Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 16 de abril de 2001 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento municipal, procede

a publicación dunha nova convocatoria de axudas que complete os fins inicialmente establecidos.

A experiencia proporcionada por aplicación da orde precedente aconsella mante-los mesmos criterios básicos nela contidos, se ben se incorporan a esta mecanismos encamiñados ó perfeccionamento do procedemento de xestión para mellora-la eficacia finalista das axudas.

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no seguinte epígrafe.

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal ou proxectos de ordenación do medio rural, ben sexa como figura de nova formulación ou como revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible cos sistemas de execución empregados nestes programas.

d) Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos que á entrada en vigor da presente orde tivesen contratados ou en fase de contratación traballos dos previstos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen nesta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria: 06.02.332 A.760.0 e proxecto 06.2001.704 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 e cun importe cincuenta e cinco millóns sesenta e oito mil cincocentas cincuenta e oito (55.068.558) pesetas (330.968,70 euros).

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3º do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Orde de prelación.

Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1. Redacción de Plan Xeral de Ordenación Municipal ou proxecto de ordenación do medio rural dos concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

2. Revisión e/ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, de planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

3. Redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Dentro de cada un dos tres grupos anteriores, e de resultar necesario, seleccionaranse os adxudicatarios atendendo ás características do concello, valorando, de máis a menos, os seguintes aspectos: valoración obxectiva das necesidades manifestadas polo concello, na súa memoria, ou detectadas pola Dirección Xeral de Urbanismo, tendo en conta o historial urbanístico e dependencia de intereses públicos concretos da aprobación do planeamento, poboación do concello, poboación do núcleo principal, superficie do termo municipal, antigüidade do planeamento municipal vixente, situación en áreas de alta conflictividade urbanística, declaración de conxunto histórico polo organismo competente.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen serán dun 70% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en calquera caso, o calculado ou aceptado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Urbanismo.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo de trinta días hábiles, contados a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no da súas delegacións provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38

da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo a esta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención. Esta memoria conterá unha valoración dos traballos, con expresión do orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.2 d) da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe.

c) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Deléganse no director xeral de Urbanismo as competencias para resolve-los procedementos de concesión e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

Para tal efecto, a Subdirección Xeral de Urbanismo procederá, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 287/2000, polo que se regulan axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, á avaliación das peticións recibidas, conforme os criterios establecidos no artigo 3º desta orde, e formulará unha proposta de concesión, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións, que serán motivadas de acordo cos criterios de outorgamento e porán fin á vía administrativa de acordo co artigo 10 do Decreto 287/2000, indicarase o obxecto e contía da subvención, as fases en que se desenvolverán os traballos e o programa de pagamentos correspondente a elas.

3. O prazo para resolver e notifica-las solicitudes ó abeiro da presente orde será de seis meses, que se computarán a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria.

De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o vencemento do prazo máximo establecido, sen que se dictara e notificara resolución expresa, determinará que os solicitantes poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Sen prexuízo do potestativo recurso de reposición ante o órgano que o dictou, no prazo establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, contra a resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na forma e nos prazos establecidos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun (1) mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá uni-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás achegas da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existiren, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a dita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Dirección Xeral de Urbanismo dictará resolución, deixando sen efecto a subvención.

Artigo 8º.-Obriga de cumprimento de prazos.

1. A entidade local está obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo, dentro da correspondente anualidade, a execución das fases que dean lugar a libramentos parciais. Todo isto de conformidade co establecido no artigo 15 c) e 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, (DOG nº 238, do 11 de decembro).

2. O incumprimento dos prazos parciais fixados para cada anualidade na resolución de concesión da axuda, determinará que o órgano concedente proceda á apertura do correspondente procedemento para, logo da audiencia ó interesado, resolve-la reducción da súa contía polo importe correspondente ó prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais debidamente acreditadas pola entidade local beneficiaria da subvención e que xustificarán suficientemente ante a Dirección Xeral de Urbanismo, todo isto con anterioridade ó vecemento do prazo indicado.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán preferiblemente no proceso de contratación

dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. No caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, estes deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da dirección xeral.

Artigo 10º.-Representantes da consellería.

Nas mesas de contratación que, de se-lo caso, se constitúan para a adxudicación dos traballos obxecto da subvención deberá incluírse un representante da Dirección Xeral de Urbanismo, que será designado polo director xeral de Urbanismo.

Artigo 11º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá achegar integramente a diferencia entre o importe do contrato e a axuda concedida e acredita-la dita contribución ante a Dirección Xeral de Urbanismo como requisito previo para o pagamento da axuda.

b) O pagamento da axuda efectuarase conforme o programa de achegas parciais establecido na resolución de concesión. Para proceder a cada unha das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos, conforme os requisitos establecidos nesta orde, na resolución de concesión e nos pregos de prescricións. Para tal efecto, deberá presentarse certificación detallada, expedida polo órgano municipal competente, relativa ó cumprimento das cláusulas e prescricións do contrato subscrito.

Os libramentos correspondentes realizaranse, se é o caso, de acordo coas prescricións establecidas no artigo 41.2º da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Para estes efectos, coa aceptación da subvención a Corporación Local asume os seguintes compromisos:

-Reintegrarlle á Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da axuda establecida e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

-Facilitarlle, se fose o caso, toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto da presente orde.

-Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

-Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tódalas obrigas que, para o mesmo, establece o citado artigo.

-As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde deberán someterse, ademais de ás actuacións que acorde a entidade concedente, ó disposto no Decreto 278/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o réxime de infraccións e sancións que establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos, e para tal fin as unidades administrativas dependentes dela poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposición adicional

A Dirección Xeral de Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. O dito reaxuste non poderá modifica-lo importe total da subvención, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece o artigo 3 da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que modifica os puntos 1º e 3º do artigo 58, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Destes actos daráselles traslado ás entidades locais afectadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda