Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2001 Páx. 5.450

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 85/2001, do 6 de abril, polo que se modifica o Decreto 345/1998, do 20 de novembro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, e se modifica a composición das comisións provinciais de Vivenda.

O Decreto 345/1998, do 20 de novembro, desenvolve no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001 e establece as axudas que a propia Comunidade achega ó dito plan, abordando desta forma conxuntamente co goberno central a problemática da vivenda en Galicia, e regula as vivendas declaradas protexidas.

O Real decreto 1186/1998, foi modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro, e o presente decreto adapta á dita modificación o Decreto 345/1998, do 20 de novembro, introducindo pola súa vez nel algunha modificación puntual que a experiencia adquirida trala súa aplicación aconsella.

Neste sentido, fíxanse os prezos máximos de venda das vivendas de protección pública e doutras vivendas xa construídas que rexerán en diante na Comunidade Autónoma. Por outra parte, trala entrada en vigor da Lei 40/1998, do imposto sobre a renda das persoas físicas e a conseguinte variación na forma de cuantifica-la base impoñible, era preciso proceder á súa adaptación no que toca ós ingresos mínimos esixidos para acceder ás axudas públicas, polo que se considerou oportuno reduci-la súa contía, manténdose desta forma un certo equilibrio en comparación coa lexislación anterior. Ademais, con motivo da desaparición do tradicional sistema de módulos, facíase preciso modifica-la forma de determina-lo prezo de venda en segundas e posteriores transmisións de vivendas de protección oficial de promoción privada, así como a referencia ós módulos nas vivendas de promoción pública, polo que se substitúen polo prezo básico.

Finalmente, coa finalidade de axilizar e mellora-la adxudicación de vivendas de promoción pública, crese conveniente modifica-la composición das comisións provinciais de vivenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación de varios artigos do Decreto 345/1998, do 20 de novembro, polo que

se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, para o período 1998-2001.

Modifícanse como segue os artigos do Decreto 345/1998, do 20 de novembro que a seguir se citan:

Un.-Engádeselle un parágrafo final ó número 2 a) do artigo 5º, que terá a seguinte redacción:

«Outras axudas económicas directas destinadas a facilita-lo pagamento da entrada para o primeiro acceso á vivenda en propiedade».

Dous.-Modifícase o número 1.f) do artigo 7º, que terá a seguinte redacción:

«f) Que os adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio acrediten que os seus ingresos familiares non sexan inferiores a 500.000 ptas».

Tres.-Modifícase o artigo 8º, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 8º.-Primeiro acceso á vivenda en propiedade.

Poderán acollerse ás axudas específicas para primeiro acceso á vivenda en propiedade os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio de vivendas protexidas con ingresos familiares que non excedan de 3,5 millóns de pesetas e que non teñan ou tiveran anteriormente vivenda en propiedade, ou que, téndoa, os seus titulares non dispoñan do dereito de uso ou desfrute dela, sempre que as vivendas adquiridas teñan unha superficie que non exceda de 90 metros cadrados útiles».

Catro.-Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 10º, que terán a seguinte redacción:

«1. Prezo, por metro cadrado de superficie útil, de referencia por zonas que servirá para fixa-los prezos máximos de venda das vivendas protexidas:

Zona 1ª: 125.625 ptas.

Zona 2ª: 113.062 ptas.

2. O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil das vivendas de protección oficial de nova construcción será o que consta no cadro seguinte:

VPOVPO.RE

Zona 1ª125.625113.062

Zona 2ª113.062101.756

Zona 1ª grupo A144.469130.021

Zona 1ª grupo B135.047121.542

VPO = Vivendas de protección oficial

VPO.RE = Vivendas de protección oficial de réxime especial.

3. O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil no caso das vivendas declaradas protexidas e de adquisición protexida doutras vivendas xa construídas será o seguinte:

VPD/APOV

Zona 1ª157.031

Zona 2ª141.327

Zona 1ª grupo A180.586

Zona 1ª grupo B168.808

VDP = Vivendas declaradas protexidas.

APOV = Adquisición protexida doutras vivendas».

Cinco.-Modifícanse os parágrafos segundo e terceiro do número 1, do artigo 11º, que terán a seguinte redacción:

«No caso de vivendas situadas en concellos da zona 1ª: 0,8000.

No caso de vivendas situadas en concellos da zona 2ª: 0,8889».

Seis.-Modifícase o título e os números 1 e 3 do artigo 12º, e engádeselle un novo número 4, quedando coa seguinte redacción:

«Artigo 12º.- Prohibición e límites á facultade de dispoñer e a descualificación.

1. Os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio non poderán transmitir inter-vivos nin cede-lo uso por ningún título das vivendas para as que obtiveran préstamo cualificado, durante o prazo de dez anos desde a formalización do dito préstamo.

Non obstante, a Comunidade Autónoma poderá deixar sen efecto esta prohibición de dispoñer, por poxa e adxudicación da vivenda por execución xudicial do préstamo, por cambio de localidade de residencia do titular da vivenda ou por outros motivos xustificados, logo de cancelación do préstamo e reintegro das axudas económicas directas á administración ou administracións concedentes, incrementadas cos xuros legais desde o momento da percepción.

3. As vivendas suxeitas a réximes de protección pública que se acollan ás medidas de financiamento establecidas polo Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro e ó Decreto 345/1998, do 20 de novembro, modificado polo presente decreto, non poderán ser obxecto de descualificación voluntaria a petición dos propietarios ata transcorridos quince anos contados desde a súa cualificación ou declaración definitiva.

4. A prohibición de dispoñer e as limitacións a que se refiren os números 1 e 3 deste artigo faranse constar expresamente nas escrituras de compravenda, adxudicación ou declaración de obra nova no suposto de promoción individual para uso propio, e na escritura de formalización do préstamo hipotecario, para efectos da súa inscrición no Rexistro

da Propiedade, onde se fará consta-la prohibición de dispoñer por medio de nota marxinal».

Sete.-Modifícase a redacción da letra a) do número 2.1 do artigo 15º, e engadéselle unha nova letra c) cos seguintes contidos:

«a) Subsidiación simple e, de se-lo caso, reforzada dunha porcentaxe das cotas de amortización de capital e xuros (ou de xuros cando proceda) do préstamo cualificado, regulada no artigo 20 do Real decreto 1186/1998, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro.

Subsidiación do 15 por 100 da cota durante os cinco primeiros anos do período de amortización do préstamo, nos supostos de vivendas de réxime especial para primeiro acceso en propiedade, cando o prestatario opte pola axuda estatal directa á entrada.

c) Axuda estatal directa á entrada, se optan por esta modalidade, para o sistema específico de financiamento cualificado para o primeiro acceso á vivenda en propiedade, nos termos e pola contía que se determina no citado artigo 21 do Real decreto 1186/1998, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro».

Oito.-Engádeselle un novo número 4 ó artigo 16º, que terá a seguinte redacción:

«4. A contía da axuda estatal directa á entrada será satisfeita ós seus destinatarios, directamente e mediante pagamento único, polas entidades de crédito concedentes do préstamo cualificado, do que a obtención será precisa para poder recibi-la axuda, no momento da formalización daquel, ou da subrogación no préstamo obtido polo promotor».

Nove.-O número 1 do artigo 20º queda redactado como segue:

«1. O réxime xurídico das vivendas declaradas protexidas farase extensivo ó período de amortización do préstamo cualificado e, en todo caso, terá unha duración mínima de quince anos contados desde a declaración definitiva.

Durante estes períodos manteranse as condicións de uso e prezo máximos establecidos. Transcorridos estes prazos extinguiranse as condicións de uso e de prezos máximos».

Dez.-Modifícase o número 2.1 do artigo 21º, que terá a seguinte redacción:

«2.1 Ós promotores para uso propio, adquirentes ou adxudicatarios que obtivesen préstamo cualificado e cumpran os requisitos establecidos neste decreto e no Real decreto 1186/1998, o dereito ás seguintes axudas:

a) Subsidiación simple e, de se-lo caso, reforzada, dunha porcentaxe das cotas de amortización de capital e xuros (ou só de xuros cando proceda) do préstamo cualificado nos termos previstos no artigo 20

do Real decreto 1186/1998, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro.

b) Axuda estatal directa á entrada, se optan por esta modalidade, para o sistema específico de financiamento cualificado para o primeiro acceso á vivenda en propiedade, nos termos e pola contía que se determina no artigo 21 do citado real decreto, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro».

Once.-Engádeselle un novo número 4 ó artigo 22º, que terá a seguinte redacción:

«4. A contía da axuda estatal directa á entrada será satisfeita ós seus destinatarios, directamente e mediante pagamento único, polas entidades de crédito concedentes do préstamo cualificado, do que a obtención será precisa para poder recibi-la axuda, no momento da formalización daquel, ou da subrogación no préstamo obtido polo promotor».

Doce.-O artigo 24º quedará redactado nos seguintes termos:

«Artigo 24º.-Destino dos aloxamentos.

Os aloxamentos só poderán ser cedidos en arrendamento a persoas maiores de 60 anos e mozos con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos sempre que os seus ingresos ou os da unidade familiar á que pertenzan non superen os 5,5 millóns de pesetas no suposto das persoas maiores de 60 anos e non superen os 3,5 millóns de pesetas cando se trata de mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos».

Trece.-O número 1 do artigo 26º quedará redactado como segue:

«1. Cando as actuacións protexidas recollidas neste capítulo sexan promovidas pola universidade ou entidades ou empresas que con ela colaboren, xa sexan de titularidade pública ou privada, e se destinen a estudiantes universitarios, os límites de ingresos para mozos con idades comprendidas entre 18 e 35 anos a que se refire o artigo 24º, non se terán en conta».

Catorce.-Modifícase o número 2 do artigo 31º, que terá a seguinte redacción:

«2. Así mesmo, con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, recoñeceralles, ós adquirentes que obtivesen préstamo cualificado, o dereito ás seguintes axudas:

2.1. Subsidiación simple e, de se-lo caso, reforzada, prevista no artigo 20 do Real decreto 1186/1998, sempre que a superficie útil da vivenda non exceda de 90 metros cadrados.

2.2. Axuda estatal directa á entrada, se optan por esta modalidade, para o sistema específico de financiamento cualificado para o primeiro acceso á vivenda en propiedade, nos termos e pola contía que se determina no artigo 21 do citado Real decreto, modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro».

Quince.-Engádeselle un novo número 3 ó artigo 32º, co seguinte contido:

«3. A contía da axuda estatal directa á entrada será satisfeita ós seus destinatarios, directamente ou mediante pagamento único, polas entidades de crédito concedentes do préstamo cualificado, do que a obtención será precisa para poder recibi-la axuda, no momento da formalización daquel, ou da subrogación no préstamo obtido polo promotor».

Dezaseis.-O artigo 39º queda redactado como segue:

«O Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñecerá ós promotores das actuacións previstas no art. 45 do Real decreto 1186/1998, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 46 modificado polo Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro e no artigo 47, o dereito ó financiamento cualificado previsto no artigo 48 do citado Real decreto 1186/1998 e no 49 modificado polo tamén citado Real decreto 115/2001».

Dezasete.-Modifícase a disposición adicional terceira, que queda redactada como segue:

«Terceira:

1. Para determina-lo prezo de venda en segundas e posteriores transmisións de vivendas de protección oficial de promoción privada será de aplicación o establecido no Real decreto 727/1993, do 14 de maio.

2. As referencias ás áreas xeográficas sobre vivendas de protección oficial de promoción pública e privada entenderanse feitas a zonas territoriais.

3. As referencias ó módulo, con ou sen ponderación, que se fan no Decreto 98/1992, do 26 de marzo, polo que se regula o financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública na Comunidade Autónoma de Galicia, entenderanse referidas:

Zona 1ª. Con ponderación, ó prezo básico

Sen ponderación, ó 94% do prezo básico.

Zona 2ª. Con ponderación ó 94,44% do prezo básico.

Sen ponderación, ó 88,44% do prezo básico.

Artigo segundo.-Modificación do anexo II do Decreto 345/1998, do 20 de novembro.

No anexo do presente decreto inclúense modelos de solicitude que substitúen ós dos correspondentes procedementos, que figuran no anexo II do Decreto 345/1998, do 20 de novembro. Así mesmo, inclúense novos modelos precisos para o seu desenvolvemento.

Artigo terceiro.-Modificación da composición das comisións provincias de Vivenda.

O número 2 do artigo 6º do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, polo que se regula o financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública, queda redactado como segue:

«2. As comisións provinciais de vivenda terán a seguinte composición:

O delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que desempeñará o cargo de presidente.

O secretario da delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que desempeñará o cargo de vicepresidente, e poderá, no caso de delegación ou ausencia do titular, asumi-las funcións do presidente.

O xefe de área provincial do IGVS, que actuará como secretario.

O delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Un representante da Dirección Xeral de Servicios Sociais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Un deputado provincial.

Vocais con carácter transitorio.

O alcalde ou concelleiro do concello onde estean as vivendas que se van adxudicar.

No caso de que existisen outros concellos interesados na adxudicación, por posibilidade de solicitude dos seus residentes, o presidente da comisión poderá incorporar a esta un representante de cada un deses concellos».

Disposicións transitorias

Primeira.-Posibilidade de obte-la axuda estatal directa á entrada en actuacións nas que se concedese préstamo cualificado.

Os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio de vivendas correspondentes a promocións acollidas ó Plan de Vivenda 1998/2001, así como os adquirentes de vivendas xa existentes, que cumpran os requisitos especificados na disposición transitoria primeira do Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro, polo que se modifica o Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, e queiran acollerse ó sistema alternativo da axuda estatal directa á entrada, deberán formaliza-la súa petición no modelo de solicitude do anexo II, xunto coa documentación que nel se especifique.

Mediante dilixencia na resolución de concesión de financiamento cualificado recoñecerase o dereito á percepción da axuda alternativa.

Segunda.-Aplicación dos novos prezos máximos de venda.

1. Os novos prezos máximos de venda que se fixan no artigo 10º deste decreto, serán de aplicación ás actuacións protexidas para as que se solicite ou se solicitase validamente acollerse ó vixente Plan de Vivenda 1998-2001, con posterioridade ó 25 de abril de 2000.

En calquera caso, se as vivendas ás que se refiren estas actuacións fosen obxecto de contrato de compravenda, de adxudicación ou de opción de compra, ou se percibisen cantidades a conta do prezo, a aplicación dos novos prezos máximos de venda requirirá o consentimento previo do adquirente ou adxudicatario.

2. Os novos prezos máximos de venda que se soliciten, conforme o modelo do anexo II, reflectiranse mediante dilixencia nas cédulas de cualificación ou declaración provisional, nas que deberá facerse constar igualmente que, sen o consentimento do adquirente ou adxudicatario, non serán de aplicación nos supostos previstos no parágrafo segundo do número 1.

Terceira.-Aplicación das prohibicións e límites á facultade de dispoñer e á descualificación.

As prohibicións e límites á facultade de dispoñer e á descualificación das vivendas suxeitas a réximes de protección pública previstas nos números 1 e 3 do artigo 12º, non serán de aplicación ás vivendas que obtivesen a cualificación ou declaración provisional antes da entrada en vigor do Real decreto 115/2001, do 9 de febreiro.

Nos supostos de adquisición protexida doutras vivendas xa construídas, a prohibición de dispoñer do número 1 non será de aplicación ás vivendas que obtivesen o visado con anterioridade á entrada en vigor do dito real decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó previsto no presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

San Clodio, Leiro (Ourense), seis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda