nos programas aprobados finalizarán antes do 31 de outubro de 2001.

Os programas que se aproben para a súa execución no 2002 deberán estar rematados antes do 30 de xuño do mesmo ano.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa preferentemente á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e xuntará os xustificantes do investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior.

A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo da comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O incumprimento dos programas propostos suporía a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Para poder percibi-la axuda a entidade beneficiaria terá que acreditar que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O beneficiario deberá presentar declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

As axudas reguladas na presente orde serán incompatibles con calquera outra das distintas administracións públicas que se refira ós mesmos investimentos.

Artigo 11º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 776.0 «Reestructuración dos sistemas productivos», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, dotado con 57.400.000 pesetas, así como con cargo ós remanentes adicionais que puideran existir no mesmo concepto.

Poderán comprometerse subvencións con carácter plurianual, para o ano 2002 por contía máxima de 30.000.000 de pesetas ó ano na aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.0.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abri de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria