Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2001 Páx. 5.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 86/2001, do 6 de abril, polo que se crea o centro de menores de atención específica Montefiz (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada lei regula como servicios sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e xuventude, e recolle determinados programas e equipamentos entre os que figuran os centros de menores, encamiñados á consecución da normalización, personalización e integración sociofamiliar dos seus beneficiarios. No Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e atribúe a esta consellería a través da Dirección Xeral de Familia, entre outras competencias, as de execución das medidas dictadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica.

No desenvolvemento da lei, e co fin de garanti-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais.

Así mesmo, a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, establece como unha das medidas susceptibles de seren impostas ós menores o internamento terapéutico, razón pola cal se fai necesaria a creación dun centro de atención específica. Esta tipoloxía de centro defínese na Orde do 6 de novembro de 2000 pola que se modifica a do 29 de febreiro de

1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais, e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, sendo precisa orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

De conformidade coa Lei 4/1993, a Lei 3/1997 e o Decreto 243/1995, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase o centro de menores de atención específica Montefiz, que se situará no barrio de Montealegre, s/n (Ourense).

Disposición derradeira

Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a dicta-las disposicións necesarias para a posta en funcionamento do centro creado mediante o presente decreto.

Leiro, seis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude