Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2001 Páx. 5.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2001 pola que se convoca un curso sobre documentoscopia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre documentoscopia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos o coñecemento de diferentes técnicas que permitan distinguir documentos falsos e outras actividades que sirvan para o seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia;

e, no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 7 de maio, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso, o incumprimento deste requisito levará consigo a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso realizarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes

temas: 1. Falsificacións. 2. Análise de documentos. 3. Análise caligráfica, etc.

Datas.

O curso realizarase do 21 ó 25 de maio.

O horario será de 16 a 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 14 de maio, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono: 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de abril de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade